Galicia ten 9.000 parados menos que en xuño, pero case un 17% máis que hai un ano

Oficina de emprego CC-BY-NC-SA UGT

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) situouse ao finalizar xullo en 4.587.455 persoas, logo de baixar no pasado mes en 27.814 desempregados, cun descenso porcentual do 0,60% respecto de xuño, tal e como informou este xoves o Ministerio de Emprego e Seguridade Social. En Galicia, o paro descendeu no mes pasado en 9.0005 persoas, un 3,35% menos, até os 260.198, pero xa medrou un 16,68% no último exercicio.

A caída intermensual en Galicia é a maior do Estado, pero a interanual supera a media

É certo que en termos absolutos, a caída intermensual en Galicia é a segunda maior do Estado, tan só superada por Andalucía, mentres que porcentualmente é o maior descenso de todas as comunidades autónomas, case tres puntos por riba da baixada estatal (-0,6%). No entanto, o incremento interanual si é superior á media estatal, máis de catro puntos, cun ascenso do 16,7% fronte ao 12,4% global.

O descenso no desemprego, ademais, é puramente estacional. Só un dato: a metade das persoas que atoparon un emprego en xullo en Galicia fixérono no sector servizos, provocado pola chegada do verán. No conxunto do Estado, a contratación indefinida tampouco mellora. Menos de 8.000 contratos deste tipo asinados en España durante o pasado mes.

O descenso non é dabondo. Nin moito menos. A caída do paro en España neste último mes de xullo, beneficiado pola tempada turística, é menos pronunciada que a rexistrada hai un ano, cando o paro baixou ese mesmo mes en 42.059 persoas, case o dobre. Xa que logo,  trátase do cuarto descenso consecutivo tras o de xuño, mes no que a caída do desemprego foi a máis elevada de toda a serie histórica, iniciada en 1996, ao baixar en 98.853 persoas.

No entanto, nos últimos doce meses, o paro incrementouse en 507.713 persoas, cun aumento porcentual de 12,44%, o que dá conta da grave situación. Nin a secretaria de Estado de Emprego, Engracia Hidalgo, puido ser optimista e subliñou que os datos do paro rexistrado supoñen o cuarto descenso consecutivo desde xullo de 2011 e, "sendo positivos, resultan coherentes coa situación económica do país e o momento do ano en que se producen".

"De feito, o descenso no número de desempregados foi maior que en xullo de 2009, ano no que o noso país tamén se atopaba en recesión", explicou.

Oficina de emprego CC-BY-NC-SA UGT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.