Golpe de Rajoy á emancipación xuvenil coa fin da dedución fiscal por aluguer

Montoro presenta a reforma xunto a altos cargos do Ministerio © Ministerio de Facenda

Seis de cada dez persoas menores de 34 anos e residentes en Galicia viven na casa dos pais. Segundo estes datos do Instituto Galego de Estatística, de finais do ano 2012, a mocidade galega vive maioritariamente cos seus proxenitores, unha porcentaxe que se eleva por riba do 91% se a faixa de idade consultada é a das persoas menores de 24 anos. Con este pano de fondo o Ministerio de Facenda vén de presentar o seu anteproxecto de reforma fiscal, un plan presentado como unha "rebaixa fiscal" para as "rendas medias e baixas" pero que impacta de cheo no peto de quen viva nunha vivenda alugada, xa que elimina a dedución no imposto sobre a renda por aluguer da vivenda habitual.

Atendendo ao anteproxecto presentado este luns en Madrid polo ministro Cristóbal Montoro o gabinete de Mariano Rajoy disponse a igualar en prexuízos fiscais as persoas que vivan nunha vivenda alugada e a quen o faga nunha mercada. Así, di o documento, "suprímese a dedución por aluguer, homoxeneizando o tratamento fiscal da vivenda habitual entre aluguer e propiedade". A entrada en vigor da nova normativa prevé "un réxime transitorio para os alugueres de vivenda efectuados con anterioridade ao 2015" que, non obstante, verán rebaixada a dedución do 60% ao 50%.

Os contratos de aluguer posteriores ao 1 de xaneiro de 2015 quedan sen beneficios fiscais

A partir de aquí, todos os contratos de aluguer asinados a partir do 1 de xaneiro do ano que vén perderán o dereito a este beneficio fiscal. Esta nova circunstancia impactará de cheo nas devanditas economías das persoas mozas que se deron emancipado pol avía do alugueiro, toda vez que, segundo o propio IGE, en case o 50% dos fogares galegos compostos por menores de 35 anos entran menos de 1.500 euros ao mes e, no 26%, os ingresos non chegan nin aos 1.000 euros. Da banda contraria, menos do 20% dos fogares con persoas nesta faixa de idade ingresa entre 1.500 e 2.000 euros ao mes e apenas o 16% pasa dos 2.000.

En 2003, como ministro de Facenda de Aznar, Montoro negou a burbulla inmobiliaria e atribuiuna a unha "especulación da oposición"

A fin das deducións por aluguer de vivenda chegan once anos despois de que o propio Montoro, dende o propio Ministerio de Facenda pero con José María Aznar como presidente, negase a existencia da burbulla inmobiliaria que rebentaría anos despois. Así, en outubro de 2003 o ministro auguraba unha "previsible e desexable" estabilización do prezo da vivenda e reducía a burbulla a unha "especulación da oposición". Falar de burbulla, sinalaba, era tanto como "falar insensatamente da economía do ladrillo" e "esquecer" que a construción é "fundamental" para a economía española. 

Agora, dende o mesmo Ministerio, Montoro defende a súa reforma como unha vía para "impulsar a creación de emprego" e "reforzar a competitividade". Con medidas coma esta, sinalan, "dinamízase o crecemento" e "modernízase o sistema tributario para favorecer o aforro e o investimento". Trátase, en definitiva, din, dun "sistema tributario máis equitativo", con "maiores rebaixas para rendas medias e baixas".

Montoro presenta a reforma xunto a altos cargos do Ministerio © Ministerio de Facenda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.