Galicia ascende ao podio estatal da baixada de soldos

Evolución interanual dos salarios CC-BY-SA Praza Pública

Un dos hits da lexislatura estatal que está a piques de rematar foi o protagonizado en 2013 polo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, que nunha xa célebre resposta parlamentaria decidira obviar os datos oficiais para proclamar que os salarios non estaban "a baixar", senón "moderando o seu crecemento". A afirmación do que xa fora responsable das contas estatais con José María Aznar, época na que tamén negou a existencia da burbulla inmobiliaria, non se correspondía coa realidade no conxunto do Estado e agora segue sen facelo en Galicia, onde tras un período de leve recuperación os soldos volven caer ata ascender ao podio estatal de baixadas.

O IGE e mais o INE veñen de ofrecer os datos de custos laborais -cantidades que as empresas teñen que achegar por cada persoa asalariada- e salariais -cartos que recibe o persoal- correspondentes ao segundo trimestre do 2015. Deles tírase que o retroceso dos salarios a respecto do mesmo período do exercicio anterior acada en Galicia o 2,2%, o que supón a segunda maior baixada do Estado, só por tras do 4% que retroceden as remuneracións do persoal en Castilla-La Mancha. O dato deixa a Galicia moi lonxe dos territorios nos que os salarios tiveron un comportamento positivo, como Castilla y León, Balears, Aragón ou Canarias, onde o custo salarial subiu por riba do 2%.

As cifras do segundo trimestre supón que ao país se interne nunha senda na que os salarios non só se comportan peor que os doutros territorios e que a media estatal, senón que caen mentres noutros territorios e no Estado se recuperan. Mentres os cartos que reciben traballadoras e traballadores caen o devandito 2,2% en Galicia, a media estatal ascende un 0,60%.

Xusto antes do inicio da crise os salarios galegos chegaron a medrar o duplo que a media estatal

Estes datos implican afastarse de etapas como a comprendida entre 2012 e 2013, cando os salarios galegos subían un chisco, pero contribuían a minguar a fenda co Estado. Están aínda máis lonxe de escenarios previos á crise, como a xeira entre mediados de 2005 e comezos de 2007; daquela os salarios galegos chegaron a medrar o duplo que na media española, cun crecemento que acadou a comezos de 2010 o 10,20% interanual fronte ao 5,10% da media do Estado.

A caída dos salarios prodúcese nun contexto no que, como xa viña acontecendo en trimestres anteriores, o persoal asalariado galego incrementa o seu número de horas traballadas. Segundo o balance do INE, nese segundo trimestre do ano cada traballador e traballadora desenvolveu o seu labor profesional unha media de 134,6 horas ao mes, mentres que un ano antes eran 134,5. Así, en Galicia as horas efectivas de traballo ao mes son 3  máis que na media do Estado.

Traballadoras dunha conserveira CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.