Galicia segue a destruír emprego tras pechar 2014 con 2.200 ocupados menos

Dominio Público Praza Pública

Galicia pechou o cuarto trimestre de 2014 con 5.500 parados máis que o trimestre anterior, situándose a cifra total de desempregados en 263.800, segundo a Enquisa de Poboación Activa que publica o INE. Esta suba supón un aumento do 2,1% e coloca a taxa de paro no país no 20,9%, sete décimas máis con respecto ao final do mes do outubro.

Galicia sofre un aumento maior do desemprego que o conxunto do Estado no último trimestre e ten tamén peores cifras interanuais

O dato, que volve ser malo para Galicia, supón un incremento do desemprego maior que o da media do Estado, onde o número de parados aumentou en 30.100 persoas (+0,55%) no cuarto trimestre e queda nos 5.457.700 e unha taxa do 23,7%. O balance do ano é algo máis positivo no conxunto de España, onde o desemprego se reduciu en 477.900 respecto das cifras de hai un ano (-8%), un descenso que en termos relativos tamén é maior que o que se dá en Galicia, onde hai 17.100 parados menos (-6,1%) que hai un ano e unha taxa un punto inferior.

 

 

Unha mirada máis profunda dos datos da EPA deita moitas máis sombras ca luces no mercado laboral galego. Neste cuarto trimestre de 2014 a ocupación diminuíu en 16.900 persoas (-1,66%) en Galicia respecto ao trimestre anterior, situándose a cifra por riba do millón de ocupados (1.000.400), polo que a taxa baixa sete décimas ata quedar no 42,3%. Nos últimos doce meses, ademais, o número de ocupados baixou en 2.200 persoas, polo que non houbo creación de emprego neta neste último ano en Galicia.

Galicia perdeu case 17.000 ocupados no último trimestre e 2.200 en todo o ano 2014, sendo unha das únicas tres comunidades que destrúe emprego

E unha vez máis, Galicia racha incluso coa tendencia feblemente positiva no Estado, onde aumenta o número de ocupados en máis de 65.000 persoas no último trimestre (+0,37%) e en 433.900 no último ano, un 2,53% e unha taxa do 45,6%, máis de tres puntos superior á da autonomía. De feito, o país é unha das peores autonomías en canto á taxa de variación trimestral de ocupación e unha das únicas tres onde descende o número de ocupados con respecto ao exercicio anterior. Unha das únicas onde se destrúe emprego xunto a Asturias e Castela A Mancha.

A agricultura e a pesca perden 4.400 ocupados no último trimestre de 2014 e o sector servizos, 8.000

A ocupación cae en todos os sectores económicos no último trimestre. A agricultura e a pesca perden 4.400 ocupados, mentres que a industria perde 3.800 empregos, a construción cae en 800 e os servizos, 8.000. Con respecto a hai doce meses, a cifra de ocupados aumenta un chisco en todos os sectores (un 2,2% na industria, un 0,7% na construción e un 0,5% nos servizos), pero cae con importancia no agro e no mar, cun descenso do 13,5%.

 

Tampouco a poboación activa amosa mellora ningunha en Galicia, onde hai 1.264.300 activos, 11.300 menos que no trimestre anterior e 19.200 menos que hai un ano, quedando así a taxa de ocupación no 53,5%, máis de seis puntos inferior á do conxunto do Estado, que se sitúa no 59,77%.

A ocupación xuvenil cae 80.000 persoas en cinco anos

A situación aínda é peor de reparar na situación dos máis novos. Na actualidade, tan só o 33,3% dos mozos galegos entre 16 e 29 anos están ocupados (113.800), mentres que o 19% están parados (65.000). A taxa de ocupación deste colectivo baixa 2,4 puntos con respecto ao trimestre anterior e nove décimas en comparación con hai doce anos. Por outra banda, a taxa de paro xuvenil baixou durante o trimestre tres décimas ata situarse no 36,3%. En comparación co cuarto trimestre de 2013 diminuíu 1,7 puntos.

É a ocupación, precisamente, o dato que máis arrepía. Galicia perdeu 9.400 ocupados de entre 16 e 29 anos no último trimestre do ano e un total de 7.700 nos últimos doce meses. De compararmos as cifras coas de hai varios exercicios, o panorama é aínda máis preocupante. O país perdeu 23.600 ocupados mozos en dous anos, 42.400 en tres anos e 82.500 con respecto ao cuarto trimestre de 2009, hai cinco anos. Case a metade da destrución de ocupados corresponde aos máis novos.

En Galicia hai case 90.000 fogares onde todos os seus membros activos están en paro

En canto aos fogares, no cuarto trimestre de 2014, o número de casas nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 600 unidades, situándose en 88.400. Respecto ao cuarto trimestre de 2013 esta tipoloxía de fogares cae un 7,8%.

Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados baixa en 7.500 unidades, polo que o número de fogares nesta situación é de 526.600. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 11.900 fogares máis nesta situación, o que supón unha suba do 2,3% en termos relativos.

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.