A paisaxe pode ser só industrial ou só decadente. Non tanto polo modismo dos gustos e as cores, senón pola curiosidade de preguntarse que sucede co sector da construción naval de Galicia. Á crise financeira, que limita brutalmente o acceso ao crédito, hai que sumarlle outros factores estruturais e que poden non remediarse co camiñar do tempo. A supresión do sistema de bonificación fiscal do que botaban man moitos estaleiros privados (coñecido como tax lease) non explica que este sector teña a meirande parte da súa industria auxiliar en expedientes de regulación de emprego, sen novos pedidos e con caída da competitividade.
Gerencia del Sector Naval, organismo público dependente do Ministerio de Industria, publicou esta semana o balance de actividade dos estaleiros de todo o Estado correspondente ao cuarto trimestre de 2011. Xa non é novidade, desafortunadamente, ver a cero o reconto de novos pedidos dos estaleiros galegos. Só Factorías Cardama, con tres contratos, libera ao sector galego de pechar o ano en branco (da estatística oficial de Gernaval). Os tres novos buques son para o Goberno de Angola. Con esta situación, Galicia vén de perder o liderado estatal en carteira de pedidos. A peche de 2010, e aínda co tax lease en vigor, os estaleiros galegos tamén perderan a primeira posición na actividade ponderada de construción naval.
Galicia pechou 2011 co 28% da carteira de pedidos en porcentaxe de CGT (baremo universal do arqueo bruto compensado, que fai referencia ao traballo necesario para elaborar un buque). Agora son os estaleiros vascos os que máis contratos conseguen, principalmente no exterior (38% CGT). En canto á actividade produtiva, o sector de Euskadi xa arrebatou o liderado a Galicia ao finalizar 2010 como se pon de manifesto na estatística oficial, cun índice de actividade ponderada tres puntos por riba do indicador galego.
Fanse ou non se fan barcos?
A produción de novos buques non parou en seco. A situación galega non é extrapolable ao conxunto do sector en todo o mundo. A confirmación dos contratos de barcos caeu de xeito abrupto, especialmente entre 2007 e 2009. O ano 2011, curiosamente, pechou en Europa cunha moi lixeira recuperación. En 2007 formalizáronse novos contratos por 276 millóns de toneladas de peso morto (TPM), que se converteron en 48,6 millóns TPM en 2009. O correctivo foi tanto para os estaleiros asiáticos como para os europeos ou latinoamericanos.
A evolución da carteira de pedidos (contratos xa formalizados, pendentes de entrega) foi máis sostida, o que aventura -de non revertirse a situación no que respecta a novos contratos- problemas de carga de traballo no futuro a nivel global. A reparación e a construción de plataformas é unha alternativa "atractiva" para moitas empresas especializadas, tanto de construción off-shore como auxiliares tradicionais.