Goberno e PSOE puxéronse de acordo no nivel máximo de renda que evite os desafiuzamentos. A cifra quedará fixada ao redor dos 22.000 euros anuais. A familia que ingrese menos desa cantidade non poderá ser expulsada da súa vivenda por unha entidade bancaria. O acordo converterase este xoves nun decreto lei co visto e prace do Consello de Ministros.
A cifra pactada por ambas as partes supón multiplicar por tres o IPREM anual (fixado en 7.500 euros/ano, contabilizando 14 pagas)
Goberno e PSOE pretenden incorporar os novos baremos ao código de boas prácticas para os bancos e obrigar ao seu cumprimento a aquelas entidades que recibisen fondos do FROB. Para todos aqueles que lles afecta a medida ábrese un proceso de negociación coas entidades financeiras. En caso de desacordo, o banco non podería realizar o lanzamento hipotecario ata que pasasen dous anos.
A cifra pactada por ambas as partes supón multiplicar por tres o IPREM anual (fixado en 7.500 euros/ano, contabilizando 14 pagas). Os socialistas, na súa proposta parlamentaria, conformábanse cunha cantidade algo máis baixa (2,5 veces o IPREM) pero durante a negociación subiron as súas peticións.
As delegacións de Goberno e PSOE estiveron negociando até ben entrada a madrugada sen chegar a ningún tipo de acordo sobre reformas máis profundas como cambios na lei hipotecaria
As delegacións de Goberno e PSOE estiveron negociando até ben entrada a madrugada sen chegar a ningún tipo de acordo sobre reformas máis profundas como cambios na lei hipotecaria. O Goberno, en principio reticente á medida, móstrase agora, segundo fontes socialistas, disposto a revisar o sistema para dar maiores garantías aos hipotecados fronte aos bancos. Esa negociación deixouse para máis adiante, á espera do debate parlamentario.
Os socialistas marcharon de Moncloa sen levar un documento escrito e cautelosos con que a redacción final do decreto lei que se escribiu de madrugada no Ministerio de Economía responda exactamente ao pactado no encontro.