Galicia, unha das tres únicas autonomías onde aumenta o paro

Vista dunha oficina de emprego © Encomun.es

Galicia é unha das tres únicas comunidades autónomas onde o paro aumentou no segundo trimestre do ano, segundo os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) feitos públicos polo INE. O número de desempregados incrementouse un 0,26% no país, malia que no conxunto do Estado baixou en 225.200 persoas, un 3,6% respecto ao trimestre anterior, situándose o número total de desempregados en 5.977.500 persoas, por baixo, por tanto, da cota do seis millóns de parados.

No último ano, o paro aumentou en Galicia nun 4,45%, rexistrándose así 12.300 desempregados máis que hai doce meses, unha taxa interanual que achega o país á media estatal.

Así, a taxa de paro caeu ao peche de xuño no Estado até o 26,26%, porcentaxe nove décimas inferior ao do primeiro trimestre (27,1%). O descenso do desemprego rexistrado no segundo trimestre deste ano é o máis acusado neste trimestre desde que empezou a crise. De feito, en todos os segundos trimestres desde 2007 o paro rexistrou subidas, con excepción do segundo trimestre de 2011, cando baixou en 76.500 persoas.

No último ano, o paro incrementouse un 5%, con 284.500 desempregados máis, mentres que se perderon 633.500 ocupados, un 3,6%. No segundo trimestre deste ano creáronse 149.000 empregos (+0,9%), no que foi o segundo mellor trimestre desde que estalou a crise, tras o de 2011, cando se lograron xerar 151.400 postos de traballo.

Todos os empregos creados entre abril e xuño pertencían ao sector privado, que rexistrou un incremento da ocupación de 151.600 persoas, mentres que o emprego público reduciuse en 2.600 persoas. No segundo trimestre de 2013, o número de asalariados incrementouse en 111.900 persoas (+0,8%), todos eles con contrato temporal, xa que os indefinidos reducíronse en 50.400 neste período (-0,5%).

Oficina de emprego Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.