Máis de 112.000 parados galegos xa non cobran prestación

Vista dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Coinciden todos os principais sindicatos. O dato máis preocupante das cifras facilitadas este xoves polo Goberno central respecto ao paro rexistrado non é o aumento no número de desempregados en Galicia -que xa é malo dabondo- senón o que se refire ás estatísticas relativas ás coberturas para esas persoas en desemprego.

A finais do mes de agosto, había 2.300 beneficiarios menos de prestacións que un ano antes e só 56.600 cobran prestacións contributivas

Segundo as cifras achegadas polo Ministerio de Emprego, o número de beneficiarios de prestacións en Galicia era de 124.392 a finais de agosto, 2.298 menos que o mes anterior. Pero o caso é que deste total de parados con prestacións, tan só 56.625 perciben prestacións contributivas, bastante menos da metade. O resto dos casos son beneficiarios de subsidios (55.105) ou rendas activas de inserción (12.662).

Pero a taxa de cobertura aínda é máis preocupante. Nese pasado mes de agosto -o último mes contabilizado nestas estatísticas- situábase no 57,5%, máis de cinco puntos menos que un ano antes, cando chegaba ao 62,6%. Isto significa, xa que logo, que en Galicia hai unhas 92.000 persoas paradas que teñen experiencia laboral pero non cobran prestación por desemprego ningunha.

A taxa de cobertura en Galicia sitúase no 57,5%, máis de cinco puntos menos que un ano antes

A taxa de cobertura, por outra banda, é case tres puntos inferior á do conxunto do Estado, que se sitúa no 60,4% e que descendeu en catro puntos no último ano. Hai, xa que logo, 112.547 parados que non teñen ningún tipo de cobertura, "co forte risco de exclusión social que isto supón", tal e como denuncian CIG, CCOO e UGT.

No conxunto de Estado, o número de persoas que cobran unha prestación tamén segue a reducirse: se nun ano o paro baixou un 5,9%, os beneficiarios fixérono un 12,2%. Na actualidade hai 2.528.005 persoas que perciben algunha prestación.

Os Orzamentos do Estado prevén un recorte do 15% para prestacións por desemprego

Precisamente, os Orzamentos Xerais do Estado de 2015 recollen un recorte do 15% na partida para prestacións por desemprego. As estimacións do Executivo central son que máis de 2,5 millóns de persoas as cobren durante o ano que vén, aínda que só un millón percibirá unha prestación contributiva, xa que moitos beneficiarios perderán o seu dereito a ela ou nin tan sequera o xerarán.

O ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, asegurou este mesmo xoves na Cadena Ser que non se trata dun recorte, senón que, dada a evolución do emprego que o Goberno agarda para o vindeiro ano, moita menos xente necesitará unha prestación. "Non se reducen as prestacións, hai menos xente que a vai utilizar, centos de miles", dixo. 

Tan só dous autónomos máis en setembro

Por outra banda, a Federación de Organizacións de Profesionais, Autónomos e Emprendedores (OPA) sinalou que Galicia gañou dous autónomos entre agosto e setembro. Segundo o colectivo, o dato tírase dos resultados dispares entre as provincias, xa que mentres A Coruña suma 31 autónomos e Ourense 29, Lugo conta con 51 traballadores por conta propia menos e Pontevedra con sete menos.

Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.