Novagalicia Banco acepta activar a arbitraxe para os afectados das preferentes e subordinadas no ámbito xudicial, onde se crearán "protocolos" entre os avogados de cada unha das partes co obxectivo de chegar a acordos antes de esgotar o preito e chegar a unha sentenza. Asegurouno Alberto Núñez Feijóo, que aclarou que a entidade bancaria llo comunicou este xoves ao Goberno. E anunciouno como un logro do seu Executivo, moi lonxe do que pensan os afectados e os seus representantes legais, que ven neste anuncio "un novo brinde ao sol" do presidente galego, que viste como éxito o que é "unha posibilidade obvia para calquera: a de que demandante e demandado cheguen a un acordo antes dunha sentenza".
A asociación de afectados lembra que o pacto previo á sentenza entre avogados é "unha posibilidade obvia" que xa existía
O xefe do Executivo galego, no entanto, destacou a importancia desta fórmula para así axilizar a recuperación dos aforros por parte dos milleiros de enganados por este tipo de produtos financeiros. Segundo Feijóo, esta fórmula chega tras o traballo do Goberno, que segue "buscando unha solución satisfactoria para que a maioría de afectados e o cento por cento dos que non tiveron a información necesaria".
"O que di Feijóo é unha cuestión obvia, como calquera preito por, por exemplo, un despedimento; isto xa se podía facer desde que acabou a arbitraxe, porque aquí non se vai reabrir arbitraxe ningunha no Instituto Galego de Consumo (IGC)", aclara Xoán Antón Pérez Lema, avogado e secretario xeral de Agaprofi (Asociación de Afectados por Produtos Financeiros).
"Aquí non se vai reabrir arbitraxe ningunha no Instituto Galego de Consumo", lembra Pérez Lema, avogado de centos de afectados
O letrado, que leva máis de douscentos casos de preferentistas, aclara que desde a resolución do FROB do pasado mes de xullo "xa non hai preferentes, senón xente portadora de accións ou un problema de reclamación de cantidades", polo que insiste en que a posibilidade que agora anuncia a Xunta "xa era posible", a non ser que Feijóo "acadase algún compromiso por parte de Novagalicia de maiores garantías no estudo rigoroso de cada caso". "Pero non explicou nin especificou nada diso", insiste Pérez Lema, que reclama ao presidente galego que "concrete que novidade hai" visto que, polo anunciado, non hai ningunha. "Cales son as melloras? Hai algún tipo de criterio extra en canto á aceptación de demandas por parte do banco? Comprometeuse Novagalicia a dar instrucións aos seus avogados para que contacten cos letrados dos afectados para chegar a pactos? Hai algún acordo en canto ás apelacións que a entidade está a impoñer en moitas sentenzas?", pregúntase o letrado de Agaprofi.
Agaprofi reclama a Feijóo "que concrete que novidade hai" no acordo alcanzado con Novagalicia Banco porque non ve mellora ningunha
Esta presunta e nova alternativa chega logo de que Feijóo anunciase na Cámara que a Xunta solicitara "formalmente" a Novagalicia Banco e ao FROB que reactivase a arbitraxe, xa fose pola vía administrativa ou no ámbito xudicial, esta última a fórmula elixida pola entidade bancaria. Pero NCG advirte xa de que aceptará o método sempre que conflúan circunstancias "similares" ás arbitraxes que xa foron aceptadas administrativamente, coa mediación que realizara o Instituto Galego de Consumo.
Ademais, o presidente galego lembrou que até o momento o 6% das familias recuperaron o "100% dos seus aforros". Agora, segundo anticipou el mesmo na pasada xornada en sede parlamentaria, a porcentaxe podería ampliarse a "entre o 75 e o 80%o dos afectados".