Fiare completa os últimos pasos para operar como banco antes de final de ano

Xuntanza en Lugo do grupo norte de Fiare Galiza © Fiare

Paseniño, como todo gran proxecto, Fiare vai completando os pasos necesarios para comezar a operar como entidade de baca ética, algo que sucederá antes de final de ano. Cumprindo os prazos previstos, o Banco de Italia debe aprobar unha autorización para que Fiare poida operar (a entidade española opera através da Banca Popolare Etica), e finalmente deberá facelo o Banco de España, un trámite case que automático. A complexidade do proceso obriga a que todos as persoas e entidades asociadas en Fiare deban ter todo preparado para cando chegue ese momento.

O Banco de Italia debe aprobar unha autorización para que Fiare poida operar, algo que sucederá antes de final de ano

Os principais ámbitos de actuación de Fiare son proxectos vinculados á transformación no campo dos valores e a educación, a inserción social e laboral das persoas, a agroecoloxía e o comercio xusto e a cooperación norte-sur. Dende que en 2005 comezou a ofrecer créditos o volume de capital achegado a este tipo de proxectos de economía social -cunha achega máxima de tres millóns de euros por proxecto- non deixou de crecer. A pesar da crise económica, o crédito total aprobado pasou de 19,5 millóns de euros a finais de 2010 a máis de 27,5 a finais de 2011 e superou os 32 millóns en 2012. A meirande parte do crédito concentrouse en Euskadi e Catalunya, as zonas nas que Fiare ten unha maior implantación. Fiare capta aforro para prestalo, quitándolle o valor mercantil asociado a ese proceso; é dicir, canaliza, a través do aforro, solidariedade cidadá para garantir a través do crédito, condicións de equidade.

Na Memoria 2012 de Fiare, que se vén de publicar na páxina de Fiare Galiza, faise un percorrido pola traxectoria da cooperativa ao longo de 2012, un ano clave no proxecto, no que se aprobou a integración coa Banca Popolare Etica italiana e se celebrou a asemblea xeral de Fiare en Rivas Vaciamadrid. “Cambiemos as finanzas para cambiar o mundo”, destacan dende un proxecto no que xa participan case 500 movementos sociais e organizacións de toda España, un rico tecido social que leva anos construíndo, dende abaixo, esta alternativa.

Fiare Galiza, que agrupa case 250 persoas e 26 entidades, celebra periodicamente reunións para ir definindo as características que terá esta nova banca ética e este venres e sábado unha importante xuntanza en Bilbao, no que participarán as agrupacións e grupos de traballo de toda España, acabará de modelar algunhas das últimas cuestións. 

Nas reunións celebradas en Galicia nas últimas semanas, facendo gala da "horizontalidade" na que Fiare quere basearse, discutíronse principalmente cuestións de organización e tamén de definición de produto: isto é, como vai ser o banco que se cree. Debateuse se vai ofrecer hipotecas (en principio os socios inclínanse porque non o faga), se vai ofrecer tarxetas se débito e de crédito (en principio só de crédito), o tipo de préstamos que porá en servizo (descártanse nun comezo os empréstitos persoais, para centrarse nas axudas a entidades e proxectos cooperativos).

Tamén se discutiu o tipo de xuro que se lles vas ofrecer aos depósitos, en principio baixos, para que tamén sexan baixos os intereses que se lles cobren aos préstamos. De igual xeito, está sobre a mesa a proposta de ofrecer parte dos intereses xerados polos depósitos "en especie", a través de cestas de produtos ecolóxicos e de comercio xusto. Outra das propostas que conta cun gran consenso refírese á necesidade de que, cando menos nos primeiros meses, as persoas e entidade socias conten con preferencia á hora de solicitar préstamos, para recoñecer o apoio dado até agora, e tamén como unha forma de animar a novos colectivos e persoas a asociarse, o que de igual xeito lles outorga a posibilidade de participar na toma de decisións e na definición do modelo de banco que será Fiare.

En calquera caso, as propostas decididas en Galicia levaranse á xuntanza estatal para poñelas en relación coas preferencias dos outros grupos territoriais. Nesa xuntanza de Bilbao tamén se deseñará a estratexia comunicativa que servirá para lanzar Fiare como banco.

As persoas e entidade socias contarán con preferencia á hora de solicitar préstamos, para recoñecer o apoio dado até agora, e tamén como unha forma de animar novos colectivos e persoas a asociarse

Outros dos aspectos que se seguen debatendo teñen que ver coa necesidade de que o banco conte con sedes físicas en Galicia, algo que non sucederá nun comezo, senón que se optará por ter axentes bancarios que se desprazarán por todas as cidades e vilas galegas, chegando tamén ás zonas rurais. Nun comezo será esencialmente un banco online, que utilizará a mesma operativa que na actualidade empregan as Caixas rurais e que se inserirá na rede Servired para que os clientes de Fiare poidan facer uso desta rede de caixeiros. Tamén dispón dunha ampla rede de puntos de difusión a través de todas as asociacións que a conforman.

Xuntanza en Lugo do grupo norte de Fiare Galiza © Fiare
Máis de 200 persoas e 26 colectivos impulsan Fiare en Galicia CC-BY-SA Fiare Galiza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.