Galicia comeza 2018 con 9.000 contratos máis e 12.000 empregos menos

Dominio Público Praza Pública

O modelo non muda. Galicia despediu outro mes de xaneiro destruíndo emprego e aumentando o número de persoas paradas rexistradas nas antigas oficinas do INEM. O final do Nadal e dos contratos temporais no sector servizos insistiu na tendencia dos principios de ano desde hai tempo. Case 5.000 desempregados máis e 12.000 empregos menos. Ao tempo, case 9.000 contratos máis que no pasado mes de decembro. 

Galicia conta con case 190.000 persoas paradas, 5.000 máis que en decembro e 22.200 menos que hai un ano

Así, o número total de persoas paradas rexistradas nas oficinas de emprego en Galicia sitúase nas 189.886, 4.873 máis que no mes de decembro, un incremento do 2,63%, case un punto máis que a nivel estatal. Con todo, son 22.192 que no mesmo mes do ano pasado e, desta vez si, un descenso do 10,5%, un comportamento tres puntos mellor que no conxunto de España. 

Outra vez, é o sector servizos o que marca os resultados, xa que o paro aumenta en máis de 5.000 persoas no que ten que ver coa hostalería e o comercio e descende lixeiramente en industria (-314) ou no colectivo sen emprego anterior (-161). Sobe tamén un pouco tanto na construción (+146) como na agricultura (+110).

En canto ás afiliacións á Seguridade Social, xaneiro remata con 11.986 cotizantes menos en Galicia, aínda que son 22.714 máis con respecto ao ano pasado. Xa que logo, o país destrúe case 12.000 empregos neste primeiro mes do ano tras crear case o dobre en doce meses. 

En Galicia creáronse case 23.000 empregos nun ano pero perdéronse 12.000 en xaneiro

O caso é que en comparación co mes de decembro, o paro sobe nunhas 5.000 persoas, pero o número de afiliados descende en case 12.000, máis do dobre e unha diferenza de milleiros debida a varias circunstancias, como a emigración e fuxida da poboación activa, o desánimo que leva a desapuntarse das listaxes de demandantes de emprego ou o paso á economía en b. E todo, mentres a poboación activa segue a caer. 

Ademais, a enquistada temporalidade e a precariedade non só non se reducen, senón que se consolidan e aumentan. O número de contratos que se asinan son cada vez máis, tamén nos últimos meses de xaneiro, aínda peores en termos de desemprego, tanto en 2016 como en 2017. Así, no primeiro mes de 2016 asináranse 62.688 contratos e 7.000 máis foron firmados doce meses despois: 69.894. En xaneiro de 2018, foron máis de 80.000 (80.270), 10.000 máis que un ano antes. 

Como vén acontecendo, a maioría deses contratos (o 90,5%) son temporais e tan só 7.611 deles foron indefinidos. Foron 8.739 máis asinados con respecto ao mes de decembro e 10.376 máis en comparación co mes de xaneiro do ano pasado. Malia todo, no mes de xaneiro aumentou o paro en 5.000 persoas e destruíronse uns 12.000 empregos; con case 9.000 contratacións máis. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.