Instan a Almunia a non deixar desaparecer a obra social de Novacaixagalicia

Imaxe corporativa de Novacaixagalicia © NGB

Entre as múltiples consecuencias da desaparición das antigas Caixanova e Caixagalicia está a redución á mínima expresión da súa obra social, un dos trazos que historicamente diferenciaron ás caixas dos bancos e quen Galicia mantén dende hai décadas multitude de servizos, dende centros de maiores ata accións educativas ou promoción do deporte, aínda que tamén adquisicións de edificios de dubidosa rendibilidade social. Todos os sindicatos que representan o persoal da obra social Novacaixagalicia, resultante da fusión -CCOO, UGT, CIG, ASCA, FSIE e Independentes- veñen de dirixirse ao vicepresidente da Comisión Europea, Joaquín Almunia, para que faga todo o posible para que a reestrutración do sector non leve por diante esta área de NCG.

Nomeadamente, o persoal da obra social amosa a súa "preocupación" polas "condicións que se lle imporán a Novagalicia Banco para a súa recapitalización" e o impacto que este proceso terá na porcentaxe de participación que ten a caixa na entidade bancaria, "da que ten o 6,84% das accións" nun contexto no que "o principal obxecto social de Novacaixagalicia é a xestión de activos para facer obra social e reverter os beneficios da actividade financeira no conxunto da sociedade galega", labor para o que conta cun cadro de 250 traballadores e traballadoras.

O persoal advirte de que, ademais de poñer en risco a acción social, a desaparición traería consigo "graves prexuízos" para Novagalicia Banco

"A obra social de Novacaixagalicia -din- tivo unha grande importancia nos últimos anos" en proxectos como a "loita contra a pobreza e a exclusión social", sendo "aliada preferente das ONG do terceiro sector". Tamén, explican, proporcionou apoio "ás industrias culturais, fomentando a cultura emprendedora e combatendo a exclusión financeira co Monte de Piedad", ou impulsou a  formación "a través da Escoal de Negocios" ou sustentou a atención á dependencia "mediante unha rede de centros de maiores e centros residenciais por toda Galicia".

"Toda esta actividade está en risco se a participación de Novacaixagalicia en Novagalicia Banco minora ou desaparece", dinlle os sindicatos a Almunia, a quen advirten de que "se permite a desaparición da obra social, veranse gravemente afectados todos os beneficiarios da nosa acción", porque "deixará de cubrir servizos onde non chegan outros recursos públicos nin poivados", ademais de "poñer en risco o emprego directo" e os "milleiros de empregos indirectos". A súa desaparición, afirman, tamén traería consigo "graves prexuízos" para Novagalicia, xa que a obra social "é o vínculo que mantén a fidelidade dunha gran parte da súa clientela".

Por todo isto os representantes do persoal de Novagaixagalicia reclaman que a Comisión "estude fórmulas que garantan o retorno de parte dos beneficios" de Novagalicia Banco "cara ao territorio no que opera" e se "comprometa co mantemento da obra social" como garantía de comrpomiso "co emprego e o servizo á sociedade que desexamos seguir prestando. Ademais, defenden "a depuración de responsabilidades pola xestión económica previa á segregación, coa devolución das indemnizacións indebidamente percibidas" e que estes cartos se desitnen á obra social. Por último, apostan por que, "cn caso de que Novagaixagalicia perda a súa participación" no banco, este "recompre a participación accionarial" ou se comprometa a manter a mesma acción social.

Imaxe corporativa de Novacaixagalicia © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.