Galicia perde 315 mozos ocupados á semana desde que comezou a crise

Mozos no aeroporto de Madrid CC-BY-SA Cadernos.net

Os datos da EPA volven amosar un mercado laboral galego desgastado e en caída libre. A Enquisa de Poboación Activa, que é a que os expertos sinalan como a máis fiable para reflectir os datos de desemprego, volven situar Galicia nun panorama nada fácil. Moito menos para os máis novos, que entre desemprego, emigración e precariedade sofren coma poucos.

Tan só o 33% dos galegos menores de 30 anos están ocupados; son 113.800, 82.500 menos que hai cinco anos

A finais de 2014, tan só o 33,3% dos mozos galegos entre 16 e 29 anos están ocupados. Son 113.800. En total, 9.400 menos que no terceiro trimestre do mesmo ano e 7.700 menos que hai doce meses. Pero iso non é nada se comparamos as cifras coas de hai dous anos, cando había 23.600 ocupados máis entre os máis novos; ou de hai tres, con 42.400 máis. Se botamos a vista máis atrás, ao pouco de comezar a crise, Galicia perdeu 82.500 ocupados entre a súa mocidade con respecto ao cuarto trimestre de 2009, hai agora cinco anos. Case a metade da destrución de emprego no país neste lustro corresponde aos menores de 30 anos.

A comezos de século había máis do dobre de mozos ocupados que na actualidade

Así, a taxa de ocupación da mocidade galega baixou 2,4 puntos con respecto ao trimestre anterior e nove décimas se o comparamos coa de hai doce meses. Menos xente ocupada, máis emigración. Nos últimos cinco anos, Galicia perdeu de media máis de 315 ocupados mozos cada semana. Desde que comezou a chegar a crise aos fogares e ás familias. Desde decembro de 2009, meses despois da chegada de Feijóo á presidencia da Xunta. No comezo de século, en 2000, había case 240.000 mozos e mozas de entre 16 e 30 traballando no país. Hoxe son menos da metade. En tan só catorce anos.

Xa que logo, Galicia ve como se lle marchan os mozos ou como os que quedan asumen traballos cada vez máis precarios, buscan traballo ou simplemente cansan e desaparecen de entre os activos. No último ano, a poboación galega de 16 ou máis anos caeu en 12.700 persoas, das que 5.800 -case a metade- son menores de 25 anos. A cidadanía en idade de traballar é cada vez menor e o número de persoas que desexan incorporarse ao mercado laboral descendeu en 19.200. Ao tempo, a ocupación caeu en 2.200 persoas e o paro en 17.100. E aumentan os inactivos en 6.500.

Malia todo, o paro descendeu nun punto respecto a hai un ano, segundo os datos da EPA. Non obstante, diminuíron tamén as taxas de ocupación e de actividade e houbo unha perda de poboación nese período de 29.000 persoas, das que 24.600 eran mozos e mozas de entre 16 e 34 anos.

A suma da baixada do paro e da poboación ocupada supón case o mesmo número que a caída da poboación activa

Só a emigración e o desleixo e desgana de moita xente á hora de buscar un traballo que non dan atopado explica que descenda a porcentaxe de desmpregados ao tempo que descende a poboación ocupada. Porque a suma da baixada do paro e da poboación ocupada dá practicamente o mesmo número que a caída da poboación activa. Máis claro, auga. É a "nova emigración galega" que baleira o país e da que advirte tamén o Foro Económico.

 

Os sindicatos advirten duns datos que "poñen en risco o futuro de Galicia"

Precisamente, os sindicatos repararon neste negro panorama. O secretario confederal de Emprego da CIG, Miguel Malvido, rexeita calquera mensaxe triunfalista e afirma taxatativamente que “é falso insinuar sequera que se está creando emprego en Galiza”.

"As políticas do PP están provocando a expulsión do país de miles de persoas", di a CIG

Así, a central nacionalista denuncia que as políticas do PP "están provocando a expulsión do país de miles de persoas: 16.800 habitantes menos nun só trimestre e un total de 29.000 nun ano, dos que a maioría eran mozos e mozas". “E nin sequera a perda de poboación consegue maquillar uns datos que só poden ser cualificados de nefastos e que poñen en cuestión o propio futuro de Galiza”, advirte.

Con todo, para Malvido o máis grave é "o alarmante incremento da precariedade". “Os datos constatan que se está destruíndo emprego a tempo completo e que este está sendo substituído progresivamente por emprego con xornadas a tempo parcial”. De feito, segundo aclara, desapareceron 29.000 ocupados a tempo completo no último trimestre e hai 12.400 ocupados máis a tempo parcial.

CCOO cre que 2014 foi un ano "pésimo" para o emprego en Galicia, "sen recuperación económica e cos efectos da reforma laboral"

Pola súa banda, Comisións Obreiras (CCOO) considera que o 2014 foi "pésimo" para o emprego en Galicia, "sen recuperación económica e padecendo aínda os efectos da reforma laboral". Maica Bouza, secretaria de Emprego do sindicato, insiste en que "non se recuperaron nin a actividade nin o emprego". "Seguimos padecendo os efectos negativos da reforma laboral, isto é, substitución de emprego indefinido por eventual e a tempo parcial con peores salarios e menores dereitos para prestacións futuras", di.

Bouza afirma que as políticas de Núñez Feijóo "intensifican en Galicia as consecuencias negativas das receitas de Rajoy", isto é, "perda de emprego, máis paro, desprotección social e, sobre todo, perda de expectativas de poder desenvolver un proxecto de vida neste país: milleiros de galegos e galegas seguen á procura dun futuro lonxe da súa terra".

UGT-Galicia, pola súa banda, cre que a EPA evidencia que "Galicia afástase da tímida recuperación que rexistra o resto do Estado en termos de actividade, ocupación e estabilidade no emprego". Para o sindicato, os últimos Orzamentos da Xunta -"restritivos, baseados en criterios de austeridade e supeditados ao pago da débeda"- son "un lastre" para o estímulo da actividade económica e a mellora do emprego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.