Galicia leva cinco anos e medio por baixo do millón de cotizantes. Malia que o número medio mensual de persoas afiliadas á Seguridade Social no país medra respecto do ano anterior desde mediados de 2014, ano no que o paro tocou teito dende o inicio da crise, o ritmo de crecemento aínda non acada o do período anterior ao inicio da recesión. Segundo os últimos datos do Ministerio de Emprego, a media de afiliados en Galicia é agora de 950.747 persoas, case 13.000 menos que no mes de decembro pero uns 20.000 máis que hai un ano.
A media de afiliados á Seguridade Social neste principio de ano sitúase nas 950.747 persoas, aínda lonxe do millón
A cifras de xaneiro supoñen un descenso do 1,4% en comparación co mes anterior e un aumento do 2,1% respecto a un ano antes. A fin da campaña de Nadal volve provocar unha importante destrución de emprego, case exclusivamente no sector servizos. E malia o aumento de afiliacións á Seguridade Social en termos interanuais, o ritmo non compensa todo o perdido. A barreira do millón de afiliados en Galicia segue sen superarse e hai cinco anos e medio que non se fai: foi no verán de 2011, cando o número de cotizantes alcanzou 1.001.568. Desde aquela, un descenso que non puideron compensar os continuos picos.
O volume de ocupación por riba do millón foi a tónica dominante en Galicia entre 2005 e 2010. Foi no final deste 2010 cando se iniciou unha caída ata chegar, a comezos de 2014, á contorna das 900.000 afiliacións. O dato máis recente, do pasado xaneiro, sitúase nesas pouco máis de 950.000 afiliacións medias.
A este pésimo dato hai que engadir tamén a mingua da poboación activa, isto é, das persoas que están a traballar ou en condicións de facelo, un dos trazos máis preocupantes do mercado laboral galego nos últimos anos. Factores como as xubilacións sen remuda, a emigración ou a falta de oportunidades de inserción deron lugar a unha preocupante situación. Porque desde o comezo da crise, Galicia perde practicamente dous afiliados á Seguridade Social por cada desempregado que suma. Desde aquel cuarto trimestre de 2008, cando se comezaban a notar os efectos da recesión mundial, o país sumou 76.500 parados, pero perdeu 146.800 ocupados. A diferenza entre ambas as dúas cifras está nesa caída de poboación activa que, nestes oito anos, foi de 70.300 persoas. Máis de 70.000 traballadores que desapareceron do mercado laboral galego durante a crise.
Os últimos datos do paro rexistrado coñecidos este martes inciden nesta problemática. Galicia sumou no pasado mes de xaneiro 6.164 parados máis ás listas das antigas oficinas do INEM. Malia o lixeiro descenso en agricultura e industria e o pequeno incremento na construción, foi o sector servizos (con case 6.500 parados máis) quen volveu tirar do desemprego cara arriba, nun incremento que duplica o estatal. A fin dos contratos temporais pola campaña de Nadal, tanto na hostalería como no comercio, volveu provocar unha suba que é a cuarta maior de entre todas as autonomías. Con respecto a hai un ano, no entanto, o paro descende en máis de 24.000 persoas.
O paro sobe en 6.200 persoas en xaneiro pero o número de afiliados descende en case 13.000
O caso é que en comparación co mes de decembro, o paro sobe nunhas 6.200 persoas pero o número de afiliados descende en case 13.000, máis do dobre e unha diferenza de milleiros debida a varias circunstancias, como a emigración e fuxida da poboación activa, o desánimo que leva a desapuntarse das listaxes de demandantes de emprego ou o paso á economía en b. De novo, non todo o descenso do paro rexistrado equivale a novos postos de traballo. Nin moito menos. E a poboación activa segue a caer.
O paro, que sobe en todas as provincias galega en xaneiro, sitúase agora nas 212.078 persoas. Malia o descenso interanual, continúa en cifras que, co inicio da crise, o PP de Galicia e o propio Núñez Feijóo consideraban impropias como para presumir. Así, en 2009 e con algo máis de 205.000 desempregados, recomendaban ao goberno bipartito, "fuxir de triunfalismos e non sacar peito mentres estas familias estean padecendo o drama do desemprego".
Agora, a Xunta destaca que os datos amosan que "Galicia está na boa dirección para consolidar a recuperación económica porque o paro segue baixando e as afiliacións e contratacións subindo". Pero esta feble mellora do emprego nos últimos meses en Galicia non agocha tampouco unha realidade laboral na que a precariedade e a temporalidade continúan a ser predominantes. Dos case 70.000 contratos asinados no primeiro mes do ano no país, uns 63.000 foron temporais.
En Galicia hai máis de 104.000 persoas en paro que non teñen cobertura ningunha
Por outra banda, a cobertura total do sistema de protección por desemprego pechou 2016 en Galicia no 53,7%, co que se recuperou e volveu ao nivel que se rexistraba a finais do ano anterior (53,4% ao reamte de 2015), segundo os datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Xa que logo, tan só 101.803 cobran prestación, quedando 104.111 persoas desempregadas sen ningún tipo de cobertura.