Galicia xa ten 130.000 parados sen prestación tras perder 24.000 beneficiarios nun ano

CC-BY-SA Praza Pública

Malia os datos lixeiramente positivos das últimas estatísticas de desemprego en Galicia, hai cifras alarmantes que advirten da difícil situación pola que pasan os parados galegos. A taxa de cobertura situouse no país no pasado mes de febreiro -o último mes no que se contabilizou- no 53,76%, unha porcentaxe dous puntos menor á media estatal (55,72%) e que continúa co seu descenso nos últimos meses. 

A taxa de cobertura sitúase no 53,76% en Galicia, dous puntos menos que no Estado e cinco menos que hai un ano

De feito, esta porcentaxe é case tres puntos menor á de hai tres meses e cinco menor á de hai un ano e supón que case 130.000 parados (129.992) non perciben ningún tipo de prestación e carecen de calquera tipo de cobertura, o que, tal e como advirten os sindicatos, coloca estas persoas "nun fortísimo risco de exclusión social". 

"O peor é que hai máis persoas percibindo un subsidio por desemprego que unha prestación contributiva", destaca CCOO, que coincide con UGT-Galicia, que destaca que "por moito que baixe o desemprego a situación das persoas no desemprego empeora". Desde a CIG, ademais, advírtese de que os datos positivos "meramente conxunturais" da evolución do paro non poden agochar os "graves problemas de fondo que se manteñen no mercado de traballo en Galiza", entre eles que exista "un elevado número de parados e paradas sen prestación ningunha".

Case 130.000 parados non perciben prestación ningunha e dos que a reciben, moito menos da metade cobran unha contributiva

Porque se debullamos os datos, hai 127.557 desempregados que reciben prestación en Galicia, pero tan só 53.811 destes son beneficiarios de prestación contributiva. O resto: 60.081 beneficiarios dun subsidio, 13.094 da renda activa de inserción e 571 do Programa de activación emprego. Xa que logo, tan só o 42,2% dos beneficiarios dunha prestación cobran unha contributiva

Galicia perdeu máis de 24.000 beneficiarios de prestacións por desemprego nun ano

Porque durante o último ano, Galicia perdeu máis de 24.000 beneficiarios de prestacións por desemprego, polo que o custo do Estado pasou dos 152 millóns de euros en febreiro de 2014 aos 103,4 millóns dun ano despois, o que supón tamén un aforro do 20%. 

Ademais, a contía media da prestación contributiva percibida por persoa beneficiaria no mes de febreiro de 2015 foi de 773,5 euros ao mes, mentres que na media estatal sobe ata os 810 euros.

Oficina de emprego en Ferrol, unha das cidades con máis paro do país © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.