A identificación de vinte variedades de oliveira propias de Galicia recupera a tradición e abre unha nova oportunidade no rural. Investigadoras da Misión Biolóxica de Galicia xa teñen en marcha o rexistro de once tipos para avanzar na comercialización
En Galicia había unha extensión enorme de oliveirais que foi desaparecendo porque no século XVII o conde-duqe de Olivares subíu os impostos sobre estas plantacións. A tradición foise perdendo, salvo en lugares como Quiroga (Lugo), e hoxe pode parecer que as oliveiras nos son alleas, aínda que a toponimia nos lembra que non é así. Un grupo de investigación galego leva anos estudando exemplares senlleiros de oliveiras e acaba de presentar vinte variedades propias do país.
″Estas variedades non son de agora, levan séculos aquí. Non son de recente adaptación, nin moitísimo menos. Calculamos que temos exemplares de máis de 300 anos, que se foron adaptando co paso do tempo e aí seguen. O feito de que desapareceran non se debe ás condicións climáticas, débese a cuestións históricas″, afirma a investigadora e doutora en Bioloxía Carmen Martínez, quen apunta a que ″parece ser que o conde-duque de Olivares tiña oliveirais noutros lugares da Península e coa subida de impostos conseguiu que os oliveiros desta zona cortaran as plantas. E, a partir dese momento, comezouse a traer aceite de fóra″.
O inicio deste traballo foi definir e caracterizar as variedades de oliveira brava e mansa galega, que xa contan coa súa certificación oficial e están en proceso de multiplicación, o paso previo a chegar aos viveiros para comercializarse. Agora, a maiores destas dúas variedades que eran popularmente coñecidas entre a xente do sector, pasaremos a contar con vinte tipos diferentes de oliveiras que son distintivas do noso país.
″Co desabastecemento que hai agora de moitas cousas, vemos que temos aí estas variedades de oliveiras que son un patrimonio agrario único no mundo. Non podemos permitirnos o luxo de perdelo. Moita xente pensa que a biodiversidade son só especies da natureza (que está moi ben conservar), pero tamén o son estas plantas que están a desaparecer e que son froito dun proceso de domesticación do home sobre a natureza, eque agora poden axudarnos en moitos aspectos″, di a bióloga.
Identificación das distintas variedades
Determinar que unha variedade é única no mundo, protexela e rexistrala no rexistro europeo de variedades de oliveira é laborioso, mais ten unha repercusión enorme porque significa constatar que en Galicia dispoñemos de variedades desta especie que non ten ninguén máis. O grupo VIOR (Viticultura, Oliveira e Rosa) da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), liderado por Carmen Martínez, leva preto dunha década traballando no proceso de caracterización destas variedades de oliveiras.
″O primeiro foron as prospeccións no campo buscando exemplares centenarios de oliveiras por toda Galicia. Con eses exemplares que fomos localizando –167 árbores marcadas en distintos puntos das catro provincias– fomos estudando como é a forma forma das súas follas, os froitos e os ósos das olivas, entre outros aspectos. Porque todos estes parámetros son os que nos esixe vixiar o organismo que ten a potestade de aprobar as diferentes variedades. A outra parte –prosigue a bióloga– é a análise de ADN: que nos di se a planta da oliveira A e distinta da planta da oliveira B, pero non nos di como é; por iso o temos que acompañar co resto de información. Este proceso hai que repetilo un mínimo de tres anos para garantir que é fiable e rigoroso″.
Unha vez recompilada toda esta información, tiveron que comparar os seus datos cos rexistros de todos os tipos de oliveiras descritos no mundo. Teñen acceso a bases de datos internacionais, polo que xa puideron comprobar que as variedades que atoparon en Galicia contan con características diferentes ás doutras árbores xa recoñecidas. Agora están á espera de que se consiga esa validación das oliveiras galegas, o derradeiro paso burocrático ata que se poida comezar a súa reprodución.
″O proceso de rexistro é moi lento porque a lexislación é moi complexa. Hai que enviar dez exemplares de cada variedade, unha descrición botánica e agronómica, e a análise de ADN. E logo hai que enviar oito exemplares desa oliveira a un centro de referencia no que durante un par de anos comproban que a descrición que nós fixemos coincide co que observan nas plantas″, describe Carmen Martínez. Por iso, co obxectivo de avanzar o máis rápido posible, xa iniciaron o rexistro de once das variedades.
″Temos que implicarnos todos para ser quen de sacar isto adiante, hai que defendelas a nivel mundial e demostrar que son de calidade”, di a bióloga
Unha vez estean rexistradas, o proxecto, que conta co financiamento da Fundación Juana de Vega e a colaboración da Asociación de produtores de aceite e aceituna de Galicia (APAAG) e a Asociación de viveristas do noroeste (ASVINOR), continuará coa multiplicación das plantas das diferentes variedades autorizadas. ″Teremos que facer escallos de cada variedade, comprobar que é a mesma, e mantelos en invernadoiros illados do solo para que non se contaminen. Haberá que facerlles test de viroses para comprobar que están sans, para que despois outro organismo comprobe que eses exemplares cumpren os requisitos. Só a partir de aí poderemos transferir plantas aos viveiros para que as comercialicen″, debulla Martínez.
O obxectivo final é que as plantas cheguen aos agricultores. ″Temos que implicarnos todos para ser quen de sacar isto adiante, hai que defendelas a nivel mundial e demostrar que son de calidade. Máis aínda se pensamos en que co tempo se solicite unha denominación de orixe para os aceites″, apunta Carmen Martínez, que está a revivir un camiño que xa percorreu hai trinta anos coas vides.
Unhas sobreviventes
″Son todas distintas entre si e distintas ás variedades que xa están catalogadas. Hainas con froito grande e outras moi pequeno, con follas diferentes, e unhas máis temperás e outras máis tardías. O que si observamos é que teñen un alto nivel de adaptación ás súas zonas de orixe. Ademais, a nivel sanitario sorpréndenos o sas que están″, conta a investigadora da MBG sobre estas oliveiras, que son moi distintas das que pode haber noutras zonas da Península, como tamén o son os aceites.
Hedreira, Carmeliña, Santiagueira ou Xoana son os nomes dunhas desas variedades autóctonas de oliveira que están en proceso de rexistro en Europa
Case tan laboriosa como a burocracia do rexistro foi a aventura de nomear estas variedades. Carmen Martínez lembra que na vide se conservaba unha tradición sobre os nomes, pero isto non sucede coas oliveiras. E para pórlles nome tamén hai unha normativa que, entre outras limitacións, non permite empregarlugares da xeografía.
″Baseámonos en diferentes criterios –conta–. Unha das cousas que caracteriza as oliveiras que nos atopamos é que, debido ás condicións climáticas de humidade que temos, os troncos deses exemplares centenarios son como micro mundos botánicos. Cada nome ten a súa historia, por exemplo, Hedreira é porque a primeira árbore que atopamos estaba cuberta por unha hedra. Noutros casos seguimos a tradición dos botánicos do século XIX, que poñían os seus nomes ás variedades que encontraban, e así temos Carmeliña ou Santiagueira. E temos outra variedade que é Xoana, en homenaxe a Juana de Vega. Sempre buscamos que a xente de fóra de Galicia poida asociar os nomes a esta terra, que é importante″.
A raíz deste estudo sobre as oliveiras galegas xurdiu no CSIC a plataforma ALCINDER (Alternativas científicas interdisciplinares contra o despoboamento rural), que está a coordinar Carmen Martínez, quen puido ver o despoboamento cos seus propios ollos ao comparar a Galicia que percorreu no ano 1987, recollendo variedades antigas da vide, co país que escudriñou nestes anos na busca das oliveiras centenarias. ″Zonas que eu visitara hai trinta anos agora están baleiras. Nalgunhas había un veciño. Cremos que este proxecto pode servir para ofrecer alternativas diferentes no interior. Hai aldeas con moitas casas pechadas e novas xeracións que viven fóra, pero que están interesadas nisto porque o ven como unha alternativa de futuro″, asegura.