Galicia é a terceira comunidade con máis traballadores en ERE

Estaleiros de Navantia Fene-Ferrol © Navantia

O Ministerio de Traballo vén de publicar datos actualizados, correspondentes ao mes de xaneiros, sobre o número de traballadores afectados por algún proceso de regulación de emprego. No conxunto de España o seu número reduciuse no último ano nun 60,7%, situándose en 19.285 persoas. Dous de cada tres tiñan que ver con causas económicas. Tamén se reduciu o número de traballadores e traballadoras en ERE en Galicia, un 45,7% no último ano, pero a nosa segue a ser a terceira comunidade autónoma cun meirande número de persoas en ERE, cun total de 1.866 implicadas nesta situación, só por detrás de Euskadi, con 3.308 traballadores e Andalucía, con 3.031. Ademais, en Galicia esta magnitude descende nunha menor proporción que a media española e, sobre todo, que algunhas autonomías, como Asturias (-89,3%), Murcia (-85,5%) e Baleares (-74,4%). 

A nova coincide coa decisión da meirande subcontrata de Navantia Ferrol de presentar un ERE para os seus 99 empregados. Alcomar, encargada da limpieza en Navantia Ferrol, é a empresa auxiliar con máis traballadores na factoría, cun total de 99 dos 250 empregados en todas as subcontratas. Pero a escasa ou nula actividade do estaleiro vai esfarelando o seu cadro de persoal e empresa vén de anunciar a presentación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que afectará as 99 persoas que traballan en Ferrol e que podería supor o despedimento de 18 dos 36 operarios adscritos a Navantia Fene. Os representantes sindicais xa anunciaron que non aceptarán as condicións propostas

O ERE ten unha duración dun ano e a empresa promete que a medida podería reverterse no momento en que haxa carga de traballo. Porén, os sindicatos xa expresaron a súa preocupación pola falta de expectativas de que isto suceda, sen novas certas nin do dique flotante, nin do flotel de Pémex, nin de ningún outro encargo importante. Alcomar obtivo a adxudicación do servizo que anteriormente realizaba Acciona e subrogou todo o cadro de persoal, pero alega causas produtivas, ligadas a que non hai "carga de traballo suficiente". Os sindicatos lembran que xa son catro mil os traballadores temporais e ligados a subcontratas que quedaron sen emprego ou viron reducida a súa xornada por mor da falta de actividade dos estaleiros da Ría de Ferrol.

Manifestación dos traballadores de Navantia en Ferrol CC-BY-NC Susete
Estaleiros de Navantia Fene-Ferrol © Navantia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.