Galicia destruiu case seis mil empregos en setembro

Oficina de emprego nunha vila galega CC-BY-SA Merixo

Rematado o verán e a bolsa de postos de traballo estacionais que adoita xerar, o paro volve crecer en Galicia. En setembro hai 2.005 persoas máis inscritas nas oficinas públicas de búsqueda de emprego. En total son 215.737, cun descenso acumulado de 22.466 nos últimos doce meses. No conxunto do Estado o paro creceu en 26.087 persoas, superando de novo os catro millóns de desempregados e desempregadas (4.094.042). Porén, o número de afiliados e afiliadas á Seguridade Social en Galicia, é dicir, o número real de empregos, caeu o pasado mes en 5.724 persoas. Pola contra, a afiliación aumentou en España en case nove mil persoas (8.916).

A análise illada das cifras de demandantes de emprego podería levar a pensar que a situación laboral en Galicia amosa unha tendencia máis positiva cá do conxunto de España. En efecto, dende o mes de setembro de 2014, as listas do paro reúnen na nosa comunidade 22.466 persoas menos (un descenso do 9,43%). Mentres, a caída total en España é de 353.608 persoas, un 7,95%, encabezada por La Rioja, Aragón, Baleares, Cataluña, Navarra e Castela-León, onde o descenso do paro superou o dez por cento. Galicia sitúase, pois, por riba da media, superando a Andalucía, Asturias, Estremadura, Murcia, Castela-A Mancha, Cantabria e Euskadi.

A recuperación do emprego en Galicia é máis lenta que no resto de España e só mellora os datos de Euskadi (cun crecemento do 2,15%), Cantabria (1,55%) e Asturias (1,50%)

Porén, a creación efectiva de emprego revela unha realidade moi distinta. Nos últimos doce meses a afiliación creceu en Galicia en 20.803 persoas, unha mellora do 2,22%. No conxunto do Estado o emprego creceu en 528.112 persoas, un 3,17%. A recuperación do emprego en Galicia é, polo tanto, máis lenta que no resto de España e só mellora os datos de Euskadi (cun crecemento do 2,15%), Cantabria (1,55%) e Asturias (1,50%). 

A explicación para a diferenza que en Galicia entre a evolución da estatística de traballadores e traballadoras e dos datos de demandantes de emprego debemos buscala ou ben no abandono desa procura de emprego por cansancio ou falta de expectativas, ou ben no traslado a outras comunidades ou fóra de España.

 

Descenden os contratos indefinidos

O paro creceu no sector servizos, unha constatación da importancia do remate en setembro dos contratos estacionais relacionados co período estival

Por sectores, o paro creceu en servizos, unha constatación da importancia do remate en setembro dos contratos estacionais relacionados co período estival. O sector terciario sumou 3.260 desempregados e desempregadas máis, mentres que no resto atopamos pequenas reducións: Construción (753 parados menos), Industria (-357), Sector Primario (-72) e colectivo sen emprego anterior (-73).

Por provincias, o número de parados e paradas descendeu en Ourense (en 58 persoas) e incrementouse nas outras tres, especialmente en Lugo (+492) e Pontevedra (+1.391), e algo menos na Coruña (+180).

En relación con setembro de 2014, creáronse 8 contratos indefinidos menos, sendo Galicia e a Comunidade Valenciana os únicos territorios nos que descendeu a cantidade de contratos desta modalidade

En setembro formalizáronse 87.553 contratos en Galicia, pero deles tan só 6.097 foron indefinidos. En relación co mesmo mes do ano anterior, creáronse 8 contratos indefinidos menos, sendo Galicia e a Comunidade Valenciana os únicos territorios nos que descendeu a cantidade de contratos desta modalidade. No que levamos de ano Galicia suma 48.938 indefinidos, un 7,38% do total de contratos. No conxunto do Estado a proporción de indefinidos é algo superior (8,20%), encabezada por Madrid, Cataluña, Baleares e Canarias, todas por riba do dez por cento.

 

Cobertura

Dos 215.737 parados e paradas rexistradas en Galicia só reciben algún tipo de prestación 106.539, menos da metade (o 49,38%)

Dos 215.737 parados e paradas rexistradas en Galicia só reciben algún tipo de prestación 106.539, menos da metade (o 49,38%). A crise foi baleirando as reservas económicas de moitas persoas, sobre todo das que quedaron sen emprego, e a medida que esa situación se prolonga, os seus efectos son máis grandes. Dende o inicio da crise a porcentaxe de desempregados e desempregadas que percibe algunha prestación non deixou de diminuír. Se en 2009 aínda era do 68%, en 2012 caera ata o 58%. A finais do pasado ano situábase lixeiramente por riba do 51% e o pasado mes de maio caeu por debaixo do 50% por vez primeira. En setembro, é do 49,38%.

Ademais, entre esas 106.539 persoas que aínda reciben algún tipo de ingreso, son cada vez menos os que perciben unha prestación contributiva, na actualidade só 44 mil, moi por debaixo dos 80 mil de hai apenas dous anos. O resto foi esgotando en moitos casos ou seus dous anos de prestación de desemprego e se ten que conformar,no mellor dos casos, con algunha das modalidades de prestación non contributiva, de contía moi inferior. 48.424 reciben o subsidio de desemprego (uns 426 euros, o 80% do IPREM); 12.234 perciben unha Renda Activa de Inserción (426 euros); e outros 1.805 están nalgún Programa de Activación do Emprego. Outras 109 mil persoas non teñen ingreso ningún.

 

Reaccións sindicais

Os sindicatos valoraron negativamente os datos de desemprego e afiliación de setembro. A CIG chama atención sobre a caída da afiliación á Seguridade Social, que supera mesmo o incremento rexistrado nas listas de procura de emprego, "datos que obrigan a preguntarse por que desaparecen 3.695 persoas ou se estamos diante dun novo éxodo de galegos/as ao exterior en busca dun posto de traballo". Pola súa banda, UGT fai fincapé en que os case 90.000 contratos feitos en Galicia nun só un mes son unha mostra dos "altos niveis de rotación laboral e precariedade". Para CCOO, o remate do verán "reflicte con crueza" cal é a "verdadeira situación da economía galega": menos emprego, máis paro e situación de emerxencia social nunha unha economía "que non supera a crise porque non se desenvolven as políticas necesarias".

Oficina de emprego nunha vila galega CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.