Galicia é a comunidade con maior porcentaxe de vivendas baleiras no Estado

Vivenda deshabitada en Fisterra CC-BY-NC-SA Elena Lostalé

Galicia é a comunidade autónoma do Estado que conta con maior número de vivendas baleiras no conxunto do Estado. Así o confirma o INE, que vén de publicar o seu último informe sobre o Censo de Poboación e Vivenda. Segundo se tira dos datos, o 18,6% do total de inmobles do país está deshabitado, fronte ao 13,7% da medida estatal. En case dúas de cada dez casas que hai no país non vive ninguén.

Ourense, Lugo e A Coruña son tres das catro provincias do Estado con maior porcentaxe de vivendas baleiras

Ademais, as provincias de Ourense e Lugo son tamén as que contan cunha maior porcentaxe de vivendas baleiras no Estado -segundo estes últimos datos de 2011-, cun 22,7% e un 20,2% respectivamente, seguidas de Castelló (co 19,5%) e A Coruña (co 18,6%). Das cifras dedúcese que estes elevados niveis débense en Galicia ao abandono no rural, ao ser o país a comunidade autónoma con máis lugares deshabitados. Nos territorios lucense e ourensán, os que contan con máis concellos no rural, máis de dúas de cada dez vivendas están baleiras.

No conxunto do Estado, nos últimos dez anos creceu o número de vivendas baleiras en 336.943. Deste total de inmobles que pasaron a estar abandonados, Galicia atópase tamén entre as comunidades cun maior incremento, de 70.036 inmobles, o que supón un 8,7% respecto ao total de novas casas baleiras entre 2001 e 2011.

Nos últimos dez anos, máis de 70.000 vivendas quedaron baleiras en Galicia

Ademais, hai varios concellos galegos onde destaca o número de vivendas deshabitadas. Entre os municipios con máis de 20.000 habitantes, Lalín é o terceiro con maior porcentaxe de casas baleiras no Estado, cun total de 3.307 sobre as 11.729 que conforman o censo (un 28,2%). Outras localidades como Ames (3.744, 23,2 %), Ribeira (3.760, 23,1 %), Vilagarcía (4.411, 22,3 %), Arteixo (3.918, 22,2 %), Carballo (3.674. 22,2 %), Ourense (14.561, 21,7 %) e Lugo (12.370, 20,7 %). tamén se atopan entre as 30 que contan cun maior número de inmobles sen xente.

Lalín, Ames, Ribeira, Vilagarcía, Arteixo, Carballo, Ourense e Lugo son os municipios grandes con máis casas deshabitadas

En canto ao parque xeral de vivendas, Galicia tamén é unha das autonomías onde máis aumentou o número de inmobles nos últimos dez anos, incrementándose en case 300.000, pasando de algo máis de 1,3 millóns a máis de 1,6, o que supón un incremento do 22,7%, varios puntos por riba da media estatal (20,3%).

 

Vivenda deshabitada en Fisterra CC-BY-NC-SA Elena Lostalé

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.