"Feijóo quere un banco zombi en Galicia que merque a débeda da Xunta e que evite o rescate"

Clodomiro Montero, responsable de CIG-Banca CC-BY CIG

Clodomiro Montero, responsable de CIG-Banca, coñece como poucos a situación do sector financeiro galego e, nomeadamente, de Novagalicia. Co inicio da negociación do ERE previsto, e que suporía o despido duns 2.500 traballadores, este representante sindical insiste na "continua provocación" da entidade e na "estratexia" de Xunta e Goberno central para acabar entregando o banco "a un fondo de investimento voitre e especulativo".

Os sindicatos denuncian acotío a "tomadura de pelo" por parte de Novagalicia Banco nas negociacións do ERE.

Xa no período previo de negociación do ERE asistimos a unha continua provocación por parte da entidade, con falta de documentación, con información en inglés... Unha auténtica provocación co único obxectivo de que houbese unha ruptura desta negociación para poder poñer o ERE en marcha canto antes e xustificalo en base á actuación da parte sindical. Sempre fomos conscientes disto e por iso mantivemos a nosa intención de negociar. Isto levou a que a empresa dese por rotas estas consultas incumprindo o convenio colectivo.

E como empezou a propia negociación do ERE?

Pois o martes volvemos asistir á mesma actitude. A dirección da empresa non aceptou a mediación e volver ao período anterior de consultas, e nesta primeira reunión do ERE só se deu cumprimento ao legal, pero a negociación é nula. Entrégase unha documentación nun CD e non se dá ningún tipo de alternativa ao plan de reestruturación.

"En contra do que se di, a proposta segue a ser de 2.500 despidos"

José María Castellano di que haberá menos despidos dos previstos inicialmente...

En contra do que se está a dicir, o certo é que seguen a ser 2.500 despedimentos porque se vai abrir un ERE paralelo aos traballadores da corporación, mentres que nas oficinas de fóra do Estado terán que ir a procedementos en base á lexislación de cada país. En definitiva, seguen sumando 2.500 despidos. A posición da empresa, e polo tanto do Goberno, segue a ser inamobible. A súa idea non é máis que aplicar nas entidades nacionalizadas unha reforma laboral que o mesmo Goberno aprobou e que se basea en que calquera reestruturación ten que realizarse a través de despedimentos e baratos e favorecendo a parte empresarial. A sensación é de pesadume. Son 2.500 persoas despedidas, milleiros de familias e casos humanos moi tristes e preocupantes.

Achega a documentación que lles facilitaron algo novo?

O que xa é público. Que as contas van pechar con 8.000 millóns de euros de perda, pero xa levamos catro ERE, catro plans de viabilidade, auditorías previas á fusión... E ningún deles se cumpriu. Que o rescate sexa máis gravoso ten que ver con esas políticas que están a aplicar no conxunto da sociedade e que se basean nos recortes. Canto máis se recorta na empresa, en peor situación queda. A situación que vive agora a entidade vén dada por unha mala xestión anterior, coas complicidades de todos os organismos supervisores, pero tamén pola situación na que se deixa a empresa a través dos continuos procesos de reestruturación e dos axustes.

Estamos nun túnel sen saída?

Canto máis se recorte a empresa, en peor situación queda e máis dependente se fai das axudas públicas. Estamos metidos nunha bóla na que se desmantela cada vez máis a entidade e cada vez máis precisa de axudas públicas. É semellante ao que ocorre no conxunto da economía.

"O FROB e o Estado non teñen intención ningunha de negociar, senón de aplicar a reforma laboral e despedir axiña"

Non ve en Novagalicia Banco intención ningunha de modificar o plan de reestruturación?

Por parte do FROB e do Estado non hai intención ningunha de negociar, senón de aplicar a reforma laboral que para iso a aprobou. Nese camiño non nos imos atopar nunca e por iso estamos en conflito. Ademais, non hai nin un só colectivo implicado en Novagalicia que non saia prexudicado. A clientela, os traballadores, a obra social... Están convertendo débeda privada en débeda pública.

"O que hai é un baleirado da entidade para que a merquen máis barata e non para que sexa máis viable"

Cal cre que é o obxectivo final desta estratexia?

O que se pretende é vender a empresa en 2015 e todas estas perdas agroman porque hai que provisionar, incluso préstamos que están a correntes de pago se obriga a provisionalos polo 100%, algo inédito no sector. Préstamos sans tamén pasan ao Sareb, o banco malo. O que vemos é que hai un baleirado da entidade para reducir nun 60% a entidade, e non para que sexa máis viable, senón para reducir as necesidades de capital no futuro e para que en 2015 alguén poida mercala máis barata.

E quen a mercará?

Ou se vende a un gran banco ou se aplica a solución de Castellano, e que apoia Núñez Feijóo, que é entregar case a metade do sistema financeiro galego a un fondo de investimento voitre e especulativo norteamericano. Isto supón converter Galiza nun país bananeiro, algo que ningún goberno do mundo permitiu, pero que aquí está avalado polo Goberno central e apoiado pola Xunta. É gravísimo.

"O obxectivo de Feijóo é evitar o rescate mantendo un banco zombi que merque a débeda da Xunta"

Que pretendería a Xunta con esa venda?

Mantívosenos como unha entidade zombi, o que prexudicou a clientes con débeda subordinada e os traballadores, pero polo camiño beneficiouse unha estratexia. O obxectivo é que a partir de 2015, coas provisións feitas e en período de privatización, a entidade terá capacidade para mercar débeda pública, tal e como se nos expuxo. O que pretende Feijóo é evitar o rescate mantendo unha entidade zombi que terá capacidade para mercar débeda da Xunta de Galicia. Este é o plan real do Goberno galego: evitar o rescate mantendo unha entidade zombi que lle adquira a súa propia débeda. Así poderá seguir dicindo que Galiza é a autonomía máis solvente do Estado. Dános medo escoitarlle isto a Feijóo porque lembramos tamén cando dicía que Novacaixagalicia era unha entidade solvente. Se a solvencia da Xunta é a mesma que a de NCG, o panorama é terrorífico.

Cre de verdade que este será o destino final de Novagalicia?

Estamos convencidos de que isto é unha fraude social. Vaise levar a cabo unha reestruturación cun gran custo social e para o beneficio de quen quede coa entidade en 2015. Atrás hai unha manobra para que queden con ela fondos de investimento norteamericanos. O maior acredor que ten Novagalicia Banco é a Xunta de Galicia e o que queren é que siga sendo así porque se garante ter conta cunha entidade que si ou si poida seguir en disposición de mercarlle a débeda que emita a Xunta. Así dá imaxe de gran xestor económico e de solvencia, esa imaxe que constantemente vende o presidente.

Os sindicatos chegaron a pedir que se vendese a entidade canto antes se non se cambiaban as intencións...

A CIG sempre matizou esa afirmación. Hoxe a entidade ten unha cota de negocio do 40% en Galicia e é moi apetecible para os grandes grupos bancarios do Estado. Loxicamente, unha entidade minimizada e empeorada imposibilita unha alternativa que non sexa a súa venda aos fondos de investimento, se se deciden a entrar. A empresa pasa a ter menos valor cara ao futuro e Joaquín Almunia xa dixo que ou se vendía ou se liquidaba. Así que, que ocorrerá se non chegan os fondos norteamericanos? En que situación quedamos? Por iso manifestamos que case era preferible unha poxa actual sen recortes, entendendo como recortes a diminución do valor da empresa. Quedará unha entidade saneada con máis depósitos que préstamos e isto é o que vai permitir seguir mercando débeda pública, que estamos convencidos que é débeda da Xunta.

Vostede leva anos alertando de que isto podía ocorrer.

En 2005, José Luis Méndez presentou un plan de expansión brutal que pretendía chegar aos 1.000 millóns de beneficio para Caixa Galicia en 2010, e mira onde estamos. Sempre lle dixemos que iso era o conto da leiteira e advertimos da situación. En tempos do goberno de Emilio Pérez Touriño reunímonos co director xeral de Política Financeira, que nos acusou de deslealdade cos directivos das entidades porque eles o estaban facendo moi ben. Tamén falamos con grupos políticos para advertir do que se nos viña enriba. O BNG insistiu na necesidade dunha reforma da lei de caixas e incluso Xaquín Fernández Leiceaga asegurou que o PSdeG defendería esa proposta, pero cando chega ao Parlamento, os socialistas fai unha defensa numantina dos directivos por motivos electorais e localistas.

"Estamos ante a última oportunidade; Novagalicia debe ser un banco público dependente da Xunta"

E agora, hai plan alternativo?

Estamos convencidos de que hai  un plan alternativo ao que se nos presenta. Estamos ante a última oportunidade. A entidade ten que ter vocación de servizo cara á cidadanía e manter oficinas que dean servizo ao pobo. O plan pasa por que esta entidade sexa pública e dependente da Xunta. O lóxico é que no momento que tes unha tasa de morosidade e hai clientes que non che poden pagar, ti mesmo vaias a unha quita, sentes cos acredores da entidade, vaias a un plan de reestruturación da débeda e a minimices, e non que o conxunto da sociedade se teña que facer cargo do 100% dunha débeda derivada da mala xestión. Defendemos un plan alternativo sen tanto custo social nin laboral e que permitiría a Galicia contar cun sector financerio que non fose bananeiro, algo que non permitiría ningún país do mundo, agás esta Xunta de Galicia.

Pediron xuntanzas co FROB e con Feijóo, segue sen haber resposta?

Quen está detrás dos despidos son a entidade, a Xunta e o Goberno central, e non Bruxelas como se nos vende. É normal que non nos reciban porque son eles os que nos queren botar e aplicando a reforma laboral que eles mesmos aprobaron. Non queren dar a cara, pero os traballadores e as súas familias xa teñen claro quen os quere despedir.

Non descartan un paro total na entidade?

Un conflito destas características irá evolucionando. Se non hai un avance na negociación, non nos quedará máis remedio que ir aumentando as xornadas de paro e as xornadas de folga, sen desbotar un paro indefinido. Tamén é certo que estamos nunha unidade de acción sindical e que tamén temos unha visión sectorial, porque isto afecta a outras entidades do Estado. Iremos a un conflito sectorial no que se convocarán folgas a nivel estatal.

Clodomiro Montero encabeza unha manifestación contra o ERE CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.