Galicia perde servizos de tren, de norte a sur

Estación ferroviaria de Lugo, sen trens © Adif

O tren de alta velocidade achégase a Galicia pouco a pouco e orzamento a orzamento, constituíndo todos os anos a parte máis importante do capítulo de investimentos nos Presupostos Xerais do Estado. Porén, en paralelo vense producindo unha degradación do resto de servizos ferroviarios no noso país, nomeadamente os de proximidade. 

O BNG vén de criticar no Congreso a supresión sen aviso dun tren Vigo-Madrid que facía paradas en Ribadavia, Ourense, Monforte e O Barco, que pasou a ser substituido por un tren Ponferrada-Madrid; denuncia que Renfe nin sequera puxo a disposición dos usuarios un tren-ponte que conecte Vigo con Ponferrada para coller ese convoi a Madrid sen esperas. 

O BNG critica o Ministerio por basear toda a súa estratexia ferroviaria nas liñas AVE, “descoidando ou eliminando liñas convencionais ou servizos de media distancia, tan necesarias nun territorio como Galiza que carece de cercanías”

As deputadas Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila explican que a posta en servizo do Eixo Atlántico "supuxo a eliminación de moitas paradas e servizos de localidades que antes contaban cun tren e agora carecen de servizos ferroviarios". Critican o Ministerio por basear toda a súa estratexia ferroviaria nas liñas AVE, “descoidando ou eliminando liñas convencionais ou servizos de media distancia, tan necesarias nun territorio como Galiza que carece de cercanías”. “Como habitúa a suceder no capítulo ferroviario dominado pola obsesión das liñas AVE, unha infraestrutura nova supón a desaparición do existente sen que se ofereza outra alternativa nin se mellore o presente”, engaden. “Á vista de todo isto, está claro que o modelo para Galiza é do máis reducionista: ficaremos cun mal definido AVE, e un Eixo Atlántico que conecta as principais cidades galegas pero sin ter tren entre poboacións intermedias que contaban antes con servizos de tren”, conclúen.

 

Tamén no Ferrol-Ribadeo

Esta semana UGT alertou da supresión dun servizo diario entre Ferrol e Ribadeo en cada sentido

De igual xeito, esta semana UGT alertou da supresión dun servizo diario entre Ferrol e Ribadeo en cada sentido, sinalando que estes trens desaparecen "pola falta de persoal e pola falta de interese porque o ferrocarril sexa un servizo público, social e de calidade". O sindicato denuncia que este recorte se enmarca nun proceso continuado de "precarización do servizo de ferrocarril". UGT explica que á esta falta de persoal e medios para manter as infraestruturas e vehículos se une a ausencia de investimentos. "Xa hai varios días suprimíronse trens por averías ao non poderse realizar o correcto mantemento e reparación debido ás carencias de persoal. Como exemplo, o que sucedeu cunha unidade de viaxeiros que permaneceu parada case unha semana na estación de Ribadeo por non poder ser nin remolcada nin reparada ante a falta de medios", denuncia.

UGT conclúe que "o ferrocarril é algo que a cidadanía construíu e pagou cos seus impostos e debe manterse como un servizo público de calidade e que chegue a todos"

Dende o pasado 18 de setembro, os e as traballadoras de Renfe e Adif de todo o Estado levan a cabo todos os venres dúas horas de paros, unhas mobilizacións que "van máis aló de meras reivindicacións salariais ou laborais" e que "supoñen a petición do mantemento dun ferrocarril público e de calidade; supoñen a petición dun emprego público e de calidade para o ferrocarril e con dereitos laborais para as futuras xeracións, fronte ao emprego precario que pretenden impoñer, así como, as privatizacións e externalizacións", sinala o sindicato. UGT conclúe que "o ferrocarril é algo que a cidadanía construíu e pagou cos seus impostos e debe manterse como un servizo público de calidade e que chegue a todos".

Estación ferroviaria de Lugo, sen trens © Adif
Estación de Ferrol, cun pequeno e antigo tren nas vías © Adif

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.