“Daría a vida pola miña empresa, pero pensaríao dúas veces antes de arriscarme de novo”

David Romeo CC-BY-SA Ana Camiño

En 2009, cando a palabra crise comezaba a ser demasiado habitual en todas as conversas, aínda alleas á magnitude que chegaría a cobrar o termo, máis vixente se cabe tres anos despois, David Romeo, que entón apenas sumaba 27 anos, embarcou nunha aventura única. Aínda non chegou a porto, nin sequera ve, como el di, a luz ao final do túnel, pero, polo de agora, pagou a pena tentalo.

Modisto de profesión e traballador por conta allea ata hai tres anos, a súa experiencia nunha firma de moda foi dabondo negativa para que non o dubidara cando as cousas se puxeron feas no seu emprego anterior. Sen pasar polo servizo de emprego, foi directo a un asesor de emprendemento da Xunta de Galicia. E en poucos días tiña claro o seu proxecto, Compostic, un taller de costura e arranxos.

Modisto de profesión e traballador por conta allea ata hai tres anos, a súa experiencia nunha firma de moda foi dabondo negativa para que non o dubidara cando as cousas se puxeron feas no seu emprego anterior

Dende entón, David non parou nunca. “En tres anos non ingresei apenas cartos na miña conta, todo o leva a empresa, todo se inviste neste proxecto”, asegura. Comezou cun taller e seis empregados, hoxe, logo de tres anos de crise e caída do consumo só son tres, pero o negocio non se estanca. Todo o contrario, comeza a abrir camiños con novos investimentos, como unha bordadora coa que pretende ampliar o espectro de clientes.

“O malo deste negocio é que dependo directamente do consumo privado en roupa, e é evidente que non para de caer”

Actualmente, Compostic traballa para media ducia de clientes fixos, basicamente tendas de venda de roupa que lle encargan os arranxos a medida das prendas. “O malo deste negocio é que dependo directamente do consumo privado en roupa, e é evidente que non para de caer”. Sen embargo, e pese a que recoñece non ter beneficios persoais, a firma “cobre gastos” e a mente de David non para de argallar novos proxectos.

 

A expensas do consumidor

Preguntar polo futuro a un pequeno empresario é case unha pregunta retórica. “Se nin sequera os financeiros saben cando vai rematar esta crise, como vou saber eu se se recuperará algún día esta situación”, lamenta. “Está claro que o consumo terá que repuntar, e iso beneficiará a miña empresa e a todas, que estamos a expensas de que unha persoa, un consumidor, decida gastar os seus cartos nunha ou noutra cousa”.

“Agardei un ano pola licencia para abrir o taller, pedín axudas que son pan para hoxe e fame para mañá e agora mesmo sigo pelexando”

Asegura que lle gusta o seu traballo, que é feliz facendo o que fai a pesar de que o día non ten abondas horas para el, pero as cousas non son sinxelas. “Agardei un ano pola licencia para abrir o taller, pedín axudas que son pan para hoxe e fame para mañá e agora mesmo sigo pelexando”.

“O futuro?”, di, “seguir pelexando”. Non quere oír falar de que as cousas poidan ir mal, malia que recoñece que non tería problema algún en volver traballar como asalariado para outra compañía. “Agora mesmo eu dou a vida pola miña empresa, é o meu proxecto e vou pelexar canto poida”. Como última pregunta espétolle: “Se volveses a 2009, volveríalo facer?”. Dubida. “Pensaríao, non o sei, pero tería que pensalo”.

David Romeo CC-BY-SA Ana Camiño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.