Hai luz ao final do túnel, pero está aínda moi lonxe

Concursos presentados en Galicia Dominio Público Praza Pública

A crise afoga un pouco menos, pero segue apretando, e moito. Case todos os indicadores económicos e estatísticas recentes permiten afirmar que o 2014 foi un ano mellor que os anteriores, pero tamén amosan que a ferida aberta está aínda moi lonxe de pechar, con realidades coma as estarrecedoras cifras de desemprego, de pobreza ou de perda de poder adquisitivo que tardarán aínda moitos anos en regresar aos niveis previos a 2008, se é que o fan algún día. O Consello Xeral do Poder Xudicial fixo público este venres o informe "Efectos de la crisis económica en los órganos judiciales" que ofrece un resumo da evolución anual e trimestral de varios indicadores que permiten observar moitos dos danos concretos provocados pola crise: concursos de acreedores, demandas de despedimento, expedientes de regulación de emprego, execucións hipotecarias, lanzamentos.., consecuencias xurídicas dunha realidade económica que golpeu a millóns de persoas nos últimos anos.

En todas elas podemos observar unha mellora no pasado ano en Galicia. Hai menos concursos e EREs, hai tamén menos execucións hipotecarias. Porén, seguen sendo demasiadas e duplican (no caso dos concursos) ou triplican (nas execucións hipotecarias) os datos de 2008. Ademais, en moitos casos, a evolución que segue algún indicador amosa que o ritmo de recuperación en Galicia é máis lento que o que se segue no conxunto do Estado. Se a crise foi longa, a recuperación tamén o será.

O número de concursos presentados en Galicia o pasado ano duplica aos que se presentaran en 2008, e aínda supera aos de 2010 e 2011, anos nos que a crise económica xa se deixaba notar con forza. Descenden un 16,9% con respecto ao 2013, unha diminución inferior á que se rexistra no conxunto de España (25,7%) e suman un total de 2.965 nos seis anos de crise. Unha tendencia semellante rexístrase nas demandas por despedimento, que no último ano se reduciron en Galicia, un 12,3%, inferior ao descenso experimentado no Estado (19,5%). As cifras galegas, aínda que amosan unha clara recuperación (é o segundo ano de mellora, dende os máximos de 2012), indican que o número de demandas por despedimento é aínda superior ao que se rexistraba en 2009 e 2010.

  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014
Galicia 81 247 388 403 491 564 611 508
España 1.589 4.813 7.768 7.163 8027 10.290 10.949 8.132

Concursos de acreedores presentados en Galicia e no conxunto de España. Fonte: CGPJ

  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014
Galicia 3.330 5.188 6.800 6.621 7.729 8.711 8.057 7.069
España 66.249 102.925 135.379 111.942 117.613 147.404 146.796 118.213

Demandas por despedimento presentadas nos xulgados en Galicia e no conxunto de España. Fonte: CGPJ       

Outro dato que amosa que os efectos provocados pola crise comezan a remitir atopámolo no número de EREs presentados. En 2014 foron un total de 96 en Galicia, moi por debaixo dos 155 de 2013 e dos 191 de 2012. No último ano, o descenso é dun 38%, superior (aqui si) á media española (30,9%).

  2012 2013 2014
Galicia 191 155 96
España 1.809 1.782 1.232

Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) presentadas en Galicia e no conxunto de España. Fonte: CGPJ

 

Execucións hipotecarias

Tamén mellora a situación no que respecta ás execucións hipotecarias, que en 2014 se reduciron en Galicia por vez primeira dende o inicio da crise, pasando de 2.576 a 2.106, un descenso do 18,25% (superior ao experimentado no conxunto de España). Porén, a cifra segue sendo moi alta e equivale a case seis (5,76) por día e triplica á que se rexistraba en 2007, antes do inicio da crise. O número de execucións hipotecarias en Galicia é aínda un 54% superior ao de 2008, mentres que en España a diferenza é do 38%. Nos seis anos de crise suman 13.208 só en Galicia. Como subliñaba a estatística ofrecida hai uns días polo INE, destas execucións, en 2014 1.068 corresponderon a vivendas familiares. 

O que non se reduciu o pasado ano foi o número de lanzamentos, é dicir, o desaloxo efectivo do propietario ou propietaria dese inmoble. Foron 2.519, unha cifra superior á rexistrada en 2013 (2.404). No conxunto do Estado os lanzamentos tamén se incrementaron lixeiramente. Neste caso, non se pode establecer unha comparación coas cifras de anos anteriores ou cos datos previos á crise. Ata o 2012 os datos son parciais e proceden dos servizos comúns de notificacións e embargos, nos lugares nos que existían; só a partir de 2013 os xulgados comezan a recoller de forma completa e exhaustiva esta información. En calquera caso, o número de desaloxos de 2014 é moi superior ao que se rexistraba no tempo anterior ao comezo da crise.

  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014
Galicia 701 1.369 2.053 1.942 2.003 2.528 2.576 2.106
España 25.943 58.686 93.319 93.636 77.854 91.622 82.680 80.749

Execucións hipotecarias presentadas en Galicia e no conxunto de España. Fonte: CGPJ

  2008 (i) 2009 (i) 2010 (i) 2011 (i) 2012 (i) 2013 (ii) 2014 (ii)
Galicia 818 1.054 1.562 1.588 1.461 2.404 2.519
España 17.433 22.493 32.689 40.740 46.408 67.189 68.091

Lanzamentos practicados. (i) Datos ata 2012 dos servizos comúns de notificacións e embargos (parciais). (ii) Datos de 2013 e 2014 procedentes dos xulgados (si exhaustivos). Fonte: CGPJ

 

Concursos presentados en Galicia Dominio Público Praza Pública
Execucións hipotecarias presentadas en Galicia Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.