“Teño 34 anos. Diría que son da Coruña pero non é de todo certo. A miña familia procede de Aiazo, unha aldea entre Ordes e Curtis, onde estás as miñas raíces e a casa familiar. Son licenciada en Ciencias Políticas e da Administración, falo catro idiomas (inglés, francés, español e galego), parrafeo en dous (italiano e portugués) e podo ler algo noutros dous (checo e alemán)”.
Así comeza unha conversa con Tamara Guirao, galega de intachable currículo. Un elo máis desa xeración da que xa se fala como “perdida”. Pódenselle aplicar todos os tópicos: ben formada, sobradamente preparada, e, como non, sen unha oportunidade no seu país. Ela é un exemplo máis, pero paradigmático, da realidade da mocidade galega. Os últimos datos reflicten o drama. Máis de 9.000 persoas abandonaron o país no primeiro semestre do ano, case tantas como en todo 2010 e o 68% das que marcharon en 2011. No conxunto do Estado, a cifra elévase a máis de 40.000 cidadáns.
Tamara reside dende hai anos en Rennes, en Francia, na sede de Atlantic Arc Cities, unha rede europea de cidades que inclúe localidades de España, Francia, Reino Unido, Irlanda e Portugal. “Axudámoslles a explotar as súas forzas comúns, tanto a nivel local como europeo”, asegura Tamara.
España nunca foi unha opción para ela. Sendo aínda universitaria fixo un curso Erasmus en Rennes, onde agora reside. Alí, di, comprendeu que a competencia en Europa ía ser “moi forte” e apostou forte por formarse. Por sobre cualificarse. Despois da súa estadía en Francia conseguiu títulos dispares: unha licenciatura, o de monitor de tempo libre, un ciclo superior de Comercio Internacional e, máis tarde, desta volta en Bruxelas, acadou o Diploma de Estudios Superiores en Política da UE, especialidade en Relacións Exteriores. Para non deixar unha soa posibilidade de atopar emprego solta, Tamara ariscou cun posgrao: Cooperación ao Desenvolvemento e primeiros anos de doutorado en Economía.
"En Galicia rexeitáronme en cantas entrevistas de traballo fixen por estar demasiado cualificada"
Conten vostedes mesmos os títulos. A formación envexable desta galega que nunca ficou en Galicia. Ela explícao con claridade: “E Galicia traballei nunha consultora, que deixei polas bolsas da Xunta de Galicia en Exteriores. Despois, rexeitáronme en cantas entrevistas de traballo fixen por estar demasiado cualificada. Ben fora en postos ambiciosos ou de comercial”. Probou fora da casa, marchou facer entrevistas a Madrid e logo a Granada: traballos interesantes, di, “pero cun soldo que non me chegaba para vivir”.
"Non quería marchar"
Á seguinte pregunta contesta rápido en sen dubidar. “Que te levou a facer as maletas e marchar?”, pregunto. “Non quería irme”, di sen dubidar. “A comezos de 2009 aínda non eramos conscientes da que se nos viña enriba. Debo confesar que mandei a miña candidatura para o posto que ocupo no último minuto. Miña nai foi a que me empurrou, cando me chamaron para facer a entrevista pensei en non presentarme, pero ela díxome: “Ti estudaches para isto, se tes que coller as maletas, marchas”, di Tamara.
"Hai galegos brillantes, con currículos excelentes, pero están todos repartidos polo mundo"
E iso fixo. Marchou. Antes de firmar o contrato lembra que se puxo enferma. “Visto hoxe, creo que foi o pánico de asumir que marchaba. Cheguei a Francia coa idea de estar dous anos, gañar experiencia e voltar. Agora xa non pensou iso”, lamenta. Tampouco o pensan, explica ela, moitos dos seus compañeiros na residencia universitaria. “Hai galegos brillantes, con currículos excelentes, e están todos repartidos polo mundo. Coñezo xente en Londres, Escocia, Irlanda, Suíza, Estados Unidos e ata en Singapur”.
Explícolle a Tamara que no último ano, a causa da crise, aumentou notablemente o número de galegos que marchou de España a buscar emprego fóra, principalmente en países de Europa. Aposto polo desánimo como causa e négao. “Non creo que a palabra sexa desánimo, hai que ter moito valor para marchar do teu país, sobre todo se é a primeira vez”. Entón? Entón, di, é un fenómeno alleo ao desánimo, é un fenómeno que define como “terrible” porque, asegura, “significa que renuncias a case todo para enfrontarte a algo que non estaba necesariamente nos teus planes”. “Esa mocidade da que se dixo que estaba mimada e que non servía para nada foi capaz de replantexarse a súa propia vida e de buscar alternativas. Desánimo? Desculpade a palabra, pero os mozos estámoslle botando un par…”, sentencia.
"Non é desánimo, marchar é terrible, sobre todo se é a primeira vez; os mozos estámoslle botando un par..."
Non se trata de desánimo, e Tamara insiste en que se trata de valor, en que moitos o fixeron antes e moitos o farán despois dela, sobre todo en Galicia, onde a emigración é unha constante dende a mesma posguerra. “A última vez que estiven en Galicia veu de visita unha tía avoa que teño en Arxentina. Ela di que eu marchei porque, entre outras cousas, ela e os seus irmáns abriran a porta hai 60 anos, e por esa mesma porta seguimos saíndo nos”. “A emigración non é un sentimento, é un destino”, di. “A veces apostas ti, pero na maioría dos casos, bótanche as cartas na cara e tes que recoller o guante”.
"Miña tía emigrada dime que eu marchei pola porta que ela e os seus irmáns abriron hai 60 anos"
En canto ao futuro, non quere escoitar nada de volver. “Doulle voltas a iso, e é difícil dicirlle á miña familia que non atopo as condicións para volver, e non é só cuestión de salarios”. E comeza a enumerar: en Francia xa ten un contrato indefinido, un seguro médico, un fondo de xubilación e séntese, asegura, “moi respectada” polas súas capacidades.