Aquellos maravillosos años non é a compilación da serie de televisión dos noventa e nin sequera soarán os Beatles cando abran as súas páxinas. A banda sonora deste libro, co-escrito e co-editado por Rafael Aníbal, ten notas de trombón ourensán, de cantos andaluces e sobre todo: soa a diñeiro. Todo o que se roubou, se desfalcou, se malversou e, finalmente, desapareceu en España mentres pensábamos que eramos ricos. Aníbal non dubidou un instante: imos contar que foi dese diñeiro. Cando menos, intentalo.
Aquellos maravillosos años percorre España de norte a sur, saltando de corrupto en corrupto. Quedou desfalco por contar?
E tiro porque me toca. Algo quedou, pero os máis gordos, os máis obscenos e os máis surrealistas están dentro do libro. Temo que contalos absolutamente todos tería sido máis difícil que reescribir El Quijote en sánscrito
"Moitos dos que participamos neste volume estamos pagando as consecuencias dunha crise irracional e miserable, e quixemos por o noso particular grao de area nesta loita, que é a de recuperar o que é noso: a dignidade e o diñeiro"
Como xorde a idea de recoller nun só libro os casos de corrupción máis soados de todo un país?
Porque era necesario. Ten que quedar constancia do que pasou e pasa cada día na España actual. A xente ten que coñecer con precisión que é o que se roubou, quen son os que o levaron e como o fixeron. Este libro está escrito para que a xente perda ese medo tan atávico e tan español como o que se profesa á clase política. Ademais, para que enganarnos?, moitos dos que participamos neste volume estamos pagando as consecuencias duna crise irracional e miserable, e quixemos por o noso particular grao de area nesta loita, que é a de recuperar o que é noso: a dignidade e o diñeiro que se escondeu nas Caimán.
O relato comeza en Galicia, un dos lugares onde máis tramas de malversación e despilfarro se destaparon (Campeón, Orquesta....). É posible cegar a comprender que un home que contrata ducias de porteiros para un edificio con dúas portas dimita, que ninguén o cese?
Dende logo que non, e é que se algún chegamos a comprender cousas así, apaga e vámonos. Este exemplo de Galicia, que parece sacado dunha película dos irmáns Marx, e que agardo que poida ser coñecido grazas ao libro, é só unha pequena proba do cachondeo e a festa que se pegaron estes honorables señores a costa da cidadanía. É escandaloso que os partidos e os Gobernos só acepten cesar a un cargo cando a prensa lles pon a auga ao pescozo: previamente ninguén se atreve ou quere dar un paso que beneficiaría enormemente á maltreita saúde democrática do Reino. Estou absolutamente convencido de que levamos este libro a calquera país nórdico e o catalogarían dentro do xénero de ciencia ficción, non poderían comprender de maneira racional o que fai e permitimos facer á clase política.
"O exemplo de Baltar é só unha pequena proba do cachondeo e a festa que se pegaron estes honorables señores a costa da cidadanía"
Aínda nestes momentos de crise e elevada taxa de desemprego, seguen sen condenar á inmensa maioría dos implicados nestes escándalos…
Que quere que diga? Eu son o primeiro sorprendido. Quizais agora a cidadanía cabreada e indignada, os poderes xudicial e executivo o pensen dúas veces antes de deixar libres aos responsables de tanto caso de corrupción, cando menos mentres non devolvan os cartos. Porque esa é outra! Que pasa con eses cartos? Porqué ninguén o devolve? É unha vergoña que un poida pasar un par de anos no cárcere e ao saír non devolva o roubado. A lexislación ten que cambiar neste aspecto. E tamén a opinión pública, dado que todos coñecemos a algún que outro corrupto que agora traballa como pope da comunicación nalgún canle televisivo, cando deberíamos telos botado a todos do país.
"É escandaloso que os partidos e os Gobernos só acepten cesar a un cargo cando a prensa lles pon a auga ao pescozo"
Unha vez lido o libro, temos xa unha visión global: Andalucía, o caso de Marbella, Galicia, Baleares, Estremadura… Cre que existe un problema endémico en España que nos leva a apropiarnos do alleo e, sobre todo, a saber que se sae indemne?
Témome que si. Non entanto, son numerosos os casos en que a xustiza e a clase gobernante se amosou practicamente inoperante, actuando mal e tarde. Ademais diso, e no que a nós respecta, si que creo que como cultura, os países mediterráneos temos unha especial propensión a permitir este tipo de feitos e a non ser especialmente críticos que aqueles que rouban e delinquen en institucións públicas. A crise volveunos moito máis sensibles, e agardo que este cambio sexa para mellor e que verdadeiramente, como sociedade, creemos unha cultura crítica e esixamos aos gobernante o mesmo que faríamos na nosa propia casa.
Cree que a sociedade é consciente dos graves problemas que acarrean casos de malversación, apropiación indebida, desfalco etc para as arcas públicas?
Ata o de agora non, pero imaxino que co que está acontecendo e con un país en ruína técnica a xente comezará a sentir nas súas propias carnes o que supón este desfalco para as contas públicas. Espero que se cree esta conciencia.
O libro está feito por xornalistas de xeito desinteresado, moitos deles en paro. Que problema hai na prensa convencional para que non se publiquen traballos como os que vostede recolle en Aquellos maravillosos años?
Un problema moi sinxelo que se chama publicidade, gracias á que se manteñen a flote os medios xeneralistas. Moitos deles non poden permitirse publicar a maioría dos temas que tratamos no libro porque perdería xugosos contratos publicitarios que lle permiten seguir alongando a agonía que supón, hoxe por hoxe, manter un medio de comunicación. En canto aos xornalistas, que vou dicir! Este libro demostra que aínda hai xente extremadamente xenerosa que ofrece o seu traballo, o seu entusiasmo e o tempo en aras dunha denuncia pública e necesaria. Estou agradecido, como é obvio, a todos eles.
"Moitos medios non poden permitirse publicar a maioría dos temas que tratamos no libro porque perdería xugosos contratos publicitarios que lle permiten seguir alongando a agonía"
Vostede relato o caso de paradigmático de Marbella, practicamente a cidade sen lei, cree que se aprendeu a lección na cidade?
Estou totalmente convencido de que non. Os cidadáns temos unha memoria paupérrima e aí están casos como os da Comunidade Valenciá, símbolo de corrupción institucionalizada durante a última década, e onde volveron ser elixidos os mesmos políticos incluso con maior número de votos. Inclínome a pensar de xeito moi macabro neste sentido, e ogallá estea equivocado e os marbellís nos dean unha sorpresa… E fíxese na situación actual de Marbella: é tremenda! Arcas públicas a menos cero, credibilidade nula… Ben, pois aínda con esas, teño grandes dúbidas sobre o seu futuro.
O Corrupcionario que pecha o seu libro debería venderse cos xornais como guía para estes tempos…
Estou de acordo. Non é máis que un breve glosario de termos imprescindibles na xerga do bo corrupto. Esta nova forma de dicionario responde a un intento de sintetizar formas e usos de palabras que, polo feito de estar presentes de forma diaria nos medios de comunicación corren o risco de non ser consideradas coas súas implicacións reais. Que ao escoitar a palabra “político” gran parte do pobo pense nun corrupto é un feito que debería preocuparnos.
"O máis sangrante da picaresca actual é, sen dúbida, o carácter soez e vulgar sobre o que se constrúe"
Define vostede o libro como un relato de ciencia ficción, ou mellor aínda, un relato da picaresca española contemporánea... Sexa honesto: non prefire a picaresca del XVI á do XXI?
Absolutamente. No XVI, xenios e figuras recorrían a estrataxemas e subterfuxios moitísimo máis elaborados, non máis honestos, pero si cando menos máis elegantes e enxeñosos. O máis sangrante da picaresca actual é, sen dúbida, o carácter soez e vulgar sobre o que se constrúe.