Máis de 190.000 parados galegos non cobran prestación ningunha

En defensa do emprego CC-BY Susete

Pouco máis de 105.000 dos case 300.000 parados que hai en Galicia, segundo os últimos datos da EPA, perciben prestacións por desemprego. A taxa de protección dos desempregados galegos sitúase así no 35,4% no primeiro trimestre deste ano, o que supón punto e medio menos que no mesmo período de 2012. Así se pode comprobar no estudo da Fundación 1º de Maio elaborado por Enrique Negueruela, membro do Consello de Emprego, Economía Social e Relacións Laborais deste centro de estudos, e que debulla as cifras para determinar a protección real da cidadanía sen traballo e que contrapón á denominada taxa de cobertura, que basea a súa porcentaxe só nos parados rexistrados nas oficinas de emprego, pero non na devandita EPA nin en todas as persoas sen emprego.

Máis de 190.000 parados galegos non perciben prestación ningunha

De ter en conta os datos oficiais, a taxa de cobertura en Galicia sitúase na actualidade no 58,7%, polo que arredor duns 129.000 desempregados non terían ningún tipo de prestación. Non obstante, e segundo este preciso estudo dirixido polo que fora asesor da Consellería de Traballo da Xunta durante o goberno bipartito, a realidade é aínda moito peor. Son máis de 190.000 os parados galegos que non perciben prestación ningunha (191.797), o 35,4% do total, unha taxa aínda inferior á media estatal (32,5%) pero superior á de varias comunidades autónomas.

A taxa de cobertura, aínda que ten en conta a todos os que cobran algunha prestación, só inclúe os demandantes parados rexistrados e os eventuais do subsidio agrario, que non figuran no cómputo de paro rexistrado. A taxa de protección baséase na EPA e en todos os cidadáns sen emprego, estean contabilizados nas oficinas ou non.

Tan só tres de cada dez mulleres desempregadas cobran algunha prestación

E a situación é cada vez peor. A cada trimestre que pasa, a protección dos parados abrangue menos xente en Galicia. Especialmente precario é o caso das mulleres desempregadas, xa que tan só o 29,5% delas cobra algunha prestación, máis dun punto inferior á porcentaxe de hai un ano. Xa que logo, menos de tres de cada dez mulleres paradas galegas gozan de protección malia estar sen traballo. No caso dos homes, a taxa de protección elévase ao 40,4%.

Entre a mocidade, como no caso do paro, a situación tamén empeora. Tan só o 18,2% dos desempregados galegos menores de 30 anos percibe algún tipo de prestación. Menos de dous de cada dez persoas sen traballo. Neste caso, a ausencia de protección afecta practicamente por igual a homes (17,4%) e mulleres (19,1%). Ademais, entre os parados entre 45 e 64 anos, tan só a metade está a cobrar algunha prestación.

Case 20.000 galegos viven sós e sen percibir ningún tipo de ingreso

Os preocupantes datos sobre a protección dos parados galegos únense aos propios que achega a EPA e que foron difundidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Segundo as cifras, o número de fogares galegos con todos os seus membros en paro incrementouse un 5,8% no primeiro trimestre do ano con respecto aos tres meses anteriores, alcanzando así un total de 101.500. Ademais, en 34.300 deles non entra carto ningún, mentres que hai 19.400 persoas en Galicia que viven soas e que non perciben ningún tipo de ingreso.

Taxa de protección
  Galicia Estado
Total 35,4% 32,5%
Mulleres 29,5% 27,2%
Homes 40,4% 37,4%

 

Exterior dunha oficina de emprego © Encomun.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.