As plantacións realízanse en Guísamo (Bergondo), Mabegondo (Abegondo) e Salcedo (Pontevedra) en centros especializados de investigación. Espérase dispor dos primeiros resultados en novembro para determinar as variedades que mellor respondan
Xa vén o tempo de maza-lo liño,
xa vén o tempo do liño mazar,
xa vén o tempo, rapazas do Miño,
xa vén o tempo de se espreguizar
Durante séculos o cultivo do liño foi habitual en Galicia. Ao longo do século XX foi desaparecendo das terras do país, aínda que del e do proceso de sementeira, recollida e tratamento posterior (ripado, maza, deluva, espadela, tasca, aseda, fía, ensarillado, debandado...) fica o recordo no imaxinario colectivo (en cantigas populares como a anterior) e tamén en espazos coma o Museo do Liño de Baio (Zas), impulsado polas asociacións O Santiaguiño e Amigos do Liño.
Dende hai un tempo, ademais, a Iniciativa galega polo Liño da Fundación Adolfo Domínguez vén traballando na recuperación do seu cultivo. Agora, coa colaboración da Xunta de Galicia, a Iniciativa galega polo liño vén de anunciar a posta en marcha de 11 plantacións piloto en Guísamo (Bergondo), Mabegondo (Abegondo) e Salcedo (Pontevedra) en centros especializados de investigación. As parcelas experimentais están sementadas con 24 variedades de sementes de liño galego para analizar e comprobar as que xeren un mellor tecido para producir prendas de vestir.
Trátase dun proxecto da Iniciativa galega polo Liño da Fundación Adolfo Domínguez, en colaboración coa Xunta e o CSIC
A Fundación Adolfo Domínguez tamén traballa coa Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para ensaiar as diferentes variedades de sementes de liño galego. Espérase dispor dos primeiros resultados en novembro para determinar as variedades que mellor respondan o proceso de enriado, tecido de fiado en fino, resistencia e calidade do tecido.
A fabricación de teas, tamén en proceso de ensaio, realizarase nunha planta piloto para seleccionar as sementes de orixe galega que xeran o tecido con mellor cor, finura e resistencia.
Búscase impulsar a instalación dunha industria de tecido de liño e revalorizar a tradición histórica do liño galego, moi prezado e sustentable, na cultura e na moda
No proxecto participan as investigadoras Pilar Castro, no CIAM de Mabegondo (Abegondo, 7 variedades), Gabriela Quiroga, no CFEA de Guísamo (Bergondo, 4 variedades), e o investigador científico Bernardo Ordás, xefe do grupo de Adaptación e Sustentabilidade de Cultivos do CSIC en Galicia (a Misión Biolóxica de Galicia cultiva e analiza 13 variedades).
A Fundación Adolfo Domínguez e a Xunta, co apoio da asociación Legados, asinaron o xuño pasado a Iniciativa galega polo liño para recuperar o cultivo da planta, impulsar a instalación dunha industria de tecido de liño e revalorizar a tradición histórica do liño galego, moi prezado e sustentable, na cultura e na moda.
As oito mostras de liño obtidas até o momento (de 4 variedades diferentes), enraizadas mediante dous procesos distintos, xa foron enviadas ao Instituto de Investigación Téxtil e de Cooperación Industrial da Universitat Politècnica de Catalunya (Intexter) para o seu tratamento nunha planta piloto que ofrecerá resultados a principios de 2027.