O mito da tendencia ao aforro da sociedade galega semella ser máis ca un mito, o mesmo que o apego da poboación do país polas entidades financieras máis próximas ao territorio -cando as había-. Os datos de depósitos bancarios ofrecidos polo Banco de España e peneirados polo Instituto Galego de Estatística amosan como, tras dous anos de lixeiras caídas, os depósitos bancarios en Galicia volveron ascender en 2013 e non só a valores anteriores ao estourido da crise económica, senón moi por riba destes, ata o punto de bater récords. Paradoxalmente, isto acontece en plena vaga de peches de sucursais bancarias no país, parella á fin das antigas caixas e ao proceso de concentración no sector promovido pola Unión Europea e o Goberno de España.
A finais de 2013 os bancos acumulaban case 54.000 millóns de depósitos en Galicia
A 31 de decembro de 2013 as entidades bancarias acumulaban en Galicia 53.892 millóns de euros en depósitos -sen contar os das Administracións públicas, que elevan o dato aos 56.157-, case un 6% máis que un ano antes e un 25% máis que no remate de 2007, ano considerado de inicio da crise. Botando a vista un chisco máis atrás, os galegos e galegas teñen nos bancos 22.900 millóns máis que hai unha década, en 2003, cando os depósitos galegos se situaban en algo menos de 31.000 millóns. Nesta última década só se produciron dous descensos interanuais, entre 2010 e 2011 e entre 2011 e 2012. Non obstante, os 53.034 millóns de 2010 xa se superan na actualidade.
O bo comportamento dos aforradores e aforradoras galegas non se corresponde cunha mellora na atención por parte dos bancos, cando menos no que atinxe á súa extensión territorial. En apenas catro anos Galicia perdeu case a cuarta parte das sucursais, pasando de 2.414 a finais de 2010 a 1.843 no remate do pasado ano. Estes peches non só tiveron evidentes consecuencias para os cadros de persoal das entidades afectadas, senón tamén para a poboación, especialmente a rural, onde a exclusión financeira é xa un feito en pequenas localidades.
Nos anos da burbulla inmobiliaria as caixas abrían oficinas no Levante español e pechábanas no país
As bases de datos do IGE permiten coñecer tamén como a expansión das antigas caixas de aforro nos anos cumio da burbulla inmobiliaria desatendeu case completamente a Galicia. Así, mentres no Levante español agromaban como fungos rótulos de Caixa Galicia e Caixanova en Galicia as súas oficinas no país non só non aumentaban, senón que diminuían. Mostra disto é que en 2003 había abertas en territorio galego 1.247 oficinas de caixas de aforro e en 2006, 1.225. Catro anos máis tarde, en 2010 -último ano dispoñible para estes datos- xa eran só 1.145. Coherente con este dato é o que indica que o 60% das vivendas herdadas por Novagalicia Banco para tentar vendelas están fóra de Galicia.
Sen noticias do crédito
As entidades non teñen en conta o importante volume de depósitos galegos á hora de abrir e pechar oficinas, pero tampouco cando se trata de conceder créditos. Na liña da tendencia dos últimos tempos Galicia pechou 2013 como fornecedora neta de crédito para o resto do Estado, toda vez que os cartos depositados nos bancos superan en 3.607 millóns de euros os préstamos vixentes, situados a finais do pasado ano en 50.284 millóns de euros.
Galicia rematou 2013 como fornecedora neta de crédito para o resto do Estado
Malia aos anuncios oficiais sobre a apertura da consabida billa do crédito o certo é que os fondos prestados polos bancos en Galicia sufriron un descenso interanual de case o 9% entre 2012 e 2013, ano que rematou cun 30% menos de cartos a crédito que en 2009, ano que tocou teito con máis de 71.000 millóns de euros prestados. Actualmente o país está en niveis semellantes aos dos anos 2005 ou 2006, coa diferenza que daquela os bancos prestaban máis do que tiñan depositado e na actualidade a situación é xustamente a contraria.
Os datos de préstamos son tamén unha boa radiografía do peso que o sector das caixas de aforro, agora desaparecido -Caixa Rural Galega é legalmente unha cooperativa de crédito-, tiña en Galicia. No ano 2009, dato dispoñible máis recente, dos 71.282 millóns que os bancos tiñan prestados, case 38.000 prestábanos as caixas, isto é, practicamente o 54% do total.