'Carapucho', 'Carmeliña' e 'Maruxiña': as variedades recuperadas de oliveira galega que xa se poden comercializar

As tres novas variedades de oliveira autóctona: Carapucho, Carmeliña e Maruxiña © CSIC

O CSIC presentou este mércores en Ribadavia as tres novas variedades autóctonas, froito do traballo realizado nos últimos anos polo grupo VIOR da Misión Biolóxica de Galicia

As oliveiras, que ata o século XVII cubrían unha grande extensión do territorio galego, comezaron a perder implantación cando nese momento o Conde Duque de Olivares subiu os impostos, disque que para beneficiar outros territorios onde el mesmo tiña plantacións. En calquera caso, a tradición perdeuse e non foi ata tempos recentes que as oliveiras recuperaron o seu espazo en Galicia.

Nos últimos anos o grupo Viticultura, Olivo y Rosa (VIOR) da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), vén traballando na recuperación das variedades de olivo autóctono de Galicia.

Agora o grupo vén de completar a inscrición no Rexistro de Variedades Comerciais de tres destas variedades autóctonas, chamadas Carapucho, Carmeliña e Maruxiña, que a partir de agora poderán xa comezar a comercializarse e plantarse.

Obtención de mostras dunha oliveira centenaria no proceso de catalogación das variedades galegas desta especie © Misión Biolóxica de Galicia (CSIC)

As tres variedades pódense xa vender e comercializar. Os aceites elaborados a partir delas poderán venderse incluíndo o nome da variedade nas etiquetas

A presentación das tres novas variedades realízase este mércores no IES O Ribeiro de Ribadavia, no marco da xornada Grupo Operativo (GP) Oliveiras de Galicia: Avances na produción de planta certificada de oliveiras autóctonas de Galicia, cuxo obxectivo é dar a coñecer ao sector os efectos desta aprobación e os avances nas investigacións que se están levando a cabo. En concreto, búscase dar conta dos resultados preliminares de micropropagación in vitro e da multiplicación por estaquillado, e tamén informar sobre as once variedades de oliveiras autóctonas que están respondendo mellor a estas técnicas.

O proceso de rexistro, iniciado, desenvolvido e financiado integramente polo CSIC, durou cinco anos e constou de varias fases

O proceso de rexistro, iniciado, desenvolvido e financiado integramente polo CSIC, durou cinco anos e constou de varias fases. Todo o proceso apóiase nas investigacións sobre a oliveira autóctona de Galicia iniciadas no ano 2012 polo grupo VIOR e que se desenvolveron no marco, entre outros, dos contratos de financiamento de proxectos de investigación, establecidos entre a Fundación Juana de Vega e o CSIC.

Para a inscrición dunha variedade hai que presentar en primeiro lugar unha solicitude dirixida ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Esta solicitude debe acompañarse, entre outros aspectos, da descrición detallada da variedade, de acordo co que dispoña o correspondente Regulamento Técnico de Inscrición de Variedades. Desde o CSIC enviáronse ata agora os datos descritivos achegados polos investigadores do Grupo VIOR de 11 variedades, incluídas as tres que acaban de ser aprobadas. 

Traballo no laboratorio coas mostras das oliveiras centenarias localizadas por Galicia © Misión Biolóxica de Galicia (CSIC)

Hai tres anos falabamos coa investigadora e doutora en Bioloxía Carmen Martínez, que destacaba que "estas variedades de oliveiras son un patrimonio agrario único no mundo. Non podemos permitirnos o luxo de perdelo"

Ademais, o procedemento esixiu o envío ao CEVO (Centro de Exame de Variedades de Oliveira) de cando menos oito exemplares vivos de cada variedade, co seu correspondente pasaporte fitosanitario. No centro mantivéronse en observación, ata obter froitos durante un mínimo de dous anos consecutivos e comprobar que as súas características coincidían coas descritas polos investigadores do Grupo VIOR.  

Este recoñecemento de Carapucho, Carmeliña e Maruxiña como novas variedades de oliveira, únicas e diferentes, implica que a partir de agora os viveiros poderán iniciar a comercialización da planta nas tres variedades e os oliveireiros poderán realizar plantacións con elas. Os aceites elaborados a partir destas variedades poderán comercializarse incluíndo o nome da variedade nas etiquetas dos envases.  

O persoal investigador do grupo VIOR procurou exemplares centenarios de oliveiras por toda Galicia e marcou un total de 167 exemplares nas catro provincias, estudando a forma das súas follas, os froitos e os ósos das olivas, que lles facían sospeitar que poderían conformar unha variedade distinta

Hai tres anos falabamos coa investigadora e doutora en Bioloxía Carmen Martínez, que destacaba que "estas variedades de oliveiras son un patrimonio agrario único no mundo. Non podemos permitirnos o luxo de perdelo". O persoal investigador do grupo VIOR procurou exemplares centenarios de oliveiras por toda Galicia e marcou un total de 167 exemplares nas catro provincias, estudando a forma das súas follas, os froitos e os ósos das olivas, que lles facían sospeitar que poderían conformar unha variedade distinta.

″Son todas distintas entre si e distintas ás variedades que xa están catalogadas. Hainas con froito grande e outras moi pequeno, con follas diferentes, e unhas máis temperás e outras máis tardías. O que si observamos é que teñen un alto nivel de adaptación ás súas zonas de orixe. Ademais, a nivel sanitario sorpréndenos o sas que están″, destacaba a investigadora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.