Máis de 5.000 persoas levan Ferrolterra a Santiago para reclamar a supervivencia do naval

Mobilización en Santiago CC-BY-SA CIG

“O conselleiro deu largas e condicionou todo aos acordos aos que cheguen os presidentes da Xunta e do Goberno central. Sabemos que hai moitas presións, pero o naval de Ferrol non pode agardar máis. Precisa garantías de futuro, porque iso é o que está en xogo: o noso futuro”". Con esta dureza se pronunciou este mediodía o portavoz da CIG en Ferrolterra, Manel Grandal, tras ser recibidos polo conselleiro de Industria, Javier Guerra. Xornada en que Santiago de Compostela acolleu as protestas que desde hai meses veñen protagonizando os traballadores do naval de Ferrol e Fene. Máis de 5.000 persoas, segundo apuntaron desde a CIG, CCOO e UGT, se mobilizaron na capital galega para pedir o compromiso firme da Xunta. Reclamaron carga de traballo e, de novo, a construción dun dique flotante que permita aos estaleiros facer reparacións de buques de maior carga.

No verán, cando saian das gradas as últimas embarcacións, haberá máis de 2.000 despedimentos

A manifestación foi o punto e final de dúas xornadas nas que máis de cen delegados sindicais de Ferrolterra se fixeron camiño desde A Coruña para "loitar pola supervivencia" do sector e "a comarca enteira", como indicou a Praza Emilio Juanatey. Son máis de 17.000 os postos de traballo que están en xogo. Comisións Obreiras lembrou que no verán, "cando saian das gradas as últimas embarcacións, haberá máis de 2.000 despedimentos, que se sumarán aos máis de 700 que foi habendo nos últimos tempos". No último mes foron ao paro máis de 200 traballadores.

Para o secretario nacional de CIG-Metal, Xoán Xosé Bouzas, "remataron todos os prazos e agora é hora dos feitos". Na concorrida mobilización insistiu en que xa "non se poden escusar nin nos gobernos anteriores, nin en que Bruxelas nos limita e, con contundencia, exiximos o levamentamento do veto á construción naval civil en Ferrol".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.