Galicia perde 56 millóns de fondos europeos por non executalos e debe aínda xustificar outros 51

En outubro Galicia tiña aínda pendentes de execución 153 millóns CC-BY-SA Alejandro Otero Cortizo

O pasado mes de novembro a Xunta presentou o Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020, unha importante achega de fondos públicos (procedentes fundamentalmente da UE, 889 millóns) para mellorar a "competitividade da agricultura galega" mediante catro prioridades: a modernización das explotacións, a incorporación de agricultores mozos, a ordenación do territorio e a mellora da produtividade da industria agroalimentaria e forestal. Nos meses anteriores as autoridades comunitarias denunciaran unha "serie de problemas graves" na proposta presentada polo Goberno galego, ao que lle criticaban sobre todo o feito de non ter consensuado o seu deseño co mundo rural e cos axentes sociais implicados.

A pesar das présas finais, Galicia perderá 56 millóns de fondos europeos destinados ao mundo rural, 74 millóns contando o cofinanciamento

Porén, xusto cando o Goberno galego estaba presentando as liñas que actuación para os vindeiros anos, tiña aínda un importante problema que resolver. Unha parte importante das actuacións previstas no PDR anterior (2007-2013) estaban sen executar, o que supuña un importante risco de perda deses fondos xa asignados (un total de 888 millóns de euros). De feito, en outubro estaban pendentes de gasto 153 millóns de euros (o 17,3% do total), que se elevaban a 235 millóns sumando o cofinanciamento estatal e autonómico. A pesar de que aparentemente o Goberno galego tentou en dous meses resolver o que non resolvera nos anos anteriores, finalmente Galicia perderá 56 millóns de fondos europeos destinados ao mundo rural (o 6,29% do asignado), 74 millóns contando o cofinanciamento. Ademais, ten aínda pendentes de xustificación outros 51 millóns. É a terceira comunidade que máis cartos perderá por unha mala xestión, só detrás de Andalucía e Estremadura. E só Andalucía ten máis fondos non xustificados.

SLG: "A incompetencia da Consellaría, sen políticas definidas para o agro e en parálise permanente diante das diversas crises de sectores agrogandeiros, chega ao nivel de non dar nin xestionado os fondos europeos que veñen da UE para desenvolvemento rural"

Os sindicatos agrarios falan de "incompetencia" e "improvisación" e sinalan que esta situación "víase vir" dende había tempo, lembrando que xa en 2011 se denunciara o "impago, atraso e posible desaparición de numerosas axudas" vinculadas ao PDR. "A incompetencia da Consellaría de Medio Rural, sen políticas definidas para o agro e en parálise permanente diante das diversas crises de sectores agrogandeiros, chega ao nivel de non dar nin xestionado os fondos europeos que veñen da UE para desenvolvemento rural", subliña o Sindicato Labrego Galego. "Alguén debería asumir responsabilidades", engade a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba.

Tamén esixe responsabilidades políticas Roberto García, máximo responsable de Unións Agrarias, que denuncia que quedaron pendentes máis de 600 proxectos. Sinala que o Goberno galego deixou parte do orzamento sen executar buscando un pequeno aforro económico no cofinanciamento. Desde Unións Agrarias explican que os fondos que se perderon poderían ter servido para cuestións como financiar os plans de mellora de explotacións que se denegaron na última convocatoria ou para pagar os contratos de explotación de 3.000 granxas durante cinco anos.

Outras comunidades si executaron practicamente o cen por cento dos cartos que tiñan asignados

Nos últimos meses a Comisión Europea advertira en varias ocasións ás comunidades autónomas das importantes cantidades de proxectos e fondos non executados. E, segundo Agrodigital, as autoridades europeas amósanse "sorprendidas" porque "nalgunhas das rexións máis atrasadas o gasto en 2015 foi mesmo inferior á media dos anos anteriores". Mentres Galicia perdeu o 6,29% dos seus fondos, porcentaxe semellante á de Andalucía e Estremadura, outras comunidades si executaron practicamente o cen por cento dos cartos que tiñan asignados. Asturias aproveitou o 99,97% dos seus 306 millóns de euros, Aragón o 99,1% dos seus 466 millóns, Catalunya o 99,99% dos seus 314 millóns e Castela-León o 99,97% dos seus 849 millóns.

En outubro Galicia tiña aínda pendentes de execución 153 millóns CC-BY-SA Alejandro Otero Cortizo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.