Histórica folga en Novagalicia Banco contra o ERE

Manifestación en Vigo de traballadores de Novagalicia Banco Dominio Público @galizaCIG

Unha histórica folga baleirou este mércores moitas das oficinas de Novagalicia Banco no país. Até o 90% do cadro de persoal, segundo datos dos sindicatos, secundou o paro xeral convocado por todas as centrais con representación para amosar o seu rexeitamento aos plans de reestruturación da entidade, un cuarto ERE que suporía o despedimento duns 2.250 empregados. NGB rebaixa o seguimento a algo máis do 43% e aclara que puido realizaro o 70% da súa actividade normal.

Os sindicatos cifran o seguimento da folga xeral nun 90% de media

Malia a desconvocatoria de folga dos traballadores das outras dúas entidades nacionalizadas (Bankia e Banco de Valencia), ao alcanzar un principio de acordo sobre o ERE coas súas respectivas direccións, o seguimento do paro nas oficinas de NGB foi masivo e amosou a posición contraria da inmensa maioría do cadro de persoal ante o que os sindicatos consideran "a máis dramática e salvaxe" reestruturación das que se están a dar no sistema financeiro estatal.

O que si houbo foi un seguimento desigual, xa que aínda que o descenso na asistencia de persoal foi evidente en todas as comarcas, a cantidade de oficinas abertas na área da Coruña e Vigo foi maior que noutras zonas. Tampouco foi tan importante o paro no resto do Estado, aínda que tamén houbo importantes mobilizacións nalgunhas comunidades como Cataluña, onde os sindicatos falan dun seguimento do 75%. En Galicia, seis das sete principais cidades -todas agás Ferrol- acolleron manifestacións con centos de traballadores das antigas caixas e baixo o lema Axudas para os banqueiros, despedimentos para as persoas e nas que se escoitaron berros como "somos traballadores, non somos banqueiros" ou "clientes e persoal, afectados por igual". "Non foi fusión, foi demolición", aseguraron tamén.

Seis das sete cidades galegas acolleron manifestacións de traballadores do banco

Tal e como lembra CIG-Banca, logo da fusión das antigas caixas galegas, o cadro de persoal sumaba un total de 8.000 traballadores. Agora, a previsión é que Novagalicia quede con 2.000 empregados en 2017. Na actualidade, son 5.600 as persoas que traballan -e estaban convocadas á folga- na entidade nacionalizada e con sede en Galicia.

Os sindicatos non descartan unha folga indefinida a partir do vindeiro día 14

A pesar das últimas negociacións entre sindicatos e dirección, os despidos previstos en Novagalicia non baixarían de 2.000, aínda que a entidade si mellorou a indemnización prevista, que pasaría dos 23 días por ano cun límite de 14 mensualidades aos 28 días cun máximo de 18. A cambio, NGB imporía algunhas medidas de flexibilización que incluirían a apertura dalgunhas oficinas pola tarde, así como a redución de xornada e a conseguinte diminución do soldo dos empregados. Pola contra, Banco de Valencia e Bankia xa chegaron a un principio de acordo cos representantes dos empregados, o que, segundo as centrais de NGB, evidencia que "mentres noutros lugares si hai disposición a negociar, aquí non se quere facer".

Precisamente, Novagalicia e os sindicatos teñen o vindeiro luns unha nova cita para seguir negociando o ERE, cuxo período de consultas remata o día 14. A partir dese mesmo día, ou desde o seguinte, é "posible" que os sindicatos volvan convocar unha folga xeral nas oficinas de NGB "de forma indefinida".

HABERÁ AMPLIACIÓN

Piquetes nunha oficina de NGB, a primeiras horas da mañá Dominio Público @galizaCIG
Manifestación de traballadores de Novagalicia en Euskadi Dominio Público @CCOOEuskadi

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.