Galicia xa deposita nos bancos máis cartos dos que recibe prestados

Oficina de Novagalicia Banco na Coruña © NGB

A proverbial tendencia ao aforro da poboación galega foi invocada coas máis diversas finalidades ao longo do tempo, xa fose para caracterizar o país como terra de xente previsora ou para defender a necesidade de ter entidades financeiras de seu. Ata comezos da pasada década, cando Galicia tamén subiu ao carro das alegrías crediticias, a comezar polas finadas caixas de aforro, as estatísticas financeiras revelaban que as galegas e galegos depositaban nos bancos máis cartos dos que lles pedían. A tendencia invertiu na altura do ano 2004, cando o globo comezou a inchar, chegando a límites descoñecidos ata o momento. Pero pasou o que pasou, globos e burbullas picaron e agora, de novo, Galicia xa ten máis cartos en depósitos que en créditos.

Malia aos anuncios oficiais que auguraban a reapertura da billa do crédito grazas ás bondades do rescate bancario o certo é que dende 2010, ano no que se produciu a fracasada fusión de Caixa Galicia e Caixanova, os préstamos bancarios non deixaron de caer en Galicia -e tamén no resto do Estado-. Segundo datos do Banco de España os créditos concedidos en territorio galego tocaron teito no ano 2009, exercicio que pechou con 71.283 millóns de euros prestados fronte a 53.872 depositados. A maior diferenza entre ambos indicadores hai que buscala, non obstante, un chisco máis atrás, cando as alegrías inmobiliarias avanzaban sen control, no ano 2007.

Os bancos teñen 2.311 millóns máis en depósitos que en créditos en Galicia

Nesa altura, cando a agora célebre billa do crédito non ocupaba titulares, Galicia recibia prestados dos bancos 19.616 millóns de euros máis dos que tiña ingresados neles. Dende ese momento a diferenza comezou a reducirse: pouco máis de 19.300 milóns en 2008, algo máis de 17.000 en 2009, 15.000 en 2010, algo menos de 11.000 en 2011, 2.000 en 2012... E o que era unha tendencia tornou en certeza no segundo trimestre de 2013. Así, o pasado xuño, as estatísticas oficiais do Banco de España reflicten que os bancos teñen prestados 53.123 millóns en territorio galego, onde manexan uns depósitos de 55.434 millóns, isto é, 2.311 millóns ao seu favor.

Sen entidades galegas

O regreso ao escenario no que Galicia lles dá máis aos bancos do que recibe deles prodúcese nun contexto ben diferente ao da última vez no que isto aconteceu. Malia aos agora coñecidos defectos de xestión, daquela existían dúas grandes entidades con centro de decisión en Galicia, as caixas, ás que se engadían outras de menor dimensión pero tamén galegas, como o Banco Pastor, o Etcheverría ou o Banco Gallego, estes dous últimos antes participados pola defunta Novacaixagalicia. Pero a caixa fusionada foi bancarizada e o seu herdeiro, Novagalicia Banco, nacionalizado ao 100% para ser saneado e vendido. O Pastor agora é propiedade do Banco Popular, o Etcheverría do venezolano Banesco e o Gallego, do Banco Sabadell.

Galicia é fornecedora neta de crédito para outros puntos do Estado

Así as cousas, os máis de 50.000 millóns de euros en depósitos bancarios son agora parte dun negocio financeiro con sede fóra de Galicia que aquí recibe máis do que presta. Isto, como xa analizara o economista Carlos Neira, converte as aforradoras e aforradores galegos en "fornecedores netos de crédito" para outros puntos do Estado, toda vez que moitas outras autonomías seguen a ter prestado máis do que depositan nos bancos, unha circunstancia que se dá con especial intensidade nas comunidades do Mediterráneo.

Sede central do Banco Pastor e da Fundación Barrié © Banco Pastor

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.