Galicia recibirá 400 millóns menos duns Orzamentos que inciden nos axustes

Cristóbal Montoro, durante a presentación dos Orzamentos © Ministerio de Facenda

Galicia recibirá 1.309,08 millóns de euros do Estado en 2013, é dicir, un 23,27% menos respecto dos fondos do actual ano, aínda que se sitúa como a terceira comunidade con maior investimento real consignado no proxecto duns Orzamentos Xerais do Estado (PGE) presentado este sábado no Congreso e que insisten nos recortes e nos axustes.

En canto ao país, o texto especifica que Galicia disporá de algo máis de 1.274 millóns procedentes de Fomento, Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, o que supón unha rebaixa do 23,37% nestes capítulos, mentres que o resto de departamentos achegarán 34,72 millóns, un 19,5% menos.

O investimento real previsto en Galicia descende en case 400 millóns

O investimento real previsto para o vindeiro ano supera un chisco os 1.309 millóns, case 400 menos que os 1.706 destinados a Galicia en 2012. Así, á comunidade correspóndelle o 12,3% do investimento (fronte ao 13,4% de hai un ano) e é a terceira autonomía con maior contía, por baixo dos 1.633 millóns de Andalucía e os 1.587 de Castela e León.

Galicia recibirá 259,48 millóns de euros de catro ministerios (Fomento, Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente) e 12,46 millóns do resto de departamentos do Goberno central. Con respecto ás infraestruturas, destaca o recorte de máis de 330 millóns que sofre o AVE galego, ao pasar al pasar dun investimento de 1.024 millóns en 2012 aos 691 para o ano que vén. Ademais, non hai nin unha soa alusión ao dique flotante que leva o naval de Ferrolterra leva reclamando anos, mentres que outros proxectos sofren importantes recortes, como a paralización de tramos da autovía Lugo-Santiago.

Pero o país tamén rexistra caídas nas contías procedentes do Fondo de Suficiencia Global, que achega a Galicia 639,27 millóns en 2013, un 25,8% menos que en 2012. En canto ao Fondo de Compensación Interterritorial, que se reparte a dez comunidades, Galicia obterá 61,16 millóns de euros, un 20,6% menos que para o actual exercicio.

En global, os Orzamentos non contentan a ninguén, agás a un Goberno que cre que "abrirán o camiño ao crecemento e á creación de emprego", como asegurou o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro. Toda a oposición denuncia, pola contra, que son Presupostos que inciden nos recortes e que alongarán o sufrimento dos cidadáns.

Os Orzamentos non contemplan a prórroa da axuda de 400 euros para os parados que esgotasen as prestacións

Así, os Orzamentos non contemplan unha prórroga da axuda de 400 euros para parados que esgotasen todas as súas prestacións a partir do vindeiro 15 de febreiro. Agás sorpresa, todos estes desempregados quedarán sen recursos en cinco meses. Pero ademais, o presuposto para a política de fomento do emprego cae un 34,6%, malia que as previsións do Executivo sinalan que en 2013 a taxa de para será practicamente a mesma que a actual. Segundo El Diario, fontes de Traballo advirten de que podería abrirse unha liña de crédito a posteriori para financiar unha prórroga deste subsidio.

Do mesmo xeito, diminúe tamén a partida para políticas de desemprego, un 6,3%, polo que se destinarán 1.807 millóns menos que en 2012, o que significa que haberá menos persoas con dereito a recibir prestación, malia que se calcula que o nivel de paro se manteña, un dato máis que desmente que os Orzamentos sexan "sociais", como presume o Executivo.

As políticas sociais sofren un recorte de máis do 14%

Se falamos estritamente das partidas de Servizos Sociais e Promoción Social, a partida ascende a case os 2.900 millóns de euros, o que suporía un 34,4% máis que o ano pasado. Pero hai truco, xa que 1.034 millóns serán destiandos a atender obrigas de exercicios anteriores, polo que as políticas sociais para esta ano sofren un recorte do 14,4%, até algo mais dos 1.800 millóns. Ademais, o Executivo recorta o 40% os fondos para as axudas sociais básicas dos Concellos.

Pero hai moitas máis evidencias. O Ministerio de Educación perde un 17,4% do orzamento, quedando en 326 millóns. No entanto, o Executivo presume de que as bolsas de estudo son unha das partidas que se incrementan, aínda que a suba é de unicamente de 23 millóns de euros. De feito, o gasto total en bolsas e axudas a estudantes cae un 3,8%, incrementándose só algunhas das devanditas axudas.

Se nos fixamos nas partidas para cada ministerio, o máis prexudicado é o de Sanidade, que perde un 22,6%, seguido de Cultura,(-19,6%) e Fomento (-11%) dentro dunha media de -8,9% para os diferentes departamentos. No entanto, o presuposto da Casa Real descende só un 4%, mentres que o Ministerio de Economía e o de Presidencia aumentan algo o orzamento.

Tamén a Axencia Tributaria perde un 7,7% do seu presuposto, o que implica menos cartos para os inspectores fiscais, mentres que o gasto en Política Exterior descende en 188 millóns de euros. O investimento en infraestruturas no Estado cae tamén un 15%.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Cristóbal Montoro, durante a presentación dos Orzamentos © Ministerio de Facenda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.