Galicia capta máis fondos da UE dos que agardaba pero menos dos que precisa

Feijóo, tras o Consello © Xoán Crespo

A botella media chea. Así a ve Núñez Feijóo logo de anunciar hai dúas semanas que Galicia recibirá mellor trato que outras autonomías no reparto dos fondos europeos para o período 2014-2020 que son asignados por cada Estado e non directamente por Bruxelas. Con eses 771 millóns extras acadados tras a negociación da Xunta co Goberno central, a achega de fondos estruturais da UE será de 2.771 millóns para os vindeiros sete anos. Case 600 menos que os recibidos no período anterior (2007-2013) polo mesmo concepto, pero máis do agardado nun principio.

Galicia recibirá máis do agardado pero a metade do que recibiu no período 2007-2013

"Nin os máis optimistas podían pensalo", presumiu Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello na que anunciou a boa nova. Segundo aclarou, as mellores expectativas dábanlle a Galicia dous terzos (un 66%) dos fondos estruturais recibidos para os últimos sete anos, froito desa "aterraxe suave" para as rexións que pasan a ser consideradas ricas e deixan de ser obxectivo 1, como no caso do país. Unha "rede de seguridade" pola que loitou o Goberno galego e que acabou permitindo que a comunidade conte para o vindeiro período co 83% dos fondos estruturais. Uns 2.800 millóns, fundamentalmente a través das partidas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e do Fondo Social Europeo (FSE).

Eses 2.771 serán os cartos que Galicia recibirá da UE. Máis do que se esperaba, pero case a metade do total recibido no período anterior (2007-2013), cando Galicia recibiu en total 5.400 millóns de euros. A clave está en que a autonomía deixou de ser considerada rexión de converxencia, polo que xa non podía optar aos fondos de cohesión asignados a esta categoría, e que reducen en boa parte as achegas europeas.

Ana Miranda critica que Feijóo "venda como éxito o que non é" e censura que a Xunta non fose quen de "acadar uns baremos de reparto máis beneficiosos para Galicia"

Ana Miranda, eurodeputada do BNG, critica que a Xunta "venda como éxito" o que non é, e leva meses advertindo de que o Goberno galego "non foi capaz de acadar uns baremos de reparto dos fondos europeos que favoreceran a Galiza, pois cos criterios aprobados en Bruxelas, o noso país ten a consideración de rexión rica dentro da UE", algo que considera "un disparate que non reflicte a realidade económica e social" da comunidade e que foi agravado coa ampliación da Unión a máis estados e o descenso na media do nivel económico das rexións.

A UE ten en conta datos económicos do período 2007-2009 para asignar os fondos até 2020

O Bloque, desde a posición de Ana Miranda como membro titular na Comisión de Desenvolvemento Rexional da Eurocámara, loitou para que na distribución final dos fondos europeos os baremos e indicadores de reparto tivesen en conta a situación última do PIB e non os datos de 2007-2009, tal e como se fixo, anos nos que comezaba a crise e cuxos terríbeis efectos aínda non se trasladaran de cheo ás estatísticas. "Non ten sentido que se tomen datos de hai oito anos para aplicalos no período 2014-2020 e non os dos últimos exercicios, nos que máis estamos a sufrir a recesión", di Ana Miranda.

Polo tanto, o problema vén de moito atrás. De cando o Consello Europeo en Bruxelas negociou o Marco Financieiro Plurianual onde se decidía o orzamento comunitario 2014-2020 e onde, segundo Miranda, "a Xunta non fixo o traballo necesario". Galicia caeu da categoría de territorios de converxencia e pasou a entrar, tomando como referencia indicadores de Eurostat, na categoría de nacións máis desenvolvidas malia a súa actual situación económica.

Unha vez confirmada a rebaixa de fondos, Galicia e outras autonomías lograron a "rede de seguridade" que reduciu o impacto

Unha vez confirmada esta rebaixa nas expectativas, e tendo en conta datos económicos que nada teñen que ver coa realidade actual (e posiblemente futura) o Goberno galego, xunto con outras autonomías en idéntica situación, loitou para acadar esa "rede de seguridade" que permitise unha "aterraxe suave". Conseguiuse e Feijóo negociou logo co Estado para acadar maiores vantaxes nese reparto dos fondos europeos asignados desde Madrid. Foi alí onde, segundo deixou caer, os 771 millóns extras conseguidos para Galicia crearon "problemas" con outras comunidades que non saíron tan favorecidas.

Con todo, Galicia recibirá da UE para os vindeiros sete anos a metade do que recibiu na etapa anterior. De 5.400 a 2.771 millóns. Ademais, a Xunta deberá reorientar o gasto para centralo na innovación, na investigación, o fomento do emprego e as tecnoloxías da información. A botella medio baleira, segundo moitos críticos, ou medio chea, segundo Feijóo, que presume do éxito das negociacións. Precisamente, o presidente da Xunta defende este martes en Bruxelas o ditame do Comité das rexións que pretende promover unha maior eficiencia no uso dos recursos comunitarios. E foi desginado pola comisión de Cohesión Territorial, algo que para o Goberno foi "acollido moi gratamente" porque suporía "un reoñecemento á boa xestión dos fondos europeos realida por Galicia" desde que comezou a recibir axudas estruturais en 1986.

Ana Miranda, europarlamentaria do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.