Galicia sofre ao día tres execucións hipotecarias de vivendas familiares

Manifestación contra os desafiuzamentos en Ferrol © Susete Ferrol

Galicia sufriu case tres execucións hipotecarias de vivendas familiares ao día durante o pasado ano 2014. Foron máis de 1.000 -1.068 en concreto- os embargos dun inmoble para a súa venda tras o impago dunha hipoteca. Un drama e un evidente problema económico que non equivale sempre ao lanzamento ou desafiuzamento dos seus propietarios, aínda que si é sempre o paso previo a esa posibilidade. 

Máis de 1.000 vivendas sufriron embargos polo impago da hipoteca durante 2014

Xa que logo, e segundo datos do INE, as execucións hipotecarias sobre vivendas en Galicia ascenderon a 1.733 en total, 1.068 sobre vivendas de persoas físicas e 655 sobre vivendas de persoas xurídicas. Por provincias, 750 leváronse a cabo na Coruña, 699 en Pontevedra, 244 en Lugo e 40 en Ourense. Son cifras que poñen en dúbida unha vez máis esa presunta recuperación da que presumen os gobernos do Estado e de Galicia. 

O dato galego, ademais, sitúa a comunidade no medio dunha suposta clasificación de execucións hipotecarias de vivendas familiares en termos absolutos, superando a A Rioxa (166), Cantabria (216), País Vasco (275), Navarra (319), Asturias (441), Estremadura (814) e Aragón (942). No conxunto do Estado, estes embargos afectaron a 44.862 inmobles, aínda que no caso das autonomías as cifras non diferencian cantos destes casos fan referencia aos domicilios habituais. 

A gran maioría das vivendas afectadas por estas execucións son usadas e familiares

O INE, non obstante, si diferencia entre as vivendas novas afectadas por execucións hipotecarias (91 en Galicia) e as vivendas usadas, a gran maioría con 1.642. Porque en termos globais, o país contabilizou un totla de 3.020 execucións hipotecarias sobre fincas urbanas en 2014, 1.733 sobre vivendas, 1.192 sobre outras urbanas e 95 sobre outros terreos edificables. En canto ás fincas rústicas, o número sitúase en 162, completándose o total en 3.182 embargos de inmobles durante o pasado ano. 

Ademais, e de termos en conta as hipotecas constituídas no período 2003-2013 sobre o total de fincas, o 0,56% das hipotecas asinadas en Galicia iniciaron unha execución hipotecaria, por debaixo da media estatal, que se sitúa no 0,9%. 

As execucións hipotecarias superaron as 300 tan só no último trimestre, máis de tres por día

En canto aos datos do cuarto trimestre do pasado ano, o número de execucións hipotecarias sobre vivendas de persoas físicas situouse en 301 en Galicia -uha medida de máis de 3 por día- e en 223 sobre vivendas de persoas xurídicas. Destas 524 execucións, 489 foron sobre vivendas usadas e 35 sobre novas, mentres que o global de execucións -incluíndo fincas rústicas e outros terreos edificables, ascendeu a 951 en total nos catro últimos meses de 2014. 

A nivel estatal, as execucións aumentaron un 9,3% ao peche do pasado ano con respecto a 2013, ata 119.442, das que 34.680 foron sobre vivendas habituais, o que supón que 95 familias sufriron o embargo dunha propiedade cada día en España durnte o pasado ano, un 7,4% máis que no exercicio anterior. 

Concentración ante a casa de María, en Ourense © Stop Desafiuzamentos Ourense
Contra os desafiuzamentos CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.