Galicia perderá case 130.000 habitantes en dez anos

Unha coidadora atende unha persoa en situación de dependencia CC-BY-NC-SA Praza Pública

O país minguante. As proxeccións demográficas feitas públicas este xoves polo Instituto Galego de Estatística veñen prender por enésima vez todas as alertas poboacionais no país. De pouco serviron plans gobernamentais ou comisións parlamentarias para estudar o problema ou aplicar solucións. Isto é, cando menos, o que cabe deducir dos datos do IGE, os cales amosan que nos vindeiros dez anos Galicia vai perder case 130.000 habitantes. Nomeadamente, segundo estas estimacións, pasará dos actuais 2.728.903 de persoas a 2.599.659 no ano 2022, deixando polo camiño 129.244 habitantes.

Atendendo aos resultados por provincias, o IGE detalla que as atlánticas serán as máis afectadas polo descenso. Así, A Coruña terá 41.128 habitantes menos ao remate da década analizada e Pontevedra diminuirá en 31.374 persoas. Pola súa banda, en Ourense a caída poboacional será de 31.331 persoas e en Lugo o IGE estima que vivirán 25.410 persoas menos.

Os 21.647 nacementos de 2012 quedarán en 16.277 dentro dunha década

A perda poboacional bruta é o máis rechamante dun conxunto de datos que van na mesma dirección. Así, por exemplo, a proxección estatística amosa que os 21.647 nacementos do ano que remata quedarán en 16.277 dentro dunha década, cunha taxa de natalidade que pasa de 7,9 nacemenos por cada 1.000 habitantes a 6,2. Da outra banda sitúanse as defuncións previstas, que non deixarán de incrementar malia á suba na esperanza de vida. Así, o IGE rexistra 30.859 falecementos en 2012 e agarda en no ano 2022 sexan uns 31.233. Coa diferenza entre nacementos e mortes o instituto demoscópico galego elabora a taxa de crecemento vexetativo, situada no -9.212 e que, se as previsións se fan realidade, estará no -14.956 en dez anos.

Dados estes datos, o IGE prognostica que a pirámide poboacional galega estará aínda máis invertida dento de dez anos. Así, Galicia pasará de ter 321.906 persoas menores de quince anos a ter só 304.106, un 5,5% menos que contrasta coa suba do 9% de persoas maiores de 65 anos e co 36,8% de incremento nos e nas maiores de 85, que xa serán 128.884 en 2022. Isto significa que haberá 161 persoas maiores de 65 por cada 100 menores de 15 -na actualidade son 141,5- e que o índice de dependencia global, isto é, o indicador que reflicte a proporción entre persoas en idade de traballar e persoas inactivas, pasaría de 51,9 a 59,6.

Unha coidadora atende unha persoa en situación de dependencia CC-BY-NC-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.