Liderando o incremento do paro no Estado e con todos os indicadores económicos teimando no pesimismo, Galicia semella cumprir co tópico da súa resignación. Non é tal. No mesmo día da folga xeral, varios profesores universitarios participan nun debate aberto en Lugo no que farán propostas de actuación en distintos sectores para crear e fomentar o emprego. Son expertos en diversas áreas que ven moito futuro nas posibilidades do país. “Porque hai alternativas e témolas aquí mesmo”, lembran.
“Case a metade da poboación galega é titular dun anaco de terra, pero moi poucos fan algún tipo de actividade produtiva nela; nin tan sequera os parados adoitan pensar nela como unha opción para o emprego; aquí temos unha alternativa”. Eduardo Corbelle, doutor enxeñeiro de montes e investigador contratado da USC, cita tan só un exemplo. É un dos dez relatores que intervirá no foro organizado en Lugo o xoves á tarde: Debate na encrucillada, propostas para saír da crise e crear emprego. Dez profesores universitarios con ideas claras para o futuro nunha contorna chea de atrancos superables.
"Case a metade dos galegos temos un anaco de terra pero moi poucos fan actividades produtivas nela"
“Pretendemos un debate de fondo e non superficial; a reforma laboral imponse baixo o pretexto da creación de emprego, pero non se explica como o vai crear”, asegura Marcelo Maneiro, un dos profesores organizadores do debate. “É moi posible que esta reforma faga incrementar o paro e o que queremos é expoñer outras alternativas e opcións para crear emprego, abrir unha praza pública para achegar propostas en positivo porque si que as hai”, explica quen advirte que un mínimo xesto pode ser xa un cambio para ben no mercado laboral: “Calquera de nós pode axudar a crear emprego comprando e consumindo un produto producido na nosa contorna, por exemplo”. “Existen moitas formas de crear emprego e o que é evidente é que en Galicia houbo pouca eficiencia nalgúns sectores determinados”, insiste.
"Queremos un debate de fondo e non superficial; disque a reforma laboral vai crear emprego, pero ninguén nos dixo como"
Precisamente, neses sectores é onde se centran os expertos convocados este 29-M en Lugo. Corbelle, por exemplo, ten ben claro que “debemos utilizar o potencial do territorio para producir bens e servizo”. “Case todos temos un anaco de terra ou podemos acceder a ela a prezo razoable a través do Banco de Terras”, insiste este doutor e investigador que ve nestas leiras “unha oportunidade de emprego ou, cando menos, de complemento a unha renda”. “Hai centos de proxectos que se poden comezar cunha terra, a nosa, que se debe aproveitar moito máis”, reincide, antes de destacar que “non só existe a opción de criar vacas e producir leite”. “A produción da horta, a castaña, as froiteiras en xeral, a planta ornamental... Hai moitas iniciativas que se poden levar a cabo e que xa teñen demostrado o seu éxito”, repite.
E hai alternativas na actividade produtiva, pero tamén no modelo educativo ou cultural, tal e como abordarán Francisco Candia, profesor do Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social da USC, ou Carmen Blanco, escritora e profesora do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago. “Un sistema educativo público e de calidade é básico para a fixación do emprego e para a xeración de traballo de calidade que beneficie o benestar colectivo, a equidade social e a igualdade entre os diferentes sectores sociais”, di o primeiro, que coincide coa docente noa procura de “retomar a sabedoría humanística universal, centrada no obxectivo básico de mellorar a vida real de todas as persoas”.
“As sociedade máis avanzadas, felices e desenvolvidas teñen sistemas educativos públicos de calidade moi potentes que se basean na idea da integración e non da exclusión ou excelencia para facilitar unha sociedade cohesionada”, insiste Candia, que advirte da necesidade tamén “dun forte investimento público que apoie unha rede de servizos complementarios ao escolar para facilitar a fixación das persoas aló onde viven”. E pon un exemplo: “Deixouse morrer de inanición o programa Preescolar na casa, o que acaba repercutindo, normalmente, na imposibilidade da muller a ir traballar e redunda na discriminación por razón de xénero”. “Sei que os resultados de todas estas apostas non son inmediatos, pero está de sobra demostrado que a medio e longo prazo, a sociedade que aposta pola educación vive mellor”, manifesta.
"As sociedades máis avanzadas e felices teñen sistemas educativos públicos, de calidade e potentes"
Carmen Blanco vai máis aló e reivindica “unha educación e unha formación abertas á diversidade e inspiradas na liberdade e no pracer, e non na represión e na dor, igual que no traballo necesario e no necesario lecer”. E aposta tamén por unha cultura “derivada dun saber non burocrático, nin xerárquico, nin baleiro, como a dominante no mercado dos males do simulacro e da falsidade, que fan pasar por bos os malos produtos”. Como exemplo a seguir, cita só tres nomes: “Rosalía de Castro, Castelao ou Isaac Díaz Pardo”.
As de Eduardo Corbelle, Marcelo Maneiro, Carmen Blanco ou Francisco Candia son só algunhas das propostas que no día da folga serán debatidas en Lugo. Pero tamén se buscarán alternativas no ámbito da investigación, no investimento en obra pública, na auga, nas enerxías renovables ou mesmo no modelo produtivo do país. Porque, no que si todos coinciden, é que as solucións “non están nas reformas laborais e nos recortes”. “Hai alternativas e témolas aquí ao lado”, rematan.