Longa noite no Mercado da Pedra

En 2008 abriu xusto detrás do mercado da Pedra un centro comercial. Ambas as dúas realidades están unidas por unha pasarela peonil CC-BY VV

A do Mercado da Pedra é unha historia de cambios. Sobrevivir ao paso dos anos require facer as cousas ben e un chisco de sorte, pero nesta emblématica zona do Vigo vello os novos tempos apagaron a súa efervescencia comercial e a día de hoxe o mercado atópase nunha especie de purgatorio da ilegalidade, cos locais pechados, á espera de que as decisións xudiciais permitan unha nova reapertura.

Segundo podemos achar na propia información que mostra o mercado no seu exterior, no Vigo medieval a zona da Pedra "xa albergaba o mercado e o concello aberto, reunión pública onde se trataban os asuntos da vila. O primeiro día de cada ano os gremios elixían aquí a dous procuradores, os seus representantes nas reunións dos rexedores municipais".

Imaxe histórica do Mercado da Pedra a comezos do século XX © Llanos

Este emblema de Vigo foi durante séculos lugar de reunión e comercio, situado no corazón da cidade. A web do concello de Vigo aínda recolle a día de hoxe que "o mercado da Pedra é un bo símbolo da evolución do porto cos seus produtos tecnolóxicos chegados de calquera parte do mundo expostos para a súa venda xunto a outros artigos tradicionais", pero isto xa non é verdade.

Os vigueses poden recordar este lugar como o gran distribuidor de tabaco de "batea" (de contrabando), o sitio ideal para atopar un bo transistor ao mellor prezo co que escoitar o partido do Celta e, por suposto, roupa de imitación, falsificacións de grandes marcas, motivo polo que finalmente foi precintado pola policía en 2014

Os vigueses poden recordar este lugar como o gran distribuidor de tabaco de "batea" (de contrabando), o sitio ideal para atopar un bo transistor ao mellor prezo co que escoitar o partido do Celta e, por suposto, roupa de imitación, falsificacións de grandes marcas, motivo polo que finalmente foi precintado pola policía en 2014 no marco da chamada Operación Cuarzo. A intervención policial que se fraguou ante a atónica mirada de cruceiristas, turistas e demais clientes que alí se congregaban supuxo a incautación de 20.000 pezas de roupa falsificadas e o peche dos locais da zona superior, que actualmente carece de actividade. "A macrorredada de 2014 pechou todo, incluso negocios legais", asegura José Manuel Rodríguez, comerciante da Pedra, que rexenta unha cafetaría e unha tenda de alimentación na zona baixa do mercado desde hai máis de 30 anos.

José Manuel Rodríguez leva máis de 30 anos no Mercado da Pedra CC-BY-SA VV

Rodríguez, que tamén é tesoureiro da Asociación de Comerciantes do Mercado da Pedra, lembra os esforzos que levan facendo para darlle vida ao mercado. A Pedra funciona en réxime de concesión outorgada á Asociación polo Concello de Vigo en 2001 e vixente ata 2030. "Negociamos primeiro con Manolo Pérez e logo con Castrillo", recorda José Manuel Rodríguez e, en virtude dese acordo os comerciantes teñen que pagar un canon mensual ao Concello. O principal problema agora mesmo é que dos 21 asociados só hai seis que están ao día nas cotas e o resto están denunciados por impago. E namentres estes comerciantes non resolvan a súa situación económica o mercado está bloqueado e a débeda crece. “Estamos esperando a que o Xulgado arranxe a situación, queremos que entreguen o posto e recoñezan a débeda”.

En 2017 houbo un intento de reapertura de oito comerciantes na zona pechada pero non tivo éxito. “Tamén é unha cuestión de imaxe, se ti abres pero tes arredor postos pechados a cousa non funciona”, indica Rodríguez.

Desde a Asociación de Comerciantes cren que a mellor solución sería crear un outlet na zona superior e para iso están a traballar, negociando con empresarios interesados

Desde a Asociación de Comerciantes aseguran que non queda outra que reinventarse, hai que seguir adaptándose aos tempos e cren que a mellor solución sería crear un outlet que ocupase toda a zona superior e para iso están a traballar, negociando con empresarios interesados. “Se non hai oferta a xente vai ás Cíes e marcha. Cremos que a reapertura comercial sería boa para toda a zona, tamén para os bares e restaurantes. Dinamizaríase todo”, asegura José Manuel Rodríguez.

Comparativa da situación do mercado a comezos do século XX e a finais. © Javier Garrido. "Vigo, La ciudad que se perdió"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.