"Madrid centraliza o poder, péchao e concéntrao nas mans duns poucos"

Óscar Pazos © Los libros del lince

O vigués Óscar Pazos publicou recentemente Madrid es una isla, unha análise do proceso de centralización do poder (económico, político, universitario...) na capital do Estado e nunhas poucas mans. Unha concentración que, denuncia, bloquea a economía e a propia democracia. Pazos presenta a súa obra o vindeiro martes 28 na Galería Sargadelos de Compostela nun acto organizado por Compromiso por Galicia baixo o título de Todo para Madrid. Os custes económicos do centralismo.

El Diario publicou en febreiro un adianto editorial do libro, no que Pazos explica que "grazas ao secuestro dos órganos de poder, en Madrid creouse unha trama de institucións e intereses mediante a que o complexo político-económico español goberna o país dende a distancia e no seu propio proveito", derivando nun "Estado burocrático, xudicializado e funcionarizado que vive de costas á cidadanía, da que é o seu principal inimigo". Tamén destaca que "Madrid apropiouse da idea de España e parece que todo o que non é Madrid é antiespañol" e que o Estado das Autonomías non só non axudou a corrixir esta situación senón que as Comunidades Autónomas "funcionaron como réplicas a pequeno tamaño do Estado Central e crearon capitais centralizadoras ao xeito de Madrid".

"Madrid fai un discurso político que usa os nacionalismos e baseado en argumentos antiperiféricos para agachar algo moito máis grave: o monopolio do poder en mans dunha pouca xente"

No teu libro vas máis alá das habituais críticas a Madrid dende a periferia e analizas un problema que afecta a como funciona toda politica ou a economia en España: a concentración do poder nunhas poucas mans. Como se leva a cabo este mecanismo?

Si, tentei fuxir das argumentacións típicas no nacionalismo e fundamentadas nuns agravios territoriais sobre un determinado lugar e, en cambio, busquei analizar as dinámicas centralizadoras de Madrid con respecto a toda España. Madrid centraliza o poder, péchao e concéntrao nas mans duns poucos. O problema é que Madrid fai un discurso político que usa os nacionalismos e baseado en argumentos antiperiféricos para agachar algo moito máis grave: o monopolio do poder en mans dunha pouca xente. Non quixen entrar neses debates de nacionalismos ou antinacionalismos e de agravios rexionais comparativos, que Madrid utiliza sempre no seu proveito. Preséntase como un poder equilibrador cando é exactamente o contrario: Madrid apropiouse da idea de España e parece que todo o que non é Madrid é antiespañol. Hai un discurso que parece que invalida todo o que non veña ou non pase pola capital.

"A captura deste poder económico comeza nos anos vinte do século XX cando a ditadura de Primo de Rivera leva a cabo unha centralización económica a través da nacionalización de moitas empresas, coa instalación dos monopolios estatais en Madrid"

Cando empeza este proceso?

Eu comezo o relato no traslado da capital a Madrid por parte de Felipe II. E evidentemente este proceso intensificase a mediados do século XIX co proceso de construción do Estado cun esquema radial, non só nas vías de comunicación senón tamén na cultura ou a universidade. Non o fan coa industria, que se desenvolve na periferia sobre todo en Catalunya ou o Pais Vasco, pero tamén en Valencia, Cádiz, Asturias ou Vigo. A captura deste poder económico comeza nos anos vinte do século XX cando a ditadura de Primo de Rivera leva a cabo unha centralización económica a través da nacionalización de moitas empresas, coa instalación dos monopolios estatais en Madrid. E esa é a estrutura económica que arrastramos até hoxe e que trae déficits de competitividade, de balanza exterior e de crecemento económico.

Falas moito do sistema bancario e da centralización do poder financeiro, moi de actualidade...

Sempre pasou o mesmo: a solución para cada crise foi a centralización. En vez de abrir o mercado para que houbese competencia, a solución foi centralizar para diminuír o número de actores. Na crise do noventa déuselles a BBV e a Santander as facilidades para facerse con outros bancos e, a cambio, tiveron que trasladar as súas sedes operativas a Madrid. En España creceu moito máis o sector financeiro que a industria produtiva, derívanse os cartos aos bancos, que os empregan en grandes negocios de investimento intensivo de capital: as eléctricas, petróleo, o mercado inmobiliario...

"Madrid necesita unha España homoxénea para controlala dende o centro"

O Estado das Autonomías axudou a corrixir esta situación?

É certo que ao morrer Franco hai unha maior liberalización e descentralización, pero esta  descentralización quedou a medio camiño. As Comunidades Autónomas funcionaron como réplicas a pequeno tamaño do Estado Central e crearon capitais centralizadoras ao xeito de Madrid, como sucedeu en Galicia con Santiago. Ademais creáronse estas estruturas cando fóra de Catalunya, País Vasco e algo menos en Galicia, non había demanda de autonomía. E fixérono así por non facer esa España asimétrica que tanto asusta a Madrid, porque Madrid necesita unha España homoxénea para controlala dende o centro. E fálase moito da débeda das autonomías pero a débeda grande segue a ser do Goberno central. O Estado central ten hoxe máis funcionarios que hai 30 anos a pesar de que se crearon as comunidades autónomas.

Isto pasa noutros países por exemplo en Francia un pais moi centralizado? A relación que establece París co resto de Francia é a de Madrid con España?

París non é Madrid e ademais en París cortáronlle a cabeza ao rei e iso sempre dá outra cultura. En España nunca houbo unha auténtica revolución burguesa e, polo tanto, o poder sempre estivo centralizado. E París soubo funcionar como unha capital cultural e liderar Francia dunha forma natural. Madrid non foi quen de facer iso e o seu crecemento foi artificial: creceu a costa dos demais e sempre colleu do resto de España máis do que puido dar. Paris ou Londres centralizan o poder económico da mesma maneira que o fai Madrid pero este proceso foi máis natural neses países.

"Paris ou Londres centralizan o poder económico da mesma maneira que o fai Madrid pero este proceso foi máis natural neses países"

A tese do libro pode resumirse en que un poder concentrado limita a actividade dos cidadáns?

O outro dia Josep Piqué denunciou moi acaidamente que “non hai cartos para as empresas e para a xente, porque os cartos os está levando o Estado”. O Estado está utilizando a centralización para salvar as súas estruturas. Falan de recortar concellos ou de recortar as autonomías, pero non falan de adelgazar as súas estruturas. Están utilizando os cartos de todos para favorecer esas grandes empresas que eles mesmos ocuparán en canto deixen a política. Empresas que viven de concesións, de contratos públicos e do BOE. É unha cultura na que o éxito depende de ter un amigo no Concello, na capital autonómica ou en Ferraz ou Génova. O director da asociación americana de lobbistas, que estivo en Madrid hai uns meses, dixo que o que máis lle sorprendera de España era como o poder estaba centralizado nunhas poucas persoas.

Capa do libro © Los libros del lince

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.