MAFO bota balóns fóra e culpa da crise a PP e PSOE

MAFO, xunto a Jesús Caldera, no Congreso © Congreso dos Deputados

Nin un chisco de autocrítica, nin un pouco de asunción de responsabilidades. Miguel Ángel Fernández Ordoñez, ex gobernador do Banco de España, cargou contra todos menos contra el mesmo na súa comparecencia no Congreso. MAFO censurou con dureza a actuación dos últimos tres gobernos (o de Aznar, o de Zapatero e o de Rajoy) e apuntounos como responsábeis principais da crise en España mentres non dubidou en asgurar que o supervisor financeiro que el dirixía "cumpriu ben a súa tarefa nun período excepcional".

MAFO culpou da crise os gobernos de Aznar, Zapatero e Rajoy e centro as críticas no Executivo actual

Porque MAFO non tivo reparos en botar todos os balóns fóra. Apuntou cara a calquera lado menos cara ao seu e centrou as súas críticas no actual Goberno, ao que acusou de "lanzar unha campaña en contra do Banco de España, tentando descualificar absolutamente a institución sen achegar fundamento ningún".

Ao contrario que o ex secretario de Estado de Economía, José Manuel Campa, que defendeu a reestruturación financeira, MAFO censurou os "cambios" levados nela por parte do ministro de Economía, Luis de Guindos, especialmente contra a súa decisión de "xestionar directamente o caso de Bankia". Ademais, lembrou que desde que o PP chegou ao poder, a prima de risco española superou a italiana e a irlandesa e a Bolsa caeu un 20%, para logo pedir consenso e unidade. 

Os comezos da crise

Do mesmo xeito, Fernández Ordóñez asegurou, ademais, que a crise española débese á burbulla inmobiliaria, "proceso que arrincou a mediados dos anos noventa e se desenvolveu durante as dúas lexislaturas do PP e a primeira do PSOE". As críticas ao Goberno de Zapatero centráronse no feito de que non cambiara antes a estrutura das caixas e non aprobara unha reforma laboral máis profunda. "Son exemplos da longa lista de medidas e reformas que se deberían aprobar na fase de bonanza e cuxa responsabilidade na súa posta en práctica corresponde ao Goberno e os lexisladores", censurou.

Censurou o Goberno de Aznar por causar a burbulla inmobiliaria e o de Zapatero por non facer reformas en tempos de bonanza

Tan só houbo un momento no que MAFO pareceu facer algo de autocrítica, cando asegurou que o Banco de España "podía ter tomado algunhas medidas macroprudenciais que non se adoptaron". No entanto, non precisou máis, ao parecerlle incorrecto facelo "sen deixar ao meu antecesor dar o seu punto de vista".

MAFO, xunto a Jesús Caldera, no Congreso © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.