Galicia sae da crise "máis lenta, máis feble e menos sólida" có Estado

Mato, nun recente acto público da Xunta con Feijóo © Xunta

A economía galega está estancada e o país sae da crise con máis lentitude e maior febleza que o conxunto do Estado. Esas son as principais conclusións que o Foro Económico de Galicia (FEG) saca do seu primeiro informe de conxuntura deste ano 2015, no que varios indicadores veñen confirmar e explicar o precario crecemento da comunidade, tal e como indicaron os datos de incremeto do PIB, que foi do 0,5% na autonomía, o peor dato dunha España que medrou un 1,4%

Hai dous factores que explican e "matizan" ese crecemento continuo nos últimos catro trimestres, que en Galicia é moito máis débil: o parón do sector exterior e a atonía da demanda interna. No primeiro caso, leva cinco trimestres seguidos con achegas negativas ao crecemento do PIB e, o que é "máis negativo", as empresas galegas que venden fóra de España redúcense, algo que "non acontecía desde 2009", tal e como destaca o FEG.

O estancamento do sector exterior e a atonía da demanda interna explican o crecemento débil de Galicia

En canto á demanda interna, o Foro destaca que presenta valores positivos na súa achega ao PIB (0,7%), con crecemento do investimento tras seis anos de contracción (1,3%), pero cun impulso "máis curto e débil" que no resto das autonomías.

Fernando González Laxe, coordinador do informe, explicou que as crises "deixan pegadas moi profundas, secuelas moi desfavorables e fendas que exisen reparacións e selado". No caso de Galicia, segundo di, esas fendas son máis profundas que no Estado. Así, mentres o país medraba antes da crise máis que a media, agora está a afrontar a saída da crise "con máis debilidade".

"Separámonos de España -insistiu- cunha economía que vai máis amodo, con menos solidez, máis volátil e máis sensible aos acontecementos", que cre que a perda de empresas exportadoras débese ao seu tamaño e ao seu escaso compoñente tecnolóxico, mentres que no caso da demanda interna, lembra que se estabilizou o consumo privado, pero retrocedeu o público.

"Separámonos de España cunha economía que vai máis amodo e con menos solidez", di González Laxe

Ademais, o FEG insiste en alertar do "retroceso da actividade industrial" como un dos aspectos "máis negativos" e no informe lembra que a ocupación estimada pola EPA reduciuse un 0,8% en canto ao traballo a tempo completo. Ademais, a redución da taxa de paro está matizada coa caída da poboación activa, malia que é a máis elevada do norte do Estado e a que continúan aumentando os parados de moi longa duración. 

"Se non crecemos máis non creamos emprego", advertiu González Laxe, que sinalou que Galicia non pode seguir co "modelo clásico" de turismo e construción e avogou pola industria con base tecnolóxica e o capital humano. Non obstante, os últimos datos do paro demostran que o modelo produtivo segue a ser idéntico e que a escasa redución do desemprego débese basicamente ao turismo e á construción

En termos xerais, o profesor de Economía subliñou que os datos apuntan que a economía galega non se consolida como a española, un aspecto sobre o que -considerou- "a Xunta debe reflexionar" e resaltou a importancia económica das expectativas, para engadir que "cando anuncias moitas expectativas e levas moitos anos anunciando expectativas que non se cumpren, xeras frustración".

Obxectivos de déficit "máis acordes coa realidade"

Sobre o papel do sector público, estimou que o crecemento é "imposible" sen o seu concurso, sobre todo para as empresas pequenas e medianas, pois as grandes necesitan menos ese apoio público e bástalles que non estorbe". Preguntado por se é preciso un xiro na política económica, González Laxe respondeu que supón que si, pero agregou que cre que a "consellería encargada" traballa na diagnose e a posta dese xiro ao servizo dos axentes económicos.

"A Xunta cumpriu como goberno serio, pero esa seriedade deixou de ser o máis intelixente", advirte Santiago Lago

Respecto da relación que se comenta do cumprimento do déficit e o crecemento, no sentido de que as menos cumpridoras creceron máis, o tamén profesor de Economía e membro do Foro Santiago Lago rexeitou esa relación "con carácter xeral" e, aínda que recoñeceu que no ano 2014 coincidira, pediu "prudencia" nestas aseveracións.

Na súa opinión, Galicia ten que pór sobre a mesa obxectivos de déficit "máis acordes coa realidade" e o conxunto das comunidades autónomas e subliñou que a Xunta cumpriu como un goberno serio, pero "esa seriedade deixou de ser o máis intelixente neste momento". Concluíu que "o escenario cambiou" e 2015 non é 2013, polo que Galicia debería "mirar que fan os demais e adaptarse".

Foto de grupo do Foro Económico de Galicia © Foro Económico de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.