Fiare ofrecerá servizos de banca ética a partir de xullo de 2013

Asemblea de Fiare do 29 de setembro Dominio Público Fiare Galiza

Fiare Galiza aprobou esta fin de semana en Vigo a proposta de integración do proxecto na italiana Banca Popolare Etica, que camiña paseniño pero sen pause até a súa constitución nunha entidade bancaria completa pero con fundamentos éticos. Até o momento, Fiare actuaba como axente desta entidade no Estado Español. Na asemblea anunciouse que a entidade ofrecerá o vindeiro mes de xullo servizos e produtos de banca: banca electrónica, contas correntes, domiciliacións… Fiare Galiza aprobou a integración no proxecto por unanimidade dos 50 presentes agás dúas abstencións. A asemblea contou coa presencia do presidente de Fiare, Peru Sansia.

A diferenza doutras entidades como Triodos Bank, Fiare ou Banca Popolare son cooperativas, nas que as persoas que achegan o capital social pasan a ser socias de pleno dereito. Nas asembleas da entidade decídense desde as escalas salariais das persoas liberadas ou a taxa de xuro dentro do marco estabelecido polo Banco de España.

Na última parte da asemblea os asociados debateron a posibilidade da creación dunha segunda forma xurídica, separada da cooperativa pero relacionada coa mesma, que manteña a rede de redes creada durante todos estes anos e permita realizar certas actividades (parabancarias, denuncia…) que non teñen cabida na cooperativa. A cuestión é como manter a autonomía da que agora gozan as diferentes entidades territoriais dentro do Estado. Segundo Raúl Asegurado, activista de Fiare, "para a banca ética é fundamental a creación de grupos locais, o asentamento no territorio e a sensibilidade cara as diferencias culturais e sociais". 

Asemblea de Fiare do 29 de setembro Dominio Público Fiare Galiza
Máis de 200 persoas e 26 colectivos impulsan Fiare en Galicia CC-BY-SA Fiare Galiza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.