Ferrolterra iniciará unha mobilización continua en demanda de "solucións" á súa crise

Protesta de traballadores do naval CC-BY-SA CIG

"Ferrolterra esixe solucións". CIG, UGT, CC.OO. e USTG presentaron este venres na Praza de Armas de Ferrol unha iniciativa de mobilización continua e transversal en demanda de medidas que muden a situación de crise que vive a comarca. A falta de carga de traballo dos estaleiros, a elevada taxa de desemprego (varios puntos por riba da media galega), o despoboamento e envellecemento da poboación e a fráxil situación do comercio local son o cotexto no que nace esta campaña, coa que os sindicatos queren rachar as formas tradicionais de mobilización, e implicar con máis efectividade á cidadanía, comercio e entidades sociais de todo tipo (dende anpas a asociacións de veciños), moi concienciadas pola situación e o futuro da cidade os concellos próximos.

A campaña comezará o vindeiro venres 29 de novembro, cunha vixilia na praza de Armas. Tamén se distribuirán entre os locais comerciais e os veciños milleiros de bandeiras co lema Ferrolterra esixe solucións

A campaña comezará o vindeiro venres 29 de novembro, cunha vixilia na praza de Armas, fronte ao Concello. Tamén se distribuirán entre os locais comerciais e os veciños milleiros de bandeiras co lema Ferrolterra esixe solucións, para que as penduren das fiestras, amosando a preocupación pola situación económica actual e o compromiso coas reivindicacións da campaña, buscando unha mobilización sostida e unha presión constante. Antes, nas vindeiras dúas semanas, haberá pequenos actos organizados polos sindicatos pero tamén por outros colectivos, para ir xerando o ambiente de mobilización.

Navantia Ferrol está finalizando os últimos traballos de construción do derradeiro buque LHD encargado a Australia. Será o final de toda a actividade do sector na comarca, e 800 persoas máis quedarán sen traballo, uníndose aos 2.500 traballadores -entre os dos estaleiros e os das empresas auxiliares- que perderon o traballo desde 2011. Unirase tamén ao desinterese amosado polo Goberno central polo ansiado dique flotante ou ás eternas promesas e escusas para xustificar o atraso do dique flotante de Pemex que Núñez Feijóo prometera na precampaña de 2012 e que acumula máis dun ano de demora.

En boa medida esta campaña parte do éxito acadado pola folga xeral comarcal do pasado 12 de xuño

En boa medida esta campaña parte do éxito acadado pola folga xeral comarcal do pasado 12 de xuño. Foi un paro histórico, do 100% segundo os sindicatos, e que alén das cifras deixou clara que todos os sectores sociais e económicos da comarca están moi preocupados pola situación. Aquel día pechou todo o pequeno comercio local e máis de 50 mil persoas se manifestaton polo centro da cidade. Na preparación desa folga, sinalan dende os sindicatos, “falamos coas asociacións, pequeno comercio, hostaleiros, autónomos, mariscadores, mariñeiros, empresarios, grandes áreas comerciais...  Detectamos unha indignación tremenda coa situación da comarca e que aínda sen estar de acordo coa folga, o pequeno comercio, os autónomos, os hostaleiros e a pemes puxéronse a traballar en que a folga fose un éxito”. "A folga amosou dunha maneira radical que a maioría da xente de Ferrol, Eume e Ortegal esixe solucións para a comarca", conclúen.

Unha das demandas desa folga foi a de que os representantes dos traballadores fosen recibidos por Alberto Núñez Feijoo. Pero esa xuntanza nunca chegou. O máis que a Xunta chegou a ofrecer foron dúas entrevistas, co presidente do Igape e coa directora do Plan Ferrol. Os sindicatos non asistiron a esas reunións porque "non estabamos dispostos a participar nunhas negociacións baleiras, pois estas dúas persoas non teñen a capacidade para resolver os serios problemas que hai nas comarcas" e porque "entrar a esa negociación para o único que serviría seria para enmudecer a sociedade de Ferrol".

"Os sindicatos viámonos na obrigación de canalizar esta forza e nestas estamos”

Os sindicatos sinalan que dende a folga xeral comarcal “seguimos como estabamos”, pero “cunha diferenza: agora en Ferrol a xente sabe na situación na que estamos, que isto está morrendo e que non o van a permitir”. Engaden que “traballadores, comerciantes, hostaleiros, autónomos, mariscadores, mariñeiros, anpas están concienciados en construír as solucións. Con todo isto os sindicatos viámonos na obrigación de canalizar esta forza e nestas estamos”.

Un dos eixos da campaña será o reparto e colocación de bandeiras coma esta en toda a comarca Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.