Galicia xa ten a súa primeira cervexa de grelos

Presentación das cervexas de grelo e cogomelos, no Mercado de Abastos de Compostela © Mercado de Abastos

Cervexa de grelos e cervexa de cogomelos. O sabor dun produto tan tradicional e popular como esta parte dos nabos xa se pode experimentar nesta bebida, presentada este martes en Compostela xunto á de trompeta dos mortos, un tipo de fungo, e coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas. É a empresa de Vilalba Champivil-Castelo quen saca ao mercado estes dous produtos en colaboración co artesán cervexeiro galego Pablo Casanova, Paterpaul.

A empresa Champivil-Castelo saca estas dúas cervexas en colaboración co artesán Pablo Casanova

Son dúas cervexas artesás, unha rubia e outra negra, que poden adquirirse a través do Facebook da compañía chairega. A compañía, especializada no envasado de grelos e cogomelos, insiste no seu propósito de "mimar o produto galego e innovar na súa comercialización", tal e como destaca Luz Divina, responsable da compañía. 

O proceso de elaboración das dúas cervexas é "totalmente natural e artesán" e leva dous meses e medio. Faise con auga da fonte, malta de cebada, lúpulos nobres suaves para que predomine o aroma do grelo e do cogomelo e levaduras de cervexa neutras tamén con ese obxectivo. Ademais, non leva ningún tipo de produto químico nin engadido, segundo aclara o cociñeiro da bebida. "Mesmo o gas que ten prodúceo a propia cervexa grazas a unha segunda fermentación en botella que dura entre 25 e 35 días”, explicou Paterpaul.  

A cervexa negra é unha especie de Guinness galega, unha bebida de estilo irlandés, "contundente e de escuma máis densa" que lembra o aroma a monte e humidade. A de grelos, rubia, contén o amargor da planta e é refrescante e pensada para a primavera e o verán. A un prezo asequible, segundo a empresa, a intención é "que os produtos galegos se espallen e cheguen máis alá das nosas fronteiras". "as redes sociais son un medio idóneo para iso”, engaden ao explicar a venda a través do Facebook. 

Ademais das dúas cervexas, que se comercializarán ao prezo de 2,5 e 4,5 euros en dous formatos, de 33 e 75 cl. respectivamente, a empresa vilalbesa tamén pon no mercado, ao prezo de 10 euros, un kit completo para a fabricación caseira da cervexa de trompeta dos mortos. O obxectivo é por unha banda “que os consumidores poidan comprobar que a cervexa de Castelo é totalmente natural” e por outra, “que poidan experimentar, dunha forma sinxela, o pracer de beber unha cervexa elaborada por eles mesmos”.

Cervexa de grelos © Mercado de Abastos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.