Gasolineiras flotantes: o que é malo para Gibraltar é bo para Ferrol?

Vista da ría de Ferrol © Concello de Ferrol

Dende o pasado 10 de agosto está en vigor a autorización coa que a Autoridade Portuaria de Ferrol permite a práctica do bunkering, isto é, do uso das coñecidas como "gasolineiras flotantes", barcos que lles serven combustible a outras embarcacións sen tocar terra. Isto acontece nos mesmos días en que o ministro de Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, que presidiu ata febreiro unha empresa especializada nesta actividade, anuncia a súa intención de facer valer a declaración do entorno da bahía de Algeciras, ao carón do peñón de Gibraltar, como Zona de Especial Protección. Alí non se pode practicar o bunkering porque prexudica o medio ambiente, vén dicir Cañete.

Malia axitar argumentos ecoloxistas, o xeito de proceder das autoridades no entorno da colonia británica non se reproduce en Ferrol. Así, a Autoridade Portuaria ferrolá sae ao paso das críticas e alertas sobre riscos ambientais para "sinalar o positivo efecto que a regulamentación deste servzio terá sobre a seguridade e o medio ambiente". Segundo os responsables do porto estes "beneficios" pódense "resumir" na "presenza dun novo buque anticontaminación punteiro a nivel mundial para servizo da costa noroeste española e con base no porto de Ferrol" e nos "efectos sinérxicos sobre a carteira de reparacións do sector naval", ademais de "efectos económicos sobre a industria loxística e portuaria".

A Autoridade Portuaria defende os "beneficios" do 'bunkering' mentres o Goberno central o veta en Gibraltar

Segundo a Autoridade Portuaria "hai que ter en conta que un rasgo que distingue os portos principais de cada país, tanto en Europa como en Norteamérica e nos principais portos asiáticos é a posibilidade de que os buques tomen combustible". Así, a "inmellorable situación xeográfica de Ferrol, xunto coas extremas medidas de seguridade e ambientais que se dispuxeron para evitar os máis mínimos derramamentos, fan desta unha actividade altamente beneficiosa para a comarca", resolven.

Protestas e alertas políticas

As explicacións das autoridades non convencen a colectivos veciñais e ecoloxistas e tampouco ás formacións políticas diferentes do PP. Así, por exemplo, o PSdeG vén de rexistrar varias iniciativas no Parlamento para instar á Xunta a "prohibir o bunkering" no conxunto das rías galegas e, nomeadamente, na de Ferrol. Sinala a deputada ferrolá Beatriz Sestayo que no expediente que autoriza esta práctica "non existe nin un só informe de avaliación medioambiental sobre unha práctica que se demostrou como altamente contaminante". O propio ministro Arias Cañete, subliña, di que será "implacable co bunkering" en Gibraltar "e chegou a falar de delitos ambientais". "É insólito que mentres o ministro denuncia os efectos" das gasolineiras flotantes "a Autoridade Portuaria de Ferrol as autorice".

PSdeG, BNG e CxG alertan dos riscos medioambientais das gasolineiras flotantes e censuran o dobre raseiro do Ministerio

Tamén o voceiro do BNG en materia de pesca, Daniel Rodas, lamenta que as restricións teoricamente ambientais que o ministro practica en Gibraltar "nada teñan que ver coa política que fai na costa galega". En Galicia, di Rodas, Portos do Estado está a alentar "un negocio millonario" baseado en "ofrecerlles unha enseada de refuxio" aos barcos gasolineira, que así "poden evadir as taxas de atraque portuario e os impostos do Estado, o que supón uns prezos moi baixos e unha alta competitividade". "Trátannos como unha verdadeira colonia, sen ter en conta o noso medio de vida nin a nosa realidade", lamenta, ao tempo que censura que a Autoridade Portuaria "antepoña os interess privados ao noso patrimonio natural, ignorando a Rede Natura da ría de Ares, a declaración das rías de Sada e Betanzos como reservas da biosfera" e tamén "aos sectores que viven do mar".

Mentres, dende fóra do Parlamento Compromiso por Galicia coida que o bunkering pode converterse nunha verdadeira "marea negra silenciosa" para Ferrol. Para CxG os argumentos da Autoridade Portuaria resultan "inaceptables", xa que coa súa decisión "pon en perigo un lugar de importancia comunitaria (LIC)", cando o que debería solicitar "ao Consello de Ministros a declaración como Zona de Especial Conservación", isto é, como a bahía de Algeciras. Para o coordinador comarcal de Compromiso en Ferolterra, Álvaro Montes, "o PP xoga novamente cos recursos públicos  e mesmo cos recursos naturais, para permitir o negocio das grandes  empresas,  neste  caso  Cepsa.  Parece ser que a situación de precariedade e taxa de desmprego da comaprca serve como argumento para aceptar calquera cousa".

Vista da ría de Ferrol © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.