Fronte (máis ou menos) común contra Almunia e na defensa do naval

Manifestación do naval en Vigo CC-BY-SA CIG

Aínda non é oficial, pero o mero anuncio de que o departamento da Competencia da UE lle vai propoñer ao Colexio de Comisarios a devolución dos cartos do tax lease, as bonificacións fiscais do naval, desatou a ira no sector e a contrariedade nas forzas políticas galegas que, cada unha dende a súa óptica, cargan contra o comisario Joaquín Almunia e reclaman unha reconsideración da decisión. No que concordan todas as organizacións sindicais, empresariais e políticas é en que a devolución duns 2.800 millóns de euros, con independencia de que lles afecte ás casas armadoras ou directamente aos estaleiros, supón o tiro de graza para a construción de barcos en Galicia, así como en Asturias e Euskadi. De aí as apelacións a unha fronte común.

Despois de que o persoal do sector se botase ás rúas de Vigo ás poucas horas de coñecer a proposta formal de Almunia ao comisario comezaron a choverlle as críticas, as máis sorprendentes dende o PSdeG. Así, despois de que na sesión de control do pasado mércores o líder dos socialistas galegos advertise de que, aínda que o titular de Competencia pertenza ao PSOE, o Colexio de Comisarios ten unha aplastante maioría conservadora, este venres Pachi Vázquez considerou "preferible que Almunia dimita antes de traizoar os intereses estratéxicos de Galicia, Asturias, Euskadi e España". "Non se pode defener Europa contra galicia" nin "crear un novo modelo de país levando por diante sectores estratéxicos", di Vázquez, para quen o seu compañeiro de partido defende unha "postura insostible".

Pachi Vázquez reclama a dimisión do comisario, tamén esixida por AGE

"Non pode, e menos un socialista, ser quen poña enriba da mesa unha proposta que lesiona grave e irreversiblemente os intereses do sector naval no noso país", abonda o secretario xeral do PSdeG, quen propón ademais a convocatoria dun pleno extraordinario no Parlamento "co punto único de instar os gobernos central e autonómico e ao Colexio de Comisarios a que non adopten ningunha resolución que destrúa con carácter irreversible o naval de Galicia".

Quen tamén cre que Almunia debe coller a porta de saída é AGE, que nun comunicado coida que a proposta do comisario, de realizarse, sería "unha decisión ilexítima tomada de costas aos intereses xerais da cidadanía e dun xeito burocrático", máis aínda, "por persoas sen lexitimidade democrática". Neste sentido, Alternativa censura tamén a "manobra de distración da Comisión na que se trata de escudar Joaquín Almunia, dicindo que non serán os armadores senón as navieiras e financiadoras as que teñan que devolver os cartos". "Non é máis ca unha tomadura de pelo" que desembocaría, de igual xeito, no "peche de 19 estaleiros e na destrución duns 80.000 postos de traballo".

O BNG, disposto a "acampar" en Bruxelas

Como os socialistas, tamén o BNG reclama a convocatoria urxente dun pleno extraordinario da Cámara para abordar a decisión do tax lease. Pero, ademais, a voceira do Bloque en materia industrial, Carme Adán, asegura que a formación frontista ten a "vontade" de "acampar ante o Parlamento europeo" para protestar contra a decisión. Se Feijóo está "tan indignado" coa postura de Almunia, di, o presidente galego debera ser quen "encabezase a acampada, acompañado dos setenta e cinco deputados e deputadas da Cámara galega". "Galiza non está diposta a consentir a destrución do sector naval", advirte Adán, que apela a cidadanía a unirse ás mobilizacións do sector ao tempo que se amosa convencida de que "a UE é a ruína do pobo galego".

O PP pon o acento na militancia socialista de Almunia e o Bloque cre que se Feijóo está "tan indignado" debera encabezar unha acampada na Eurocámara

Mentres os grupos da oposición apelan, en maior ou menor medida, á constitución dunha fronte común dende o PP a súa voceira, Paula Prado, pon o acento na militancia de Almunia. Así, a conservadora sinala que "quedan dezanove días para que a catástrofe anunciada se poida corrixir nun despacho da Comisión Europea" e, mentres "pola banda dos populares galegos e pola do Goberno de España non vai quedar", quen "ten a chave neste asunto é un socialista". Nesta liña, coida que o PSdeG lle ten "máis lealdade a quen foi o seu xefe de filas antes de Zapatero" que "aos 14.000 galegos que hoxe traballan no sector e mañá non o farán de seguir adiante o plan avanzado" polo comisario, a quen ve "disposto a exercer o poder de elevar nun 5% a taxa de paro de Galicia". Á proposta de Almunia só lle queda un paso, recibir o visto e prace de toda a comisión, onde sentan 20 comisarios conservadores e 7 socialistas.

Joaquín Almunia, durante unha conferencia de prensa © Comisión Europea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.