Froita, verdura e leite, os produtos ecolóxicos preferidos en Galicia

Invernadorio con produción de agricultura ecolóxica © Craega

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (C.R.A.E.GA) vén de presentar os resultados dunha enquisa que recolle como ven os galegos este tipo alimentos. A produción ecolóxica certificada medrou de media nestes últimos anos un 7%. “O consumidor deste produto é moi fiel, moi consciente do que quere comer, os vaivéns da economía non implican que baixe o seu consumo”, destacan os responsables de CRAEGA. O traballo destaca amosa que o 92% dos galegos coñecen ou oíron falar dos alimentos ecolóxicos, cando esa cifra era no 2010 dun 73%.

A produción ecolóxica certificada medrou de media nestes últimos anos un 7%. “O consumidor deste produto é moi fiel, moi consciente do que quere comer, os vaivéns da economía non implican que baixe o seu consumo”, destacan os responsables de CRAEGA

Preto dun 80% dos galegos di que son produtos que non usan pesticidas químicos, un 70% di que non teñen aditivos nin colorantes, e o 55% considera que son “máis naturais”. A cuarta característica coa que se asocian é o prezo, un 35% afirman que son “máis caros”. “Os custes de produción encarecen algúns produtos pero noutros casos non é certo, hai produtos certificados no noso consello que son competitivos cos convencionais, como a sidra”, explican dende CRAEGA, “os custes débense a que non empregamos substancias que aceleren os crecemento das plantas nin dos animais, as gandarías son producións extensivas con máis tempo e terreo para pastar. A calidade ten un prezo, pero o certo é que vai subindo o número de consumidores e produtos certificados no Consello”.

Dende 2001 pódense certificar produtos de orixe animal e dende 2009 pódese certificar a acuicultura continental e mariña e a recollida sostible de algas

Até 2001 a normativa de certificación de produtos da UE só deixaba certificar produtos de orixe vexetal, iso explica que algúns consumidores asocien que estes produtos teñen todos esta orixe, un 10% dos galegos así o pensa. Pero o certo é que dende 2001 pódense certificar produtos de orixe animal e dende 2009 pódese certificar a acuicultura continental e mariña e a recollida sostible de algas. “E somos unha potencia importante en acuicultura, temos mais de 50 bateas de produción ecolóxica, unha piscifactoría de troita, un parque de cultivo de ameixa e varias empresas que se dedican á recollida sostible de algas”, destacan os responsables de CRAEGA. Tamén un 50% pensa que estes alimentos son só producidos artesanalmente, e aínda que é así en moitos casos, “no sector tanto poden traballar pequenas explotacións e grandes empresas, o único que teñen que facer é cumprir a regulamentación”, explican.

O máis habitual é que o produto co que comece o consumo destes alimentos sexan vexetais, froitas e derivados lácteos, de feito en Galicia prodúcense as tres cuartas partes do leite ecolóxico de toda España. O seguinte grupo de alimentos en consumo son os ovos, doces e carnes.

O máis habitual é que o produto co que comece o consumo destes alimentos sexan vexetais, froitas e derivados lácteos, de feito en Galicia prodúcense as tres cuartas partes do leite ecolóxico de toda España

No relativo ao punto de compra, detéctase unha baixada de dez puntos na compra nas grandes superficies subindo un pouco as tendas especializadas, pero aínda así case un 60% merca en grandes espazos. Hai que destacar outro dato deste barómetro: existen un 26,3% de marcas brancas de produtos ecolóxicos: “A gran distribución viu que había un nicho grande de mercado”, sinalan. Finalmente, cómpre salientar que o 71,6% dos enquisados nunca consumiu estes alimentos nun restaurante. Por iso o Consello traballa nunha campaña de promoción cos restauradores. “Xa temos en Galicia preto de 20 que ofrecen un menú ecolóxico completo, unha demanda que nos facía o sector, que quería diferenciarse e innovar”, sinalan

Invernadorio con produción de agricultura ecolóxica © Craega
Produtos de gandaría ecolóxica © Craega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.