Máis de 100.000 persoas traballan a tempo parcial en Galicia por non ter alternativa

Persoas con xornada parcial segundo o motivo CC-BY-SA Praza Pública

A temporalidade é un dos trazos característicos da maior parte do emprego creado nos últimos meses, tanto no conxunto do Estado como en Galicia. Así, por exemplo, os empregos temporais do verán supuxeron o 70% da baixada das inscricións nas oficinas de emprego rexistrada en xullo e tamén estaban por tras do bo dato da EPA, que amosou ademais como a poboación activa galega seguiu a descender. Xunto á temporalidade e os baixos salarios outro dos compoñentes desta nova precariedade é o aumento das xornadas parciais que boa parte do persoal ten que asumir por non ter outra alternativa de traballo malia desexar unha xornada completa. Esta é a situación na que se atopan máis de 100.000 persoas no país, segundo os datos máis recentes.

As bases de datos do Instituto Galego de Estatística reflicten que a mediados deste ano ata 103.300 persoas estaban a traballar en Galicia a xornada parcial por non atoparen emprego a xornada completa. Trátase do dato máis alto da serie histórica e da segunda vez consecutiva na que esta cifra supera as 100.000 persoas, o que vén acreditar a consolidación da tendencia segundo a cal non aumenta o emprego, senón que o emprego se reparte entre máis traballadoras e traballadores.

O número de persoas que traballa a xornada parcial por non atopar emprego a tempo completo duplicouse dende 2009

Unha ollada atrás cara á última media década confirma tamén esta fotografía. Non en van, o número de persoas que traballan a xornada parcial por non ter alternativa practicamente duplica a quen se atopaban nesta situación a mediados de 2009, cando eran algo menos de 54.000 persoas. Mentres, a poboación que traballa con xornada parcial por non desexar un emprego a tempo completo mantense estable en torno ás 10.000 persoas e mesmo baixou un chisco nestes anos.

Os coidados seguen a condicionar máis o traballo das mulleres

Ademais da precariedade laboral que sofren estas 100.000 persoas -que supoñen arredor dun 10% da poboación activa galega- estes datos permiten observar tamén como os coidados de infancia e anciáns e as obrigas persoais e familiares en xeral seguen a condicionar en maior medida a vida laboral das mulleres mentres practicamente non afectan á dos homes. Aínda que os números totais de persoas que deciden traballar a tempo parcial para dedicarse aos coidados baixaron durante estes anos, quen teñen que facelo son, basicamente, mullleres.

17.000 mulleres traballan a tempo parcial por ter que dedicarse aos coidados; a cifra de homes que o fai non chega aos 1.000

Os números máis recentes indican que en Galicia hai case 17.000 mulleres que renunciaron a traballar a tempo completo por téren que dedicar unha parte de cada día a estas tarefas de coidado. Mentres, a cifra de homes que o fan non chega aos 1.000. No ano 2009 eran uns 2.200 homes os que tiñan xornada parcial por esta raźon, mentres que a cifra de mulleres se achegaba ás 30.000.

Os coidados son, precisamente a segunda razón máis frecuente á que aluden as persoas cuestionadas polo motivo da súa xornada laboral parcial. Durante estes anos descendeu significativamente o número de persoas que traballan a tempo parcial a causa de estar seguindo cursos de ensinanza ou outro tipo de formación. A enfermidade ou incapacidade propia mantívose durante todo o período analizado como a última causa para non traballar a tempo completo.

Un traballador da construción CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.