Galicia perdeu máis de 50.000 empregos na industria desde a chegada de Feijóo á Xunta

Manifestación do persoal do naval ferrolán CC-BY-NC-SA Susete

Galicia perdeu máis de 50.000 empregos na industria desde a chegada de Feijóo ao goberno da Xunta. Eses son os datos que este xoves lembrou o PSdeG para anunciar a elaboración, en consenso coa patronal e os sindicatos, dun plan para a reindustrialización do país e co obxectivo de "recuperar un sector estratéxico" que perdeu, exactamente, 51.600 postos de traballo desde 2009.

Galicia perdeu 51.600 empregos industriais desde a chegada de Feijóo á Xunta, situándose o emprego en niveis de 1997

Estes datos "dramáticos", en palabras dos socialistas, sitúan o emprego industrial en Galicia nos niveis de hai case dúas décadas, concretamente nos do ano 1997, tal e como lembrou en rolda de prensa o responsable de Industria do PSdeG, David Regades, que estivo acompañado do voceiro no mesmo ámbito no Parlamento, Abel Losada.

Antes, ambos os dous participaron na primeira xuntanza para elaborar un documento de traballo, na que tamén estiveron presentes a secretaria de Organización, Pilar Cancela, o portavoz parlamentario, José Luis Méndez Romeu, así como cargos públicos e orgánicos do partido responsables de Industria.

O PSdeG consensuará con sindicatos e patronal un plan de reindustrialización para o país

O sector industrial conta, na actualidade, con 159.200 traballadores no país, fronte aos máis de 210.000 do ano 2009. "A Xunta non ten un plan industrial para Galicia", insistiu Regades, que aposta por "un documento de traballo serio para compartir cos sindicatos, cos empresarios e co conxunto dos traballadores, un plan baseado no I+D, nun mellor aproveitamento dos recursos enerxéticos, potenciando a relación con Portugal e creando unha ferramenta fiable para a creación de emprego”.

“A innovación, a loxística, a mellora do financiamento das empresas e o incremento da demanda interna serán os alicerces da nosa axenda para a industria”, dixo Losada. Os socialistas confían en que unha vez concluído este "ambicioso" documento, incorporarase ao programa "do novo goberno de José Ramón Gómez Besteiro", que "máis cedo que tarde será presidente"

Do mesmo xeito, o voceiro socialista de Industria lamentou “a escasa eficacia da axenda industrial da Xunta, que non é máis que a historia dun fracaso”, lembrando a mala evolución do Índice de Produción Industrial (IPI) e considerando prioritarios o naval, a automoción, o eólico e o textil galego. Segundo os últimos datos oficiais, a produción industrial en Galicia reduciuse un 2,6% en novembro, o que sitúa a comunidade autónoma como a cuarta con maior índice negativo no conxunto do Estado. A falta do dato de decembro, a taxa media negativa acumulada do ano é do 4,4%.

Galicia acumulou un descenso do 4,4% en produción industrial en 2014

Por todo isto, Losada criticou tamén a escasa execución orzamentaria das partidas destinadas a mellorar a industria galega e manifestou a súa "confianza" en que a axenda de traballo para o sector dos socialistas “servirá para rebaixar as cifras de paro xuvenil”. Ademais, temán lembrou que Galicia é a segunda autonomía de España en confianza empresarial e que inviste en I+D+i a mesma porcentaxe do seu PIB que "Ucraína ou Turquía". "Porque a opción de Feijóo é o déficit cero", o que cualificou de "estupidez" en termos económicos co actual nivel de desemprego.

Abel Losada e David Regades, do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.